Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé María Lema

O cura Posse, ignorado pola historiografía galega (e II)

11:29 23/02/2009

O interese crecente que ía cobrando a figura do sacerdote Juan Antonio Posse motivou que o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte organizase, o 21 de abril de 2007, unha Xornada en Laxe para poñer ó día as investigacións sobre el e contribuír a sacalo do esquecemento en que se atopaba en Galicia. Hai pouco presentamos, en Santiago e en Laxe, as Actas desta Xornada (1), coas interesantes contribucións de Ana Romero Masiá sobre o liberalismo coruñés do séc. XIX, de Xosé Mª Méndez Doménech sobre a familia Doménech –fomentadores cataláns da pesca- e os inicios da burguesía industrial en Laxe, de Pegerto Saavedra sobre o clero da época, de Ramón Mariño Paz sobre o idioma galego daqueles tempos e de Fernando Durán, coa máis seria análise crítica que ata o momento se leva feito da figura do eclesiástico. Esta publicación complétase coa novidade doutro novo dato biográfico do cura: o seu proceso e encarceramento en 1827 por insolentarse co Gobernador eclesiástico de León; nin sequera na abominable Década Ominosa de Fernando VII se moderara a súa rebeldía e inconformismo.

Facemos votos para que estes estudos sirvan para profundizar no estudo da obra deste singular crego ilustrado e liberal, constitucionalista español e –quizais- pregaleguista; republicano nunha época en que case ninguén o era; colectivista cando todo o liberalismo defendía con uñas e dentes a propiedade privada; anticlerical declarado e, á vez, profundamente crente e relixioso ata case o integrismo, pois estaba influído por lecturas xansenistas.

Aínda que conseguimos que o Concello de Laxe lle fixese un mínimo recoñecemento coa colocación dunha placa conmemorativa na súa casa natal e polo feito de dar o seu nome ó Centro Cultural de Soesto, o certo é que a figura de Posse parece espertar máis interese fóra de Galicia que dentro dela. Ademais do interese do profesor gaditano, desde a Universidade de Berkeley (California, EE.UU.), o seu moi ilustre profesor emérito Richard Herr tivo a deferencia de enviarnos un correo saudando con entusiasmo a presentación das Actas: “Para mí resulta una gran satisfacción ver como el mundo hispano y sobre todo gallego ha llegado a apreciar este personaje genial cuyas memorias han dibujado un cuadro único de la España de finales del XVIII y principios del XIX”.

É que, aínda hoxe, J. A. Posse segue sendo completamente ignorado pola historiografía galega contemporánea. O profesor Mariño Paz observaba isto na presentación de Santiago, e estrañáballe que nin sequera na completísima obra de Justo Beramendi (De provincia a nación. Historia do galeguismo contemporáneo; 2008) aparecese unha mínima mención do crego laxense como precursor do galeguismo. A clave para dilucidar esta cuestión está en se a xa famosa carta de 1820 ós liberais da Coruña fora produto dunha arroutada momentánea ou, pola contra, froito dunha repousada reflexión política. Isto é o que el nos di nas Memorias do contido desta misiva ó importante grupo liberal coruñés:

“Por esta desconfianza [nos novos gobernantes liberais] y presentimiento de nuestra ruina escribí a La Coruña y a mi país [Galicia] para tratar de hacerse independiente, erigiéndose en República libre y separada de las demás, pues tenían todo lo necesario para poderse gobernar por sí mismos. Y en este caso podían hecerse confederados de los otros españoles, aliados natos de los ingleses y otras cosas de esta especie que entonces me ocurrieron. No gustó esta protesta, y aun fue causa de que se me tuviese por loco en lo sucesivo y me vi precisado a recoger velas, no volviendo a hablar de ello” (p. 249 das Memorias).

Herr aventurara a posibilidade de consideralo, por esta misiva, ‘protonacionalista galego’ (p. 292 das Memorias), cousa que Durán rexeita, dada a constante profesión españolista do crego “y la defensa de un concepto liberal de ‘nación’ identificada con España” ó longo dos seus escritos.

No seu relatorio, publicado nas Actas, Durán López dedícalle un capítulo a este asunto, reafirmándose no seu punto de vista. Malia estar plenamente de acordo con el no fundamental, sigo pensando que, no aspecto afectivo, Posse sentíase profundamente galego; polo menos moito máis que leonés, e iso que en 1834 xa levaba vivindo en León máis de tres cuartas partes da súa vida (56 anos dos 68 que tiña). Como calquera emigrante morriñoso, a súa preocupación constante era Galicia e ben que intentou retornar a ela, tratando de conseguir un curato galego. En suma: Posse, como ilustrado e liberal que era, defendía o concepto de nación da Revolución francesa (o conxunto dos cidadáns españois de ambos hemisferios, neste caso), pero algún carácter diferencial debeu observar na súa ‘patria’ galega cando considerou, sequera por un momento, que reunía todo o necesario para poderse gobernar por si mesma. Poida que no seu subconsciente xa estivese rondando ese sentimento que os nacionalistas alemáns do séc. XIX chamaron o Volksgeist: o ‘espírito do pobo [galego]’.

(1) Actas da I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, o crego liberal; edición e X.Mª. Lema; Ed. Toxosoutos, Noia, 2008.

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Lema

Xosé María Lema (Vimianzo, 1950) é historiador. »



Anteriores...