Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tres veces máis ca en 2004

Vicepresidencia destina 63,4 millóns aos municipios para servizos sociais

A Lei de Dependencia, a execución de proxectos de desenvolvemento do pobo xitano e a Lei de Servizos Sociais son algúns dos eidos de investimento.

Redacción - 18:41 31/03/2008
Anxo Quintana e María Xesús Lago, este luns

Anxo Quintana e María Xesús Lago, este luns

A Vicepresidencia da Xunta vai destinar un total de 63,4 millóns euros en 2008 aos municipios para a prestación de servizos sociais, o que supón tres veces máis cós 18,5 millóns de 2004. O 'Plan de Financiamento de servizos sociais ás corporacións locais', presentado este luns polo vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, recolle este orzamento.

Haberá un mínimo de 39,5 millóns para a convocatoria anual de axudas directas aos municipios, namentres que os 23,9 restantes serán xestionados polo Consorcio de Servizos de Igualdade e do Benestar, integrado pola Xunta e por 236 dos 315 concellos do país. "Agardo que quede desmontada a idea de que a creación de entes como o Consorcio vai en contra da colaboración", salientou Quintana, en alusión ás críticas recibidas por parte do PPdeG e dalgúns alcaldes do PSdeG.

Neste senso, remarcou que a prestación dos servizos sociais require da coordinación entre distintas institucións, e admitiu que se precisa da participación dos municipios para poder cumprir o "grande reto" de construír o Sistema Galego de Benestar. "Trátase de implicalos na prestación activa destes servizos", engadiu a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, tamén presente no acto.

"Disipar dúbidas" á Fegamp

En concreto, este investimento terá como ámbito prioritario a aplicación da Lei de Dependencia, mais tamén contempla unha partida específica para a "execución de proxectos de desenvolvemento do pobo xitano".

Respecto a Lei de Servizos Sociais, que a Fegamp criticou por considerar que atenta contra a autonomía municipal e polas incógnitas sobre o seu financiamento, Quintana expresou o seu desexo de que este plan axude a "disipar dúbidas". A norma obriga aos concellos de máis de 20.000 habitantes a investir de aquí a seis anos polo menos o 7% do seu presuposto a políticas de benestar.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: