Sábese que o momento previo ao amencer é o de maior escuridade. Aferrándose a esta realidade algúns levabamos con maior paciencia a insoportable levedade do pensamento único que nos tocou vivir. E neso estabamos cando o neoliberalismo anticipase ao albor do “outro mundo posible” con toda sorte de fogos de artificio e xogos de luceirio, deixándonos a todos co pé cambiado e o que é peor deixando ao ar as miserias dunha esquerda de inicios do século XXI que realmente foi a única que se creu realmente que chegara o “fin da historia”.
Todo esto era previsible ou ata certo punto predecible vendo a evolución especulativa dos mercados tan “libres” eles e da renuncia sistemática e continua á política. Así, un día a economía política converteuse en xestión económica a secas e algúns substituíron a proposta programática da nacionalización da banca pola practica do “fresh bench”.
Pero vaiamos por partes:
Por unha banda, a globalización ten suposto a financiación da economía. Segunda grande revolución capitalista. Tratase do último eslavón do que na década dos oitenta se deu en chamar a revolución cientifico-técnica e que ten levado a un cambio nos piares económicos sen precedentes so comparables á revolución industrial ou ao neolítico. Hoxe a economía real que crea valor engadido – produtos ou servizos – e xera emprego representa o 1% dos beneficios empresariais globais, namentres a economía financeira e de intercambios bursatis – ordes de compra e venda virtuais que navegan a nivel planetario – representan o 99% dos mesmos.
Por outra banda, a esquerda ( entendida por tal, segundo a herdanza cultural recibida da revolución francesa, aqueles que se sitúan no espazo político de transformación e cambio ) se ten movido desde a caída do muro de Berlín, cunha grande dose de anorexia ideolóxica, entre a perplexidade e a orfandade de referentes e a asunción do modelo dominante obstinándose en demostrar que poden ser os mellores xestores do sistema.
Así, asistimos á primeira crise da globalización sen ter claro como resolvela. Ata o de agora as crises eran de sobreprodución e o sistema capitalista as resolvía destruíndo forzas produtivas ben fora por guerras ou reconversións, pero agora non hai forzas productivas que destruír pois asistimos a unha burbulla financeira inflada artificialmente por movementos especulativos. Postos neste trance os gobernos e os defensores do sistema botan man das receitas do ideario marxista e non se lles ocorre mellor idea que nacionalizar a banca convertendo a Bush no líder do “socialismo” global e a esquerda política que abandonou fai tempo os seus programas de transformación social, coa autoestima baixa, non sabe ou non contesta, sendo escasas as forzas parlamentarias na Unión Europea que se teñen oposto a estes procesos de reparto de dividendos “públicos” e de reflote do capital financeiro.
Xa sabiamos que o liberalismo actual era unha grande mentira: subvencións e axudas ás multinacionais do norte e fortes aranceis aos produtores e produtoras do Sur. A libre circulación de capitais existía pero a libre circulación de traballadores e traballadoras era freada por centos de valados e muros. Agora descubrimos algo “novo” tralas operacións dos gobernos por rescatar os beneficios da banca: o liberalismo consiste na legalización do roubo.
Ocorréseme un par de ideas para os nosos representantes: porque os gobernos teñen que inverter en reflotar empresas privadas os cartos que podían inverter en cumprir os obxectivos do milenio?; porque diante da sospeita de que poida existir fraude xeralizado e malversación de fondos en vez de actuar os gobernos non actúan os tribunais ?
É a hora da cidadanía
Son os movementos sociais e as cidadanías de diferentes rexións do mundo as que teñen dado a cara diante da incertidume. Primeiro poñendo en marcha un movemento de resistencia diante dos diferentes cumios dos amos do mundo. Segundo xerando espazos de reflexión en diversos foros sociais. E, de seguro, artellando propostas programáticas de cambio como xa o están a facer as organizacións sociais e movementos cidadás de América Latina e Caribe.
A caída do muro de Berlín e o esfarelamento do bloque do leste, xunto coa incorporación de China ao modelo neoliberal trala represión da Praza de Tiananmen (1989) creara tal euforia nos mercados que “pensadores” como Fukuyama se atreveron a vaticina o “fin da historia”. A humanidade chegara a un porto seguro do que non se volvería a zarpar.
