Segundo os servizos de saúde da capital de EUA, a maioría dos seropositivos son varóns negros, e adultos de entre 40 e 49 anos.
Segundo un estudo publicado este luns polos servizos de saúde da capital dos Estados Unidos, Washington DC, o 3% dos habitantes de máis de 12 anos ten o Virus de Inmunodeficiencia Humana (VIH) que causa a sida.
A taxa de infección da súa poboación, de 600 mil habitantes, é superior á de países máis pobres e menos desenvolvidos como Burkina Faso ou Ucraína, e similar á de Uganda. Os datos tomáronse a finais de 2008.
O sector de poboación máis afectado é o dos varóns negros (6,5% de seropositivos). Séguenlle o dos de orixe hispana (3%) e o dos de cor branca (2,6%). As mulleres brancas (0,2%) e as hispanas (0,7%) son as menos afectadas. Por idade, é entre os adultos de 40 a 49 anos (7,2%) e entre os de 50 a 59 (5.2%) onde se rexistran máis casos.
"Epidemia xeneralizada e severa"
"Para algúns, o 3% pode parecer unha cifra pequena. Mais en comparación, menos do 0,5% dos estadounidenses en xeral teñen cancro", sinala o informe do Departamento de Saúde da cidade. Ademais, lembran que a ONU considera epidemia "xeneralizada e severa cando a porcentaxe supera o 1%".
As principais causas de transmisión, segundo o estudo, son os encontros homosexuais masculinos sen protección (case 4 casos de cada 10), os encontros heterosexuais sen protección (28%) e o uso de xiringas contaminadas (18%).