Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A AP-9 é o treito máis caro de Europa

A Plataforma Antipeaxe di que a futura A-57 "non é alternativa real" ao treito Vigo-Pontevedra

A Plataforma cidadá pola supresión da peaxe denuncian que o prezo da AP9 entre Vigo e Pontevedra subiu máis que o IPC.

G. García - 09:00 21/03/2007
O treito sufriu un aumento dun 1,2% aparte do IPC

O treito sufriu un aumento dun 1,2% aparte do IPC

Xa hai dez meses desde que as cabinas de Vilaboa deixaron de cobrarlle aos veciños de ambas beiras da ría de Vigo por cruzar a ponte de Rande. Porén, na plataforma cidadá que tanto turrou por a supresión desta peaxe aínda non cantan vitoria.

Esta fin de semana denunciaron publicamente que o treito máis caro de Europa, lonxe de reducir o seu prezo, sufriu un aumento dun 1,2% aparte do IPC. En declaracións a Vieiros, o presidente da plataforma, Verísimo Pazos, asegura que o goberno estatal non debería permitir baixo ningún concepto esta suba e insta tamén a Xunta a que defenda os seus administrados ante tal inxustiza.

Segundo datos dos informes semestrais da Comisión Nacional de Valores, Audasa acadou en 2006 preto de 51 millóns de euros de beneficios netos, o que supón uns 27 millóns para o Estado, aparte do que xera o IVE da facturación. Deste xeito, segundo Pazos, son preto de 40 os millóns que ingresan as arcas públicas, polo que o Goberno “ben pode facer fronte a unha negociación” para reducir o custo da peaxe, co obxectivo de que os usuarios só teñan que pagar “o xusto”.

A A57 non é unha alternativa

Desde a plataforma tamén denuncian que a futura autovía A57 non é unha alternativa ao treito Vigo-Pontevedra. Aínda que se está a vender deste xeito, o trazado real “é unha boa opción para ir cara á meseta ou para enlazar co norte de Portugal, pero non para viaxar entre as dúas cidades, xa que son case o dobre de quilómetros cos que se fan pola autoestrada”.

Neste sentido, o movemento veciñal xa se puxo en contacto cos alcaldes dos principais concellos afectados (Vigo, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu, Marín e Redondela) para tratar o tema. De momento só os recibiu o mandatario de Pontevedra, Fernández Lores, e lamentan que a de Vigo, Corina Porro, aínda non respondera á súa misiva. Nun futuro tentarase transmitirlle á conselleira de Política Territorial e ao presidente da Xunta as súas queixas, aínda aseguran que non teñen moitas esperanzas de que os reciban.

Dez meses desde a liberación da peaxe

Case un ano despois de que se levantaran as barreiras en Rande os representantes da plataforma amósanse contentos aínda que matizan que aínda hai moitas inxustizas. “Reduciuse nun 25% os cartos destinados ao mantemento da autoestrada. Hai deficiencias no pavimento, na sinalización, no servizo telefónico de SOS, nos servizos de información no caso de retencións, nas infraestruturas para reducir as consecuencias do ruído nos núcleos urbanos...”.

A plataforma cidadá asegura que non quere que se “regale nada, só pedimos que se cumpra coa legalidade”.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: