Estas notas non pretenden ser unha sesuda análise sobre a situación do galego. Fixéronse xa múltiples análises, interesantes algunhas e interesadas moitas, sobre a situación do galego.
Son galego. Isto que indica unha expresión de pertenenza a un colectivo convértese nunha definición política cando se sitúa nunha conxuntura de exterminio e acoso a unha comunidade coa forza coa que se está a dar.
Non son lingüista, aínda que creo que o debate do futuro do galego é fundamentalmente un debate político e, polo tanto, na miña concepción das cousas, é un debate que lle compete á cidadanía.
Son optimista (no senso gramsciano do termo, sempre que isto non entre en contradición con ser galego), e iso a pesar de que o meu fillo é o único neno que fala galego entre case un cento de matriculados en infantil nun centro escolar de Pontevedra.
Así que diante do balbordo organizado coa “imposición” do galego para facilitar o regreso do PP ao goberno da Xunta de Galicia só teño que dicir que nos tres anos do bipartito que coincidiron cos estudos de preescolar do meu fillo non se nos aplicou a normativa tan polémica do 50% e neses tres anos o meu fillo non recibiu nin un só minuto de clases en galego (minto: recibiu exactamente 270 minutos cada ano –se excluímos o recreo– das clases do día das “Letras Galegas”). Polo tanto no terreo idiomático non lle teño nada que agradecer ao bipartito e por outra banda se o meu fillo resistiu o proceso de españolización lingüística quere dicir que o colexio é un elemento máis pero non o único.
Entón, cales son, desde o meu punto de vista, os elementos centrais para que o galego consiga sobrevivir a esta nova longa noite de pedra na que se atopa?
Tres poden ser os piares de permanencia dun idioma nun contexto de globalización capitalista coma o que estamos:
O primeiro, a existencia dun Estado soberano que protexa o idioma. Deste punto quedan excluídos algúns Estados febles da periferia global onde o inglés vai impoñéndose ao ritmo que a neocolonización económica se vai afianzando. Tamén quedan fóra deste apartado os gobernos autonómicos, que estando no centro do sistema –aínda que, coma nós, un pouco ladeados– carecen da soberanía para tomar decisións sobre os elementos centrais –entre eles o idioma–. É máis, con toda seguridade, se os portugueses fosen derrotados na batalla de Aljubarrota (1385) hoxe o galego de Portugal estaría desaparecendo como pasa co portugués de Galicia e falaríase castelán en Brasil, Angola ou Mozambique. Ademais habería un grupo que denunciaría a persecución do español en Portugal con esa xenerosidade que adoita caracterizar “lo español”.
O segundo, e toda vez que o primeiro non é o noso caso, a existencia dunha clase dominante comprometida co seu país froito do desenvolvemento histórico na configuración nacional, o cal imprime prestixio social ao idioma e convida aos demais sectores sociais a imitar mimeticamente a aquel. Este que é o caso de Catalunya ou Euskadi e non é o noso por razóns longas de expoñer neste artigo.
O terceiro (o que nos queda toda vez que carecemos do primeiro, de momento, e dado que o segundo non se pode crear de xeito voluntarista) é o combate político tanto global como na politización do cotián. Trátase de afrontar a batalla política sen rebaixas na firmeza colectiva e no compromiso particular.
A experiencia dinos que cando se polariza un debate moderar posturas políticas en busca de novos apoios non fai máis que debilitar a túa posición, perder apoios propios, e nunca gañar desertores doutro bando (aos que nos gusta o xadrez sabemos que o enrocamento só serve en momentos de resituacións tácticas, nunca en momentos de confrontación). O discurso político debe ser radical –no senso democrático e non no ideoloxicista– que xere capacidade de rearmamento ao sector galegofalante. Comentarios públicos desde o nacionalismo do tipo “eu falo castelán na intimidade” achegan unha mensaxe de prestixio do castelán innecesaria neste momento.
