En maio deste mesmo ano escribía en Vieiros.com un artigo titulado Frases lapidarias, que non tiña outro mérito que o de recoller unhas moi atinadas sentenzas pronunciadas por un xa famoso alcalde do ámbito da Costa da Morte na solemnidade dos plenos ou en declaracións a xornalistas. Ningunha delas foi apócrifa, pois para iso están as hemerotecas para certificáreno. Diciamos que eran lapidarias por partida dobre: a) porque todas estaban relacionadas coas pedras, a súa teima obsesiva; b) porque tamén merecerían quedar gravadas con letras capitais á entrada dos monumentos líticos de máis sona do mundo.
Os membros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte non quixemos que por nada as catro frases gloriosas de tan excelso vate quedasen no esquecemento, e decidimos incluílas no “Calendario 2009” dedicado ós Penedos de Pasarela e Traba para celebrar o noso rotundo éxito, pois malia os ímprobos esforzos deste rexedor contra as disposicións da Xunta de Galicia, esta paraxe vai ser declarada Paisaxe Protexida polo goberno galego. Este alcalde, do PSOE, opuxérase con uñas e dentes á Consellería de Medio Ambiente, que leva o seu propio partido, porque el teimaba en converter os senlleiros Penedos onde “Henry Moore quedaría sen fala e Chillida se dedicaría a outra cousa” (M. Rivas dixit) nunha canteira.
O noso calendario xa está nalgunhas librerías; polo tanto, por esas catro líticas máximas o gran edil ten a honra de ver o seu nome impreso ó lado do de escritores da talla de Eduardo Pondal, Otero Pedrayo, Méndez Ferrín ou o propio Rivas, que tanta tinta gastaran na loa das caprichosas formas naturais.
No artigo anterior tamén tratabamos de penetrar no intrincado mundo das esquivas musas para adiviñar cal delas lle inspirara cadansúa máxima ó excelso aedo. Na primeira frase, “As pedras son pedras”, aventurabamos que a inspiración viñera de Clío, a da poesía épica, pois a sentenza non ten volta de folla: é unha verdade incontestable desde a noite dos tempos. Na segunda, “As pedras non se comen”, suxeriamos que a inspiración lle viñera da musa Urania, a da astronomía, que el debera confundir coa gastronomía (cunha letra comesta). Na terceira, “As pedras só serven para facer casas”, a musa debera ser Talía, a da comedia (porque, colocado este letreiro na Calzada dos Xigantes de Irlanda, os irlandeses ían rir a cachón...). Finalmente, na cuarta, “As paisaxes non dan traballo; as industrias si”, afirmabamos que sen dúbida fora a musa Terpsícore a visitadora, a da poesía coral e a danza, pois podíase cantar a coro e bailando ó compás, imitando o ritmo das bailarinas de can-can.
Pero xa nos daba a alma que a cousa non ía quedar nesas catro frasiñas de nada, que por algo estamos entre as pondalianas terras bergantiñás “roxas ó arar” e as xalleiras dos feros corvos. O tempo veunos dar a razón e xa apareceu a quinta frase. Afortunadamente, as musas non deixan de visitar ó inspirado rexedor, pois no pleno municipal da pasada fin de semana, cando o grupo do BNG presentou unha moción para que a zona de Sabadelle –fermosa paraxe que constitúe a única saída do mar do concello onde el goberna- se declare espazo natural coma os Penedos de Pasarela, segundo o xornalista, visiblemente contrariado, espetou: “Os que van vir ós Penedos e a Sabadelle non van deixar riqueza; como muito unhas bolsas de lixo” (La Voz de Galicia, 1-12-2008).
Debruzámonos de contado nas enciclopedias e nos dicionarios da mitoloxía clásica para esculcar cal fora a musa inspiradora da quinta frase. Abofé que non viamos a ningunha delas brincando de penedo en penedo con bolsas de lixo na man. Pero como algunha tivo que ser, inclinámonos por atribuírlle o estro poético a Calíope, a da poesía elexíaca.
Así e todo, pensándoo ben, non sei se o vate non confundiría a poesía elexíaca coa escatolóxica, á que só hai un paso. E a saber en cal das acepcións do adxectivo se fixou máis... Quizais nas dúas a un tempo. Ou en ningunha.
Xosé María Lema (Vimianzo, 1950) é historiador. »