Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Hermida

O suicidio do bipartito e a oportunidade posible

12:00 19/03/2009

As recentes eleccións autonómicas, máis aló doutras vertentes que se poden analizar, puxeron de manifesto a necesidade para unha parte ampla do electorado de que exista unha forza claramente antisistémica que desde Galiza conecte coa cidadanía máis dinámica e cos movementos sociais.

Cando se convocaron as eleccións, a finais do pasado ano, ninguén podía predicir unha derrota do goberno PSdG-BNG en toda a súa dimensión, tal e como posteriormente aconteceu. Os resultados das eleccións xerais pasadas, as múltiples enquisas sobre intención de voto ou, con caracter máis fondo, os múltiples estudos que sitúan aos galegos e ás galegas maioritariamente no espazo sociolóxico do centro-esquerda non facían presaxiar un escenario como o resultante.

Por outra banda, a falla de alternativas na dereita e mesmo a situación interna do PP non eran favorables para un crecemento electoral da dita forza. E efectivamente non houbo un crecemento da dereita, é máis, a pesar do crecemento de participación, o PP quedou no mesmo nivel de hai catro anos, moi por debaixo dos seus mellores resultados e lonxe dos sufraxios acadados nas xerais de hai un ano, onde foi superado con creces polos votos das forzas que mantiñan o bipartito.

Logo, que pasou? É coma se o bipartito decidise suicidarse.

As diferenzas de mensaxe entre o sector de Touriño e a rúa Ferraz fixeron o seu traballo no PSOE. O anuncio sobre a seguridade de actividade en Critroën posposto para despois das eleccións e o novo rumbo, máis españolizante, que se quere introducir desde Madrid indicarían unha operación, mal calculada polas consecuencias, de castigo a Touriño por parte do aparato central dirixido por José Blanco.

Pero se isto é así no PSOE, no BNG a cousa non foi moito mellor e a súa resolución é máis importante para o futuro de Galiza e da esquerda.

O BNG xa chegou a estas eleccións como un proxecto amortizado no seu carácter de esquerdas e dinámico. A decisión de apostar por crear un espazo nacionalista neutro (lonxe do seu pasado transformador) afastounos dun sector da poboación clave nestas eleccións e central para a construción de maiorías no futuro. As mobilizacións do seu contorno social e o crecemento do voto branco e nulo (que suman case un 3% do electorado) indican un malestar claro.

O que estaba en xogo nesta ocasión era se aproveitando os instrumentos que ofrece o  poder eran capaces de compensar no electorado da Galiza interior e da terceira idade a perda de votos na Galiza costeira e litoral. Parece que non chega con reproducir os mecanismos de control que tan ben utiliza a dereita se non van acompañados polo seu proxecto orixinario (a dereita galega xa existe e chámase PP).

A derrota do BNG abre un proceso de incertidume, pero tamén apaixonante para a esquerda. Xosé M. Beiras vén de apuntar, coa lucidez que o caracteriza, a necesidade de rectificar e de entroncar o proxecto transformador coa cidanía e cos movementos sociais.

Nada máis necesario.

Pero equivocariámonos se a solución fose volver recrear o BNG (pre-Quintanista) sen sacar as conclusións dos erros do pasado e sen ter en conta as novas dinámicas existentes na Galiza de hoxe, moi diferentes ás de 1982.

Seguramente, o proxecto resultante ten que ter un peso clave das persoas que hoxe, cunha actitude crítica, militan no BNG, pero sería un erro de dimensións históricas reducir a nova forza resultante a unha mera escisión que pelexe polo espazo electoral co BNG. O proceso de refundación da esquerda galega ten a súa masa crítica na esquerda social hoxe non afiliada ao BNG nin ao PSOE.

Debera ser unha forza plural pero claramente antisistémica, e polo tanto, que constrúa unha táctica electoral ao servizo dun proxecto estratéxico de cambio. Nese senso o nacionalismo político necesario (en termos de defensa da soberanía nacional) non pode ser como ata agora un nacionalismo ideolóxico que curtocircuíte a incorporación de novos sectores de esquerda “laicos” nin que sirva de coartada para crear espazos xa existentes nun país onde os espazos son tan achicados. A forza de reforma do sistema xa existe (PSdG) e a forza da dereita tamén (PP) independentemente da maior ou menor galeguidade que adquiran nun momento ou noutro.

Debera ser asembleario e plural, pero este frontismo político debe construírse arredor da cidadanía e dos movementos sociais e non arredor dos partidos políticos con cotas de poder e indispensables compañeiros de viaxe dun partido vangarda que marca a súa orientación. Se non nos serven os partidos clásicos tampouco nos pode servir unha fronte alternativa na que as partes que a conforman sexan partidos clásicos.

Por último, debera ser unha forza moderna que entronque cos movementos sociais e cos novos suxeitos antisistémicos altermundialistas (ecoloxismo, neointernacionalismo, antipatriarcalismo...) e respectuoso coa súa independencia e co seu carácter estratéxico, que os sitúa como referentes centrais na actuación política diaria.

Todas as persoas que pensamos en clave de esquerda (e polo tanto nacional) temos un reto: ser capaces de construír un proxecto amplo e ilusionante que, máis aló dos espazos electoriais que conquira, deba ter como primeiro referente central ese 25% da poboación que, segundo as análises, reclaman un espazo claramente de radicalidade democrática e transformación social. Un proxecto que poña fin ao voto vergoñante “en contra de” e nos permita andar coa cabeza erguida no presente e ver o futuro coa perspectiva do xigante para que realmente GALIZA NON SE VENDA NUNCA MÁIS.

Agora é o momento. Os aparatos estan noqueados e a construción de proxectos anticapitalistas estan a ser unha novidade esperanzadora na realidade global.

3,19/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoan Hermida

Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »



Anteriores...