Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE (II)

Grupo lácteo galego: a solución a todos os problemas?

Cun sector en continua crise e á luz dos últimos acontecementos coa venta da planta de Pascual, a creación desta infraestrutura volve cobrar actualidade.

Isabel G. Couso - 09:40 21/12/2009

O 40% do leite que se consome no Estado Español prodúcese en Galiza. O 88% está en mans foráneas, que lle tiran a meirande parte do beneficio: dos máis de tres mil millóns de euros que xera o produto galego no mercado só quedan aquí 300 millóns. Nos últimos 25 anos, as explotacións gandeiras pasaron de dar traballo a máis de 100 mil familias a permitir malvivir a tan só 12 mil. Velaquí unha infinidade de estatísticas e cifras que poñen sobre a mesa a constante continuidade dunha crise que non semella atopar vías de solución.

Con todo, a inquirida resposta que sempre ofreceron os gurús do coñecemento foi a constitución dun grupo lácteo galego, que non só recollese o leite, senón que o transformase, elaborase derivados e os comercializase dende Galiza. Logo de oito frustrados intentos de botar a andar o proxecto, dúas preguntas quedan sobre a mesa: É aínda posíbel pensar nun futuro grupo lácteo galego? e Sería esa a solución dos problemas do sector?

Os que quedaron no camiño
Máis alá do último intento liderado pola anterior Consellaría de Medio Rural, houbo no pasado outros sete proxectos con máis ou menos visos de viabilidade. Mentres gobernos como o asturiano, o vasco, o andaluz ou mesmo o portugués apoiaron decididamente os principais grupos lácteos conformados nos seus territorios, en Galiza ningunha iniciativa se consolidou.

En 1987 a viguesa Larsa aspiraba a converterse en líder no Estado Español, mais a compañía foi vendida á Unión Laitiere Normande (ULN) co apoio da Xunta, encabezada daquela por González Laxe. Catro anos despois, o Parlamento aprobaba, por unanimidade, a creación dun futuro Grupo Lácteo Galego, mais o acordo parlamentario nunca viu a luz.

Xa no 1992 Leyma fusionábase con Colaga e Lactaria Española (Ram) dando orixe ao Grupo Lácteo-Galego. Porén, a falta de inversión frustrou a operación e o novo grupo foi absorbido pola granadina Puleva quen, máis adiante, revendeu a Leite Río. Un ano despois, preséntase na Cámara unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en demanda do devandito grupo galego. Tampouco tivo consecuencias.

En 1998, o empresario valenciano Antonio Marchal buscou apoio sindical, político e financeiro para asentar este novo grupo ao redor de Leite Celta mais, sen o apoio da Xunta, vendeu á estadounidense Dean Foods. Hai tres anos os norteamericanos venderon á súa vez á portuguesa Lactogal.

Finalmente, na última lexislatura BNG e PSdeG inclúen no pacto de Goberno a creación desta infraestrutura de país, unha decisión estratéxica na que puxeron todo o seu empeño os responsábeis de Medio Rural, quen hoxe aseguran que o proxecto estivo a piques de callar. Con todo, voces como a dos líderes de Unións Agrarias (UUAA) e Xóvenes Agricultores (XXAA) dubidan dos verdadeiros avances nesta liña.

Unha saída para a crise do sector?
Se ben todos os sindicatos agrarios coinciden en sinalar que a do grupo lácteo é unha reivindicación histórica, entenden que as diferentes formulacións feitas até o de agora non ofreceron verdadeiras respostas aos problemas do sector. "Se alguén pensa que porque se artelle unha infraestrutura deste tipo nos van pagar o litro de leite a 35 céntimos, equivócase", adianta Román Santalla, secretario de Gandaría da Unión de Pequenos Produtores (UPA).

Nos mesmos termos se pronuncia Carme Freire, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG): "no contexto de prezos e mercado actual, un grupo lácteo non é a solución". Freire reitera que para que os gandeiros puideran recibir un prezo xusto polo seu produto é necesario que conten previamente cunha garantía de prezo e de recollida e asegura que, do contrario, o grupo lácteo galego "podería converterse nunha ferramenta máis de quen decide a política agraria e ser máis unha costa que unha saída".

