Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé María Lema

¿Volta á prehistoria da pedagoxía? O profesorado non conta para Educación

12:57 26/01/2010

Os señores da Consellería de Educación tiveron a ben enviarme un comunicado para explicarme a bondade das “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario” o día anterior á anunciada folga no ensino convocado contra tales Bases. ¡Xa non era sen tempo!, pero fago mentes de que se acordaron un pouco tarde de que os profesores existimos, pois nese borrador do galego (sic) que cociñaron entre eles en ningún lugar se ten en conta a opinión do profesorado. Aparecemos coma simples executores das súas ocorrencias, coma convidados de pedra obrigados a dar as clases no idioma que nos impoñan –agora si- os pais por unha parte e o Consello Escolar pola outra. O Consello Escolar é o único sitio onde temos algo de voz, pero para utilizarnos, para que sexamos nós os que lles impoñamos ós propios compañeiros o idioma. O conflito nos consellos e nos claustros está servido. Nesta viaxe cara ó pasado, a Consellería parece querer retrotraerse ó tempo dos romanos, cando o pedagogo (do grego paidós ‘neno’ + latín ago ‘conducir, levar’) só era o escravo que se limitaba a levar o neno do patricio á escola, volvía buscalo, e logo repasáballe as leccións na casa. Así somos tratados agora, coma servos do ensino sen dereito a opinar. Claro que este revival á prehistoria non nos debe estrañar moito, pois o partido de Feijoo e Rajoy xa está propoñendo na Xustiza a volta ó “ollo por ollo, dente por dente” da lei de Talión do código de Hammurabi (ca. 1790 aC).

Volvendo á notiña, leo que ma envían “co obxectivo de propiciar o máximo consenso”. ¿Como me piden consenso cando non me pediron opinión? Tamén din que as bases do decreto pretenden superar o debate suscitado arredor das linguas en Galicia. Saben de sobra que ese debate non existía ata agora, que o provocaron Vdes. por motivos electorais. Pero o máis indignante é que pretendan convencerme de que queren “contar coa miña participación neste proceso ilusionante” para “lograr un marco educativo que sexa garantía da mellor convivencia nas aulas e na sociedade”. ¡Ilusionante! Xa viron o ‘ilusionadas’ que estaban máis de 60.000 persoas –a maior parte profesores- que ateigaron o Obradoiro compostelán o día 21. Son Vdes. os que están desilusionando o profesorado: nos 33 anos que levo no ensino nunca vira tanta desilusión e inquedanza. ¡Convivencia! Levo no meu instituto desde 1982: nestes 28 anos uns profesores demos as clases en galego e outros en castelán sen conflito, coa máis natural das convivencias. Inspectoras da seriedade coma Dª Paz Lamela –asinante, por certo, do Manifesto pola lingua de ProLingua (apartidaria e plural)- poden corroboralo. As sucesivas xeracións de alumnos e alumnas –na súa maior parte galegofalantes- dirixíronse ós/ás profesores/as no idioma que quixeron coa máis exemplar das convivencias. En todo este tempo non houbo aquí nin o máis mínimo conflito polo asunto da lingua, nin por parte dos pais, nin dos alumnos, nin dos profesores nin do persoal non docente. Ata agora fomos –somos- un dos innumerables exemplos de convivencia lingüística en Galicia. ¡Veremos qué pasa a partir de agora! Se esta idílica pax lingüística se tronza, a culpa non a teremos nós, os desta comunidade educativa, senón os que turran en meteren os cans na bouza creando problemas onde nunca os houbo.

4,95/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Lema

Xosé María Lema (Vimianzo, 1950) é historiador. »



Anteriores...