Fitando o españolismo neurótico que enchoupa todos os poderes do Estado resultaría verosímil que de hoxe voltar Freud a escreber “Moisés e a relixión monoteísta” revisara a fondo o escrito. Probabelmente concluiría que a Lei outorgada por Deus no cume do monte Sinaí, gravada a lume, non fose outra que a Constitución española e que o aristócrata-sacerdote Moisés non fose de orixe exipcio, senón de rancio abolengo español. O pobo elexido que resolve a súa culpa mediante un pacto de sometemento aos novos designios estaba na península Ibérica. España era a terra de promisión.
Nos últimos días veñen aparecendo nos medios varias e interesantes reflexións encol da transcendencia do futuro pronunciamento sobre o Estatuto catalán, entre elas e nestas páxinas, a de Camilo Nogueira. Mais eu gostaría aquí de facer unha sinxela aportación no referente ao papel do Tribunal Constitucional e á súa misión de hermeneutas do texto, así como ao propio texto. E voume situar nunha posición de aberta moderación.
En principio cómpre respostar a aqueles que claman polo acatamento incondicional, sexa cal for o veredicto, argumentando que todas as normas e todas as actuacións, dentro do Estado, están sometidas á interpretación que faga o Tribunal con respecto á concordancia coa Constitución. Mais é abertamente cuestionábel o feito de que determinadas decisións, produto de actuacións soberanas dun pobo, e relativas á súa vontade de organizarse, administrarse e denominarse deban ser enxuízadas por un órgano xudicial do Estado que, deste xeito, sempre vai suplantar a capacidade decisoria para axustala a un modelo de nación predefinido e practicamente inmodificábel. Porén, prestixiosos xuristas conservadores, como Herrero de Miñón, albiscan a existencia das nacionalidades históricas coma corpos políticos no Estado, mais que se xustapoñen ao mesmo sen subordinarse. As súas normas e institucións serían diferentes das constitucionais; non se fundamentarían na Constitución, senón no seu ser histórico e na vontade política dos seus membros. Consonte esta visión, pouco ou nada tería que decidir o Tribunal Constitucional no caso que nos trae. Resulta un enfoque, que para proceder de posicións de conservadurismo español, está cando menos cheo de civismo. Por suposto tan cívico coma os enfoques dos que defendemos o dereito de autodeterminación dos pobos e a liberdade dos seus cidadáns para estabelecer o marco xurídico, político e económico así como o marco de relación e convivencia con outras nacións. Non se amosa tan cívica a morea de españolismo rancio de dereitas e esquerdas que domina o panorama político.
Mais resolva nun ou noutro sentido o Tribunal Constitucional, a Constitución española segue a ser unha cancela de difícil apertura. Os seus artigos 1º, 2º, 3º, 8º, 131º, 149º, e 155º parten dunha concepción etnicista e esencialista da nación española. Deseñan unha estrutura que incapacita a construción e desenvolvemento de identidades diferentes á mesma. A forza e a saúde dos movementos nacionalistas do Estado poderá arrincar interpretacións máis ou menos amplas; en boa lóxica e tacticamente, sempre será mellor forzar ao Estado a facer concesións que permitir que as tentativas involucionistas, que están perigosamente a agromar na actualidade, dean nun retroceso competencial. O problema irresolúbel, penso eu, é que serán concesións en precario o que pode dar lugar a unha chantaxe permanente sobre as nacións históricas. Non esquezamos que o artigo 2º redactouse ao dictado do estamento militar e que os artigo 8º e 155º supoñen unha ameaza constante. Creo que, independentemente da estratexia pola que opte cada forza nacionalista, non se debería de perder de vista a reivindicación do dereito de autodeterminación coma dereito humano colectivo que posibilita o pleno desenvolvemento das capacidades e potencialidades dun pobo.
E, para rematar, unha breve referencia a unha visión de constitucionalismo cívico, tan escaso na España. A Corte Suprema canadense, no asunto quebequense, considerou que unha Constitución non pode ser empregada como un obstáculo que impida dar expresión a un dereito democrático. Non se pode utilizar para impedir a realización dun referendo con garantías. O Estado tería a obriga de encetar negociacións se a maioría do pobo de Québec manifestase a súa vontade de romper o vínculo, debendo procurarse un acordo de separación o máis satisfactorio para as dúas partes. Alguén imaxina ás civilizadas institucións españolas respostando con semellante educación?
Henrique Xesús del Bosque Zapata naceu en Ourense en 1959. Profesor de ensino secundario, tamén é licenciado en Dereito. É autor de “Lexislación para o profesorado. Toda a normativa do sistema educativo galego non universitario” Edicións Xerais. “Guía dos dereitos do profesorado” CIG-Ensino. Cadernos de lexislación. »