Outra cuestión é a da implicación dos pequenos produtores do país. Dunha parte, Santalla desconfía dos proxectos que estiveron sobre a mesa liderados por empresarios como Xesús Lence, de Leite Río. Do mesmo xeito, Freire amosa as súas dúbidas sobre a última iniciativa do Goberno bipartito: "adoecía dun esforzo de agrupación", explica, "estábase contando soamente coas grandes industrias e non con pequenos grupos; a maior parte dos pequenos produtores non terían nin arte nin parte, non tirarían beneficio algún da creación desta nova estrutura láctea".

Un grupo artellado ao fío da planta de Pascual?
Os últimos acontecementos no sector coa adquisición da planta que Pascual tiña en Outeiro de Rei por parte dun grupo de cooperativas lideradas por La Arzuana (con Mopán, Perpetuo Socorro, Tierra Llana e outras posíbeis incorporacións que se desvelarán nos próximos días) volveu poñer de actualidade a cuestión do grupo lácteo galego.

Se ben o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, asegura que non cre no intervencionismo e que se debe deixar actuar ás diferentes empresas nun libre mercado, todos os sindicatos entenden que houbo unha importante decisión política detrás deste último acontecemento. "Falar de libre mercado no sector lácteo é unha inxenuidade ou unha mostra de descoñecemento do sector", di Edelmiro López, ex-director xeral de Desenvolvemento Rural. Do mesmo xeito, dende o SLG, Freire explica que "é fundamental que haxa unha clara aposta por parte da Administración: a política agraria ten as súas consecuencias e nada acontece por casualidade".

"A ninguén se lle escapa que este segundo proxecto apoiado pola Xunta en detrimento do de Feiraco estivo teledirixido e moi vencellado a cuestións políticas", di Santalla. Do mesmo xeito, a petición de explicacións á Xunta polo seu papel nas negociacións con Pascual foi común á todas as organizacións agrarias, agás Xóvenes Agricultores (XXAA), que considerou "positivo" o principio de acordo. Porén, voces como a de Román Santalla optan por agardar acontecementos: "está claro que mañas non foron as mellores, pero prefiro que prospere esta iniciativa a que non o faga ningunha".

"Estamos no fondo dun pozo", asegura, "fomos ninguneados pola industria e pola Administración, saímos á rúa sen máis consecuencias, deitamos o leite en troques de vendelo... chegamos até tal punto, que non imos deixar pasar ningunha oportunidade". O tempo dirá en que queda esta operación, mais a compra das instalacións de Outeiro de Rei podería ser, á vista dos acontecementos, unha importante base para a creación dun grupo lácteo. "Nós imos agarrarnos a calquera proxecto que teña viabilidade e que dea unha resposta real aos nosos problemas", insiste Román Santalla, "o que está claro é que a estas alturas non imos tirar a toalla".


5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O 88% do leite galego está en mans foráneas, que lle tiran a meirande parte do beneficio
O 88% do leite galego está en mans foráneas, que lle tiran a meirande parte do beneficio
As grandes marcas de queixos, iogures, batidos ou preparados lácteos procesan o leite galego nos seus centros de produción, fóra de Galiza
As grandes marcas de queixos, iogures, batidos ou preparados lácteos procesan o leite galego nos seus centros de produción, fóra de Galiza
Os gandeiros din estar tan fartos que se agarrarán a calquera proxecto que garanta o seu futuro
Os gandeiros din estar tan fartos que se agarrarán a calquera proxecto que garanta o seu futuro
O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, rexeita o intervencionismo e asegura que hai que deixar actuar as empresas nun libre mercado
O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, rexeita o intervencionismo e asegura que hai que deixar actuar as empresas nun libre mercado
O futuro do sector podería pasar pola creación dun grupo lácteo galego, mais tamén son precisas outras medidas
O futuro do sector podería pasar pola creación dun grupo lácteo galego, mais tamén son precisas outras medidas