Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Hermida

Non hai partido

19:00 18/05/2009

Sen necesidade de chegar aos penaltis e tras varias prórrogas perdeuse o partido de xeito contundente. A esquerda anticapitalista, altermundista ou ecosocialista non ten xa nada que facer no BNG (desde o meu punto de vista xa non o tiña hai tempo e era innecesaria a prórroga destes últimos anos que teñen desgastado o equipo).

Pero por que se perdeu o partido:

1.Estratexia errada por parte do adestrador. Xa comentei nun artigo anterior, a raíz da derrota electoral das pasadas eleccións polo bipartito, que non era suficiente con refundar o BNG nos principios da asemblea constituínte de Riazor xa que as circunstancias políticas e sociais mudaran e porque ademais parte dos problemas que hoxe arrastra o BNG veñen, aínda que pareza incrible, das bases constituíntes –frontismo partidario en lugar de cidadán, nacionalismo ideolóxico en lugar de nacionalismo cívico, análise descontextualizada dunha Galiza europea...

2.Fallos tácticos de formulación do partido. O partido que empezou xogando ao ataque e dominando a posesión do balón –esixencia dunha asemblea e petición da dimisión dos responsables para poder facer as rectificacións necesarias– seguiu cun xogo en campo propio, á defensiva e, o que é peor, practicando o que en termos futbolísticos se chama “marrulleo” –posibles negociacións para mater un órgano de consenso incomprensible cando o que existen son xa varios proxectos dentro do BNG–. Isto asemade crea un cansazo psicolóxico nos xogadores que, sabéndose mellores tecnicamente, teñen que xogar coas mesmas tácticas ca o adversario –o patadón para adiante–.

3.Cansazo dos xogadores. As xentes dispostas a dar a última batalla no BNG para construír un proxecto que sendo plural e democrático tivese un claro proxecto político antisistémico e emancipador hai tempo que teñen cansazo físico motivado pola prórroga innecesaria á que foron sometidos tras a decisión do adestrador de non ter dado a puntilla ao partido cando se estaba en superioridade interna e social (sorpasso). A este cansazo axudou a falla de resortes estruturais cos que contaba o equipo rival ( digamos que o equipo contrario tiña o arbitro a favor ).

4.Abandono das bancadas (e aquí estamos moitos). Hoxe, e xa hai tempo, a gran maioría da base social do proxecto galego transformador estamos fóra do BNG. Non é posible construír maiorías alternativas antisistémicas dentro do BNG porque non dan os números despois dun proceso longo de limpeza da disidencia.

Así que se algún punto hai positivo da recente asemblea do BNG é que se dilúen as posibilidades de seguir xogando o partido. O BNG como proxecto transformador está amortizado e para iso só hai que observar actuacións coma as do novo “Leri” do Lérez botando man dunha reivindicación tan reaccionaria como a da capitalidade da provincia despois de ter encabezado, sen resultados electorais satisfactorios, o movemento racista anti-xitano. Só a perda de referentes ideolóxicos de esquerda poden explicar tales actuacións impensables na esquerda nacionalista hai ben poucos anos.

Pero, que facer? –parafraseando a Lenin.

Creo que o cambio (estratéxico) ten que pivotar nos movementos sociais pero isto seguramente necesite dunha complementariedade partidaria (táctica) que impida unha “berlusconización” galega: unha especie de sociedade crítica socialmente pero sen mecanismos tácticos de intervención necesarios para acumular forzas e frear políticas de retroceso de dereitos sociais e políticos conqueridos ao longo dos anos en épocas, coma esta, de crise.

Hai espazo político? Pois non o sei. Aínda que isto do espazo político-electoral é moi relativo. Seguramente hai espazo –fóra do BNG– para un partido reformista galego (traballo ao que animo aos membros de + BNG). Pero estou convencido de que tamén pode, e debe, haber espazo para un proxecto político antisistémico baseado na supeditación aos movementos sociais, cunha política de alianzas baseada na cidadanía, cun proxecto político ecosocialista (tal como entenden o ecosocialismo o MST o outros movementos sociais e non o ecosocialismo de “salón” existente nalgúns proxectos europeos). Un proxecto nacional galego que entenda o nacionalismo coma unha estratexia política e non coma unha definición ideolóxica (neste punto case é preferible a definición de soberanista).

En todo caso o que si non hai espazo é para un BNG ancorado no pasado, cunha estrutura burocrática máis preocupada pola repartición de cargos que pola transformación social. Un BNG que tras un proceso, parecido ao que viviu IU, remate sendo unha estrutura baleira de contido político converténdose nunha especia de ETT para aqueles que se acheguen, que cada vez serán menos pois os oportunistas só se aproximan aos valores en alza (e este non é o caso).

É posible e é necesario construír un proxecto político galego, antisistémico, plural e democrático. Nel sen dúbida teñen que xogar un papel importante os que teñen xogado e perdido o partido da última asemblea do BNG.

Aínda que para iso primeiro hai que saír. Farano? Axiña o saberemos.

Namentres, parafraseando a Beiras, hai vida fóra do BNG e esta latexa con intensidade.

2,56/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoan Hermida

Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »



Anteriores...