Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
(Re)Programa de Goberno

Logo dun ano no poder a Xunta de Feijoo pensa na súa Galiza do 2020

Cun investimento estimado de 46 mil millóns ponse de obxectivo converxer co PIB europeo nunha década e acadar un país "formado, innovador e trilingüe".

Redacción - 19:15 29/04/2010

O Goberno presentou este xoves un novo Plan Estratéxico, Galicia 2020, que, como indica o seu nome, marca obxectivos de aquí a 10 anos. Para acadalos, investirá máis de 46 mil millóns de euros en 100 medidas entre 2010 e 2014.

Con ese plan aspírase a pasar do actual PIB per cápita do 90% da media da UE ao 95% en 2014 e ao 100% en 2020. A taxa de fracaso escolar reduciríase do actual 26% até menos do 20% en catro anos e a menos do 10% no 2020, e a porcentaxe de poboación de entre 30 e 34 anos con titulación superior ascenda do 41% actual a máis do 50% ao final do período, pasando polo 45% de 2014.

Outras das aspiracións da Xunta, de aquí a 10 anos, é que o 75% dos fogares e das empresas fagan uso das novas tecnoloxías, fronte ao 42,3% actual, e que o investimento privado en I+D+i supere o 3% do PIB dende o 1% de hoxe. Así mesmo, marcouse o obxectivo de que a electricidade a partir de fontes renovábeis supere o 80%, fronte o 61,3% de 2010.

O documento afirma inspirarse nos principios de estratexia económica marcados pola UE, de crecemento intelixente, sustentábel e integrador. Entre os seus moitos obxectivos concretos están o do acceso á educación é á cultura "en condicións de igualdade no marco dunha Galiza formada, innovadora e trilingüe", ou converter o contorno natural "nun factor positivo para o desenvolvemento" do país. Un sistema de seguimento e de avaliación continua controlará que se acadan os obxectivos marcados no plan.

Basearase en cinco eixos de actuación. Deles, o relativo á cohesión social será o que leve máis recursos, con algo máis de 28.600 millóns, seguido do de dinamización económica, que levará algo menos de oito mil millóns. A economía do coñecemento irán dirixidos 1.443 millóns; a sustentabilidade ambiental e equilibrio territorial, 6.611 millóns, e a administración austera, eficiente e próxima, 2.023 millóns de euros.

A pretensión do Goberno é liderar ese novo modelo coa participación do resto das administracións, empresas e clústers, centros tecnolóxicos, universidades e axentes sociais, co fin de substituír a lóxica dos recursos pola dos resultados, nun momento de restricións financeiras, aínda que o principal reto é o avellentamento e o despoboamento, xunto á situación periférica, a mudanza climática ou a globalización.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: