Segundo o presidente da federación, o Goberno non negociou cos concellos nin tivo en conta a autonomía municipal.
Carlos Fernández, presidente da Fegamp e alcalde de Ames
A Fegamp rexeitou este martes os proxectos de Lei de Vivenda e de Servizos Sociais, ambos os dous impulsados polo BNG, ao considerar que "atentan contra a autonomía municipal". O presidente da federación, o socialista Carlos Fernández, dixo da futura Lei de Vivenda que podería "colidir" cos plans de ordenación urbanística dos concellos.
Como mostra, Fernández afirmou que o Decreto de Habitabilidade interfire co límite de altura máximo aprobado en plans municipais. Tamén dixo que era "desproporcionada" a reserva do 40% dos inmóbeis para vivenda protexida. A comisión executiva da Fegamp aprobou un informe preliminar sobre o anteproxecto da Xunta para "abrir un espazo de diálogo" co departamento que dirixe Teresa Táboas.
Na mesma liña, Carlos Fernández lamentou que a Vicepresidencia redactase o anteproxecto da Lei de Servizos Sociais "de xeito unilateral" e pediulle ao Goberno que "non pase do poder local nin o entenda como subsidiario seu". Porén, negou que os concellos se opoñan a destinar o 7% do orzamento a servizos sociais: "Case seguro que os municipios superan esa porcentaxe porque son o substento básico para a prestación de servizos sociais".
Para o presidente da Fegamp, "o que se discute non é unha contía maior ou menor, senón que se interfira nos presupostos dende unha administración que non é superior dende unha perspectiva xerárquica".