Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Henrique del Bosque

Autodeterminación e globalización

12:02 02/07/2009

Hai certos sectores  de individuos que, desde unha óptica pretendidamente progresista, incorporan a fantasía dun mundo sen Estados e sen fronteiras no que esmorecerían os pobos e os grupos nacionais que se transmutarían nunha cidadanía global. As loitas e reivindicacións dos pobos e das nacións sen Estado farían parte, logo, de escuros e egoístas atavismos patrióticos, arestora sobardados por unha realidade mundializadora, que nos conduciría a unha fraternidade universal.

Presentar, na actualidade, esta visión é agachar a crudeza da lóxica das relacións de submisión que marcan a dinámica da acumulación capitalista a nivel planetario. Non é casualidade que asistamos a unha das máis poderosas vagas da historia no nacemento de novos Estados ou de reclamacións do recoñecemento do dereito de autodeterminación, e non xa exclusivamente por parte de pobos nacionais territorias senón de comunidades indíxenas que amosan a súa etnicidade coma un ben de valor universal.

Penso que deberiamos considerar tres aspectos das relacións de poder que a mundialización das relacións capitalistas de produción improntan no submetemento dos individuos e das comunidades: a explotación económica, a opresión política e a dominación cultural. Analizar pormenorizadamente as interrelacións entre elas non pode ser obxecto desta colaboración, mais si esbozar unha breve aportación.

A necesidade delirante e imperiosa de expansión capitalista precisa da apropiación non só dos recursos materiais do planeta senón daqueles elementos que historicamente ficaron excluídos da apropiación privada coma costumes, tradicións, saberes e creacións, sentimentos e intimidades, así coma os propios procesos biolóxicos, que hoxendía e desesperadamente, tentan ser convertidos en mercadoría. O planeta enteiro, con todas as súas expresións de vida, é obxecto de se converter nun ben de cambio en mans dos gañadores no proceso de concentración e centralización do capital. Xuristas do prestixio de James Boyle definen esta tendencia coma o segundo movemento de “enclossures”, de cercamento, de expropiación do colectivo. Dos bens tanxíbeis dase o salto aos espazos intanxíbeis, inmateriais. O material e o intelectual son conquistados e apropiados na mercantilización das relacións humanas entre si e coa natureza estabelecendo auténticos monopolios sobre a vida, o coñecemento e a cultura.

Por outra banda non é certo que o Estado desapareza, o que acontece é que redefine as súas función ao servizo deste proceso de acumulación; de feito a intensificación nos ámbitos de desenvolvemento militar e de control da orde pública é enorme. Á función de garante para despexar de obstáculos o despoxo e espoliación do comunitario vai intrinsicamente unida a opresión e a represión a fin de invisibilizar as disidencias e anular ás resistencias. Renúnciase a normar en beneficio e protección da comunidade mais lexíslase para achairar o camiño do desposuimento.

Historicamente a consolidación do Estado-nación capitalista precisou da integración económica dentro dunhas fronteiras definidas eliminando as diferenzas lingüísticas e culturais dentro do seu ámbito territorial e impoñendo unha lexislación civil, penal e mercantil uniformizadora, amáis de asoballar aos diferentes grupos nacionais existentes na súa demarcación. O sistema de mundialización capitalista actual procura unha integración económica a escala global de xeito que a homoxeneidade cultural facilite tanto os hábitos de consumo, os sistemas de crenzas e a regulación da explotación en todos os recunchos do