O documento, elaborado pola Consellaría de Cultura, recolle 4.396 nomes, así como os lugares onde se atopan os restos desas persoas, ademais de 224 casos "descoñecidos".
Estes últimos 224 casos aparecen nos arquivos baixo o epígrafe de "descoñecidos", e son os únicos sen nomes e apelidos neste censo, que esta sexta feira foi entregado ao xuíz da Audiencia Nacional española, Baltasar Garzón, polo Goberno. Os outros 4.396 nomes de vítimas do franquismo están completos, e aparecen a carón dos lugares onde se atopan soterrados os seus posuidores, coa descrición das causas das súas mortes, descritas, entre 1936 e 1939, polos seus asasinos.
Ademais do censo, o xuíz Garzón recibiu un mapa que recolle 305 "lugares de represión", que foron escenario de fusilamentos e paseos ou soterramentos. Tamén hai cárceres e predios nos que se practicou a tortura e 26 foxas e 11 puntos da costa nos que se deitaban os cadáveres.
Antes que fose solicitada
O Goberno remitiulle ao xuíz toda esta documentación, que esta sexta feira estaba xa en Madrid, a pesar de que Baltasar Garzón aínda non llela tiña solicitado. O maxistrado ditara, o pasado 1 de setembro unha providencia na que reclamaba a institucións como o Valle dos Caídos, a Conferencia Episcopal Española (CEE), o Centro Documental de Memoria Histórica ou os alcaldes de Madrid, Sevilla, Granada e Córdoba que elaborasen diversas listaxes e aportasen datos sobre os desaparecidos durante a Guerra Civil.
O xuíz adoptou esta decisión como paso previo a decidir se é competente ou non para investigar as denuncias que varias asociacións da memoria histórica presentaron o 18 de xullo de 2007 na Audiencia Nacional. Estes colectivos solicitaran a persecución penal dos autores das desaparicións, asasinatos, torturas e exilios forzosos que se cometeron a partir de 1936.
Entre as denuncias das asociacións atópanse tamén as formuladas pola Asociación pola Memoria Histórica do 36, de Ponteareas, o que fai pensar que se a investigación avanza, os datos aportados pola Xunta serán útiles para o proceso que se poida desenvolver na Audiencia Nacional española.
Un intenso traballo de investigación
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo aseguraba, o pasado día 3 de setembro, que os datados remitidos a Garzón son froito dun traballo de investigación "rigoroso" no que se implicaron as tres universidades galegas e que xuntou datos de 14.600 persoas, das que 3.588 faleceron durante a contenda.
O censo tirouse do traballo 'As vítimas, os nomes, as voces, os lugares' que no seu momento impulsou a Consellaría de Cultura.