Pero non pasarían nin tan sequera dous anos desde a caída da Unión Soviética ( 1991 ) cando xa se empezaron a organizar os primeiros movementos de resistencia global.
Nese mesmo ano crease unha coordinación do movemento campesiño contra o progresivo dominio do sector do agrobusiness do mundo rural: A Vía Campesiña. O 1 de xaneiro, data de entrada en vigor do TLC, estala a rebelión Zapatista de compoñente indíxenista en Chiapas.
Por outra banda a operación de marketing “desenvolvemento sostible” do Cumio de Río (1992) impulsada por Shell, Monsanto, Río Tinto, BP,... fracasa e se asentan novas formas de organización contra a globalización: Rede SEED ( Actión for Solidarity, Ecology, Equity and Developmet).
Diversas redes se iran creando na década dos noventa: ATTAC, Rede do Terceiro Mundo en Penang, Plataforma Redes en Uruguai, International Forum on Globalization de San Francisco, The Cornerhouse en Gran Bretaña, Ligne d’Horizont en Francia ou Marcha Mundial das Mulleres entre outras.
Todo esta iniciativa vai culminar no Cumio de Seattle ( 11.12.1999 ). A Ronda do Milenio era a posta de largo da OMC. Hai un antes e un despois deste cumio.
O cumio fora minuciosamente preparado nos centros de poder político ( o chamado quad – USA, UE, Xapón e Canada - ) en intima relación cos grandes poderes transnacionais. Multinacionais como Microsoft, Boeing, UPS, Bank of America, IBM,.. fixéranse cargo dos custes do evento. Mesmo se plantexaban mecanismos de coaptación da sociedade civil ( mesas de dialogo cos principais sindicatos e ONGs ).
O mundo enteiro puido presenciar en directo a revolta de Seatlle, que impediu o inicio do cumio, alterou o seu desenvolvemento e contribuíu ao fracaso do mesmo.
A mobilización máis ampla en USA desde a “Guerra do Vietnam” en diversidade e en número deteriorou a imaxe da OMC e do “libre comercio mundial”. O propio “The Economist”, biblia do neoliberalismo económico editorializou “desastre global”.
Posteriormente a Seatlle a capacidade de mobilización creceu ata o punto de que o ano 2.000 foi definido como o ano da antiglobalización: Washinton, Dávos, Bolonia, Niza, Budapest, ...
A raíz dos chamamento que fai o EZLN xurde en Xenebra ( 1998 ) a chamada Acción Global dos Pobos ( AGP ) contra o “libre comercio” como primeira coordinadora estable contra a globalización económica e o neoliberalismo.
Pero esta coordinación non pasa de ser unha coordinación de protesta, converténdose case nunha moderna ruta de peregrinación polos novos lugares “sagrados”, sen propostas alternativas concretas e cun crecente desprestixio froito da actuación violenta de minorías participantes.
Así, tras un proceso de madurez, xurde o Foro Social Mundial ( 2.001 ), como foro alternativo ao de Davos que reúne anualmente a máis de 2.000 proclamados lideres mundiais, dirixentes políticos e un millar de presidentes de corporacións transnacionais e institucións financeiras.
Co lema “outro mundo é posible” tratase dun foro que sen perder o seu carácter anticapitalista ou antidesarrolista plantexa modificacións ao “status quo” que permita non só mellorar as condicións de vida das persoas senón tamén acumular forzas para unha transformación radical do noso mundo.
O próximo ano, tras un período de descentralización que terá a súa parada en Galicia en decembro, o Foro Social volvera a reunirse en Brasil ( esta vez en Belém ). Pero moitas cousas mudaron nestes oito anos e a recente crise do capitalismo global ten amosado a necesidade de avanzar - de xeito transversal - non so no intercambio de ideas e a coordinación de iniciativas senón refundar, seguindo a pluralidade democrática que representou a 1ª internacional, un opción programática de transformación que permita aos movementos sociais ocupar o papel político que teñen abandonado as forzas políticas.
Unha opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o desenvolvemento económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa natureza e a xustiza social global.
Ainda estamos a tempo. O infarto financeiro do sistema adiantose ao infarto ecolóxico. Por agora estamos a salvo pero non debemos esquecer que o capitalismo global non só é un sistema homicida senon tamén suicida.
Dúas notas....
Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »