A ministra Elena Salgado dixo ver indicios de inconstitucionalidade na norma galega e confirmou a petición dun informe "urxente" como paso previo ao recurso á lei.
"Van moito máis alá das cuestións que provocaron o recurso contra a lei de caixas madrileña", explicou Elena Salgado, vicepresidenta segunda do goberno español e ministra de Economía e Facenda, lembrando que naquel caso a lei foi modificada. Salgado expoñía así a súa convicción de que existirían indicios de ilegalidade na recentemente aprobada lei de caixas galega.
Por este motivo, e segundo avanzou a vicepresidenta primeira, María Teresa Fernández De la Vega, o goberno español solicitou do Consello de Estado un ditame urxente ao respecto desa suposta inconstitucionalidade. De la Vega indicou que o executivo estatal entende que existen preceptos da lei galega que colisionarían coa Lei de Órganos Reitores de Caixas de Aforros (LORCA). Así, nun prazo máximo de quince días, o goberno español terá o informe correspondente que, subliñou Salgado, confirmaría a posición do ministerio a prol da presentación dun recurso contra a lei de caixas ante o Tribunal Constitucional.