A recente sentenza do Tribunal Supremo relativa á falla do dereito dos pais a elixiren a lingua de escolarización dos seus fillos nos territorios con lingua propia non fai máis que confirmar unha liña xurisprudencial que lembramos de abondo en anteriores colaboracións. Se ben é certo que supón un novo pau ao españolismo, desmontando de novo a cínica argumentación da vulneración de dereitos fundamentais, considero interesante referirse a outra das falsidades repetidas a fartar polos grupos xenófobos que din defender a liberdade.
Xa comentáramos con anterioridade que a segregación lingüística, a pretensión de que haxa galegos analfabetos na propia lingua, está proscrita legalmente e que a normativa actual impediría unha situación de inferioridade do galego fronte ao castelán no currículo educativo. Coma dou por certo que saben ler, fica evidente a estratexia de intoxicación ruín que temos que aturar cada vez que falan por esas bocas.
Mais cando nos remitimos á protección que a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias outorga, axiña respostan como adoitan de cotío: cunha interpretación maliciosa do texto. Tentarei explicarme. Estes nacionalistas españois esgrimen que a Carta non ampara o dereito dos poderes públicos galegos para impór a obriga do coñecemento da lingua propia do noso país. Vaiamos logo á norma.
O artigo 8 da Carta fai referencia ao ensino estabelecendo unha serie de diferentes niveis de protección das linguas minoritarias e que se apresentan nunha graduación de maior a menor cobertura protectora, consonte o compromiso das partes ratificantes. Esta protección abranguería no ensino primario, secundario e profesional os seguintes chanzos: a) En primeiro lugar un ensino garantido na lingua rexional ou minoritaria. b) En segundo lugar que unha parte deste ensino se garanta nesta lingua. c) En terceiro lugar que esta lingua faga parte do plano de estudos , é dicir que se estude coma asignatura. d) Por último aplicar algunha das medidas anteriores cando un grupo de alumnos ou pais suficientes o soliciten.
Non cómpre ser un gran hermeneuta para se decatar de que a Carta oferta un variado abano de medidas protectoras e que van ordeadas de máis a menos. A adopción dos diferentes niveis de protección ou de garantías dependerá en cada Estado asinante de diferentes circunstancias que non temos espazo para abordar. O que si é fundamental para o tema que nos ocupa é saber o grao asumido polo Estado no Instrumento de ratificación da Carta como Tratado Internacional. Pois ben, para o artigo 8, a aprobación e ratificación da Carta publicada no BOE do 15 de setembro de 2001 supón a asunción do mecanismo máximo de protección para as linguas recoñecidas como oficiais nos Estatutos de Autonomía, no noso caso o galego. Deberían saber que consonte o artigo 96 da Constitución española os Tratados internacionais, unha vez publicados, fan parte do ordenamento xurídico interno. De feito cabe a posibilidade legal de que unha lingua propia teña máis presenza no ámbito educativo que o castelán, tal coma acontece en Cataluña.
Resulta gravemente preocupante non só que a mentira proceda de grupúsculos xenófobos senón que os propios responsábeis políticos da Xunta fagan eco da intoxicación coa fin de rematar co patrimonio e o ser dun pobo.
Demos unha lección de dignidade nas rúas; deamos tamén a batalla da opinión pública e a xurídica, sen tregua. Coma di Celso Álvarez Cáccamo ¡Demite!
Henrique Xesús del Bosque Zapata naceu en Ourense en 1959. Profesor de ensino secundario, tamén é licenciado en Dereito. É autor de “Lexislación para o profesorado. Toda a normativa do sistema educativo galego non universitario” Edicións Xerais. “Guía dos dereitos do profesorado” CIG-Ensino. Cadernos de lexislación. »