Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé María Lema

Frases lapidarias

11:08 16/05/2008

Hai uns anos un presidente dun club de fútbol fixérase famoso polo ‘toque’ persoal que lles imprimía a certas máximas de corte erudito. A súa pataca menuda disque dera a volta ó mundo. Todo fora empezar, pois logo incrementaría a súa colección con perlas como 'estamos entre la espalda y la pared', aínda que se sospeita que moitas delas non eran súas, senón de envexosos que pretendían emulalo.

Unha vez que o citado directivo deixou de nadar na ambulancia porque o club empezou a estar de caspa caída, veu agora ocupar o seu privilexiado lugar un alcalde de certo concello do ámbito da Costa da Morte; con todo merecemento, pois hai constancia de que ningunha das súas orixinais máximas son apócrifas, senón da propia colleita; as hemerotecas non me deixarán mentir. O rexedor de áulico nome vai ser recordado como o máis prolífico creador de frases lapidarias. Lapidarias por partida dobre: a) porque todas está relacionadas coas pedras -a súa teima obsesiva-; b) porque tamén merecerían quedar gravadas en letreiros pétreos, con letras capitais, á entrada dos máis famosos monumentos líticos do universo.

"As pedras son pedras" foi a primeira da que se ten noticia, pronunciada -baixo a inspiración da musa Clío, a da poesía épica- cando lle anunciaron a presentación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei para declarar os Penedos de Pasarela e Traba monumento natural. Como tales penedos mereceran a cita de escritores da categoría de Eduardo Pondal, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro ou Manuel Rivas, debeu pensar que sobraba tanta leria –palabra para el equivalente a ‘literatura’- e que cumpría chamar ó pan, pan e ó viño, viño. Ademais, se un tal Boskov pasara á historia do fútbol cunha frase tan de caixón como fútbol es fútbol, ¿porque non ía pasar el tamén con outra case idéntica?

Non quedou esgotada a inspiración, pois ó pouco tempo –e da man da musa Urania, a da astronomía (que el debeu confundir con gastronomía)- deu á luz a segunda sentenza incontestable: "As pedras non se comen", digna de figurar á entrada da Ciudad Encantada de Cuenca, por se acaso algún turista -deses que el chama ‘de bocadillo’- tivese a ousada tentación de querer larpar entre dúas lonchas de xamón unha desas singulares formacións pétreas da serranía conquense, en especial as que teñen forma de cogomelos.

Non tardou en asombrar o mundo coa terceira das frases, que mesmo se podería poñer á entrada da Calzada dos Xigantes de Irlanda (declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco): "As pedras só serven para facer casas". Desta vez a visitadora foi Talía, a musa da comedia; menos mal, porque se chega a ser Melpómene, a da traxedia, os irlandeses pensarían que falaba en serio e correríano a cantazos por atentar contra unha das súas principais fontes de ingresos.

Moitos xa viamos no edil a reencarnación do famoso Penseur rodiniano, cando vai e sorprende ‘urbi et orbi’ coa súa última pinga (que non a derradeira...), aparecida en La Voz de Galicia o pasado día 13 (p. 31) con motivo da declaración oficial dos Penedos de Pasarela e Traba como paisaxe protexida. "As paisaxes non dan traballo; as industrias si", A sentenza definitiva. O summum. Esta máxima debeu ser inspirada pola musa Terpsícore, a da poesía coral e a danza, pois é moi aquelada para cantar a coro bailando ó ritmo das bailarinas do can-can. Tanto serve de slogan para unha manifestación (sindical?) ante a celulosa de Pontevedra como para situar á entrada do Gran Canón do Colorado, e que tomen nota eses americanos do nabo, que xa no séc. XIX deixaron os picos e as pas e substituíron a busca do ouro pola máis lucrativa explotación do turismo paisaxístico. ¡Que parvos! Se fixesen ó contrario hoxe habería alí unha descarnada paisaxe lunar para filmes de terror, chea de buratos e fochancas, con voitres preeiros ó axexo.

4,75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: