A construción dunha estrutura de solidariedade galega e por ende a construción dun modelo galego de solidariedade é tamén unha forma de construír unha nación moderna e aberta ao mundo.
O próximo mes AMARANTE celebra o seu oitavo aniversario e faino cunha asemblea de renovación profunda coa que se pretende abrir unha nova etapa na solidariedade feita e pensada desde Galicia.
Moitas cousas teñen mudado nestes oito anos desde que cinco persoas puxeramos en marcha un proxecto que pretendía ser novidoso en canto á interpretación da solidariedade galega, nos seus conceptos políticos, nos seus elementos estruturais e no estilo de actuación. Os preto de 200 socios/as e a cualificación de maior puntuación de ongs no ámbito da sensibilización na última convocatoria da Dirección Xeral de Cooperación amosan o acertado da aposta.
Hai uns meses, a raíz do escándalo que sacudiu as ONG Anesvad e Intervida, eu mesmo comentei desde esta tribuna a necesidade de baixar as organizacións non gobernamentais do limbo no que estaban e situalas de xeito democrático no foco da crítica social e na pluralidade obxectiva que estas teñen. O recente libro de Garrido i Valls, O lado escuro das ONGs, publicado pola editorial ARCOPRESS, vén confirmar algunhas das cuestións pendentes e as dúbidas razoables que sobre o mundo da solidariedade se cernen.
Pero vaiamos por partes.
A construción dun modelo galego de solidariedade significa, desde o noso punto de vista, recoller a traxectoria histórica doutros movementos internacionalistas nados en Galicia nos anos oitenta á calor da solidariedade con América Latina e, moi en particular, coa daquela Nicaragua Sandinista e imprimirlle o necesario proceso de actualización para abordar a etapa da globalización neoliberal.
Obviamente, tres son os piares políticos sobre os que se asenta esta aposta:
- Galeguidade. A sociedade galega vivía de costas á solidariedade, non porque as administracións investisen pouco na materia –cousa real– senón porque as ong eran entidades que aparecían con proxectos pensados intelectualmente noutras partes do estado e a sociedade galega limitábase a ser un suxeito pasivo só interpelado para achegar doazóns e sen posibilidade de participación. A construción dunha solidariedade galega entronca coa perspectiva de país aberto ao mundo que preconizou de xeito vangardista a xeración Nós (“A humanidade é un organismo completo onde cada unha das nacións é unha célula de universalidade”).
- Estruturalidade. A desigualdade planetaria ten causas estruturais e, polo tanto, as solucións van na mesma dirección. Calquera iniciativa para paliar parcialmente os problemas da pobreza e mellorar as condicións de vida das persoas debe estar incardinada nunha estratexia de superación do modelo mercantilista internacional que durante séculos ten adquirido diversas etapas ata chegar ao actual modelo de globalización neoliberal. O papel de denuncia e o carácter crítico vólvense elementos clave que cómpre priorizar nesta etapa.
- Desenvolvemento sostible. A agudización das contradicións do sistema amosan con enorme crueza tanto que as desigualdades sociais e os desequilibrios planetarios teñen relación clara, como que asistimos á necesaria superación dun modelo non só homicida senón tamén suicida. O socialismo como alternativa na súa extensión máxima, como unha sociedade de homes e mulleres libres en harmonía coa natureza –ecosocialismo–, é a única posibilidade de evitar o infarto ecolóxico do planeta. As crises epidemiolóxicas ou sanitarias, así como os mecanismos de destrución do hábitat requiren da construción dunha alternativa ao actual modelo de consumo no que xogan un papel clave os consumidores/as (fundamentalmente no norte) e os produtores/as (fundamentalmente no sur).
Trátase, pois, dunha aposta por un internacionalismo político non asistencial onde os proxectos de cooperación están incardinados nunha dinámica de empoderamento das comunidades do Sur, na súa loita política contra os elementos estruturais que os abocan á pobreza, e interconectados con outras intervencións de sensibilización, denuncia, presión e de busca de alternativas coma o comercio xusto, a banca ética ou os microcréditos.
Pero tamén se trata de superar certas limitacións, tantas veces reiteradas e non por iso menos frecuentes, e introducir os elementos correctivos que impidan novos fracasos e novas frustracións.
– A autosostibilidade dos proxectos. Non é só, como pensan algúns, un problema de tamaño, senón de viabilidade estratéxica para afrontar con posibilidades de éxito tanto os programas e proxectos actuais coma os retos do futuro, que cómpre albiscar con rigor intelectual.
– O exceso de voluntarismo e a falla dunha mínima estrutura profesional nas organizacións sociais impiden unha continuidade estratéxica e abocan, tarde ou cedo, ó esgotamento (é curioso ver como certa esquerda contraria ás estruturas profesionais das organizacións sociais non teñen problema en asumir estruturas xurásicas cando se trata de partidos políticos ou estruturas de poder).
– Construamos un proxecto galego con extensión nacional. O problema do “minifundismo“ orgánico e intelectual coloca a Galicia na periferia dos novos movementos sociais xa de por si complicados de impulsar nun país con tantas eivas. Non é nada estraño observar organizacións de pequenas dimensións compostas polos mesmos catro membros e dirixidas durante décadas polos mesmos líderes a falta de relevo ou polo interese de seguir sendo cabeza de rato.
– Independencia e ideoloxía. Seguimos a ter unha relación subordinada entre cidadanía e poder político que en nada favorece a autoorganización da sociedade civil e, o que é máis grave, afasta a sociedade máis crítica dos seus referentes políticos ao sentirse manipulada e utilizada en función de batallas curtopracistas. O país necesita dunha relación sa e de ti a ti entre a administración e a sociedade civil. Isto permite osixenar a sociedade e, mesmo, ás forzas progresistas, ir mais aló nunha correlación de forzas máis favorable ás mudanzas. Faise necesario que algúns entendan non só que as correas de transmisión son inútiles a medio prazo, senón que cómpre desactivar a rede de fundacións e ongs creadas ao abeiro do poder.
Por outra banda, é curioso que o desarme ideolóxico social actual se dea nun modelo no que son precisamente os partidos políticos os máis interesados en superficializar e frivolizar o debate público, e no que as organizacións sociais poderían xogar un papel clave no debate de ideas.
Estou convencido de que só no entendemento entre proxectos galegos e independentes como Amarante, Verdegaia ou o SLG pode estar a clave para modificar estas dinámicas viciadas.
A solidariedade en Galicia non ten por que seguir debaténdose entre ser cabeza de rato ou cola de león, se algo demostra a experiencia deste anos de Amarante é que é posible construír SOLIGARIEDADE e ser cabeza de león.
Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »