Xustamente este 26 de decembro cumpríronse os 242 anos do nacemento de Juan Antonio Posse, cura ilustrado e liberal galego (Soesto-Laxe, 1766) practicamente descoñecido en Galicia porque desenvolvera o seu ministerio en León, onde finou en 1854, á idade de 88 anos.
Posse fora sacado do anonimato polo historiador estadounidense Richard Herr, que en 1984 editara as súas Memorias(1), escritas polo eclesiástico en 1834 pero practicamente inéditas ata o séc. XX. Nelas cóntase a infancia do crego en Soesto ata os 12 anos; a súa marcha a León con seu pai para estudar alí para cura cun tío seu que xa o era; as experiencias vividas nas tres parroquias de León nas que exerceu o seu ministerio (Llánaves, Lodares e San Andrés del Rabanedo); a súa curiosidade e ansia de saber inmensa, que o levou a conseguir permiso eclesiástico para ler libros prohibidos pola Inquisición e a aprender pola súa conta francés e italiano; as súas detalladas viaxes á súa ‘querida patria’ (Galicia), para ver a súa familia de Soesto e contactar, quizais, con membros do grupo liberal da Coruña; os contratempos sufridos co paso dos franceses por León, que saquearon a súa rica biblioteca; a súa valente defensa, ante os seus fregueses de Rabanedo, da Constitución de 1812, rexeitada pola inmensa maioría do clero da época; a persecución que soportou a partir de 1814, a resultas da restauración absolutista de Fernando VII; o desencanto motivado polos inicios do goberno dos liberais do Trienio, que vai provocar en 1820 o envío á Coruña dunha sorprendente carta de carácter arredista.
Infortunadamente a última parte das Memorias de Posse non se publicaron no seu día e hoxe atópanse perdidas, en espera de que as descubra algún investigador ou anticuario. Richard Herr lamentábase deste feito, e aínda hoxe pouco ou nada sabemos do que lle aconteceu entre 1820 e 1834.
Froito das nosas investigacións conseguimos saber a data da súa morte (1854), o texto do seu testamento e, principalmente, publicamos un opúsculo atopado na súa casa materna de Soesto (a Casa Vella ou Casa de Mariana, súa nai): a «Plática Tercera»(2), do ano 1838, comentario crítico á Constitución de 1837 que asinaría calquera historiador actual.
O profesor da USC, Ramón Mariño Paz, faríase eco das opinións de Posse sobre a lingua galega, en artigos publicados na revista A Trabe de Ouro. Máis recentemente, a finais do ano 2000, recibiamos unha carta dun profesor da Universidade de Cádiz, Fernando Durán, que nos notificaba o interesante que lle estaba resultando a vida deste cura para a súa tese de doutoramento, centrada nas autobiografías de persoeiros españois dos séculos XVIII e XIX:
“[Posse] es uno de los autores que con más extensión y detalle trato sobre la autobiografía de este período (...) porque sin duda es uno de los mejores escritores del momento en ese género y es una lástima lo poco que sabemos de él y lo desconocido que sigue siendo en las letras españolas”.
O profesor Durán López, de raíces maternas galegas, lograría publicar a súa tese en 2005(3), e nela o presbítero oriúndo da Costa da Morte, dunha nómina de máis de vinte persoeiros -entre os que se atopaban algúns de gran sona coma Gregorio Mayáns, Fr. Martín Sarmiento, Tomás de Iriarte, Vargas Ponce, S. Miñano, G. M. de Jovellanos, L. Fernández de Moratín, Mor de Fuentes- foi sen dúbida a figura máis relevante para o tema obxecto de estudo:
“[Posse] es uno de esos escritores anónimos postergados por una coyuntura histórica, un modo de vida y una suerte personal que han contribuído a oscurecerle (...), pero en sus líneas brilla una mente lúcida y vigorosa (...). Sin duda, España ha perdido en él un gran escritor que apenas nos ha dejado algunos retazos de un talento que nunca pudo dejar salir. Todo ésto le convierte en una figura peculiar del primer liberalismo español, que necesitaría un estudio más detallado” (F. Durán; 2005).
Notas:
(1) J. A. Posse (1984): Memorias del cura liberal don Juan Antonio Posse con su Discurso sobre la Constitución de 1812; edición a cargo de R. Herr; CIS/Siglo XXI, Madrid.
(2)J. A. Posse (1998): Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a «Plática Tercera» (1838); edición e notas de X.Mª Lema Suárez; CSIC/Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento; Santiago de Compostela.
(3) F. Durán López (2005): Vidas de sabios. El nacimiento de la autobiografía moderna en España (1733-1848); CSIC/Instituto de la Lengua Española, Madrid.
Xosé María Lema (Vimianzo, 1950) é historiador. »