Para iso tamén se necesitan ferramentas cívicas de defensa do idioma. Algúns deberían facer autocrítica por ter permitido no seu momento debilitar, por interese partidario, un instrumento plural na defensa do idioma como era A Mesa pola Normalización Lingüística. Aos outros comprenos vertebrar espazos sociais colectivos independentes e plurais.
Pero, como xa dixen, esta batalla ten unha fronte clave no persoal.
Son da xeración de nenos e nenas con pais e nais galegofalantes entre si e que se dirixían a nós en castelán. A escola era en castelán. A recente televisión tamén era en castelán. Así que tivemos que esperar á adolescencia para rebelarnos contra esa situación e saír do armario idiomático.
As cousas lamentablemente non teñen mudado moito nisto e o proceso de “autoodio” segue a levar aos pais e ás nais –mesmo nacionalistas e progresistas– a falarlles en castelán aos nenos ou a non traballar o tema do idioma coa mesma forza coa que se traballan outros aspectos coma a xustiza, a solidariedade, a igualdade de xénero...
E aí fago un inciso para volver ao aspecto colectivo, debemos ser inflexibles no tema do idioma igual que o somos co machismo, coa violencia de xénero, coa discriminación racial... ou con calquera outra actuación que produza rexeitamento social xeralizado. Só así se creará o ambiente necesario para desacreditar aos que odian o galego.
Volvamos ao compromiso particular. Á politización do cotián. Ao consumo responsable... E agora alguén pensará: a este Xoán fóiselle a olla!
Consumo Responsable? Si! Acaso non exercemos consumo responsable na alimentación libre de transxénicos, no apoio ao pequeno comercio e ao comercio xusto, no apoio ás producións locais, no depósito dos nosos aforros en finanzas éticas... entón por que non na compra de material divulgativo para os nosos fillos? Por que non mercamos vídeos en galego e/ou en portugués. Por que non nos preocupamos de en que idioma ven a televisión do mesmo xeito que o facemos cos seus contidos (e aquí volvo facer un xiro ao colectivo: por que o bipartito non converteu a TVG2 nunha especie de “TVE clan en galego” –dirixida aos máis cativos– en lugar de centrala na repetición dos momento estelares de Gayoso e cía?).
Os dous grandes sectores nos que se ten que enfrontar a batalla do idioma son a infancia, onde se asentan as estruturas idiomáticas, e a adolescencia, onde se afrontan os esquemas vitais. E nos dous, lamentablemente, a batalla estase a perder.
No primeiro caso porque se trata dun problema de “primus inter pares”. Xa dicía antes que o meu fillo ten como lingua propia, e na que se desenvolve durante a maior parte do tempo, o galego. Entón, cal é a diferenza entre o meu fillo e eu? Os meus pais falábanme castelán mentres que comigo o meu fillo fala galego. Eu atopaba nenos que falaban en galego e el non os atopa, polo que cando se xunta cos nenos escorrega inevitablemente cara ao castelán. Soamente con que houbese máis pais e nais (pre)ocupados, a proporción variaría e a batalla “inter pares” podería comezar a gañarse.
No segundo caso: a mocidade, que nalgún momento tiña como referente de rebeldía o nacionalismo, perdeu o idioma a medida que o nacionalismo ía perdendo a rebeldía e pasaba de ser urbano e xuvenil a rural e “maduro”.
Nos anos 80 unha nova xeración de escritores –Manuel Rivas, Suso de Toro, Xelís de Toro...– actualizaron a temática da literatura galega e crearon unha narrativa urbana e moderna. Axudaría moito que este proceso que se deu na literatura, e axudou a prestixiar o idioma entre a mocidade, se dese tamén na música (para cando un “Melendi galego”?).
En todo caso o idioma é de todos e todas, é da cidadanía. Feijoo poderá pasar á historia coma o sepultureiro do idioma, pero todo o mundo sabe que para que esta profesión se exercite necesítase dun cadáver que enterrar.
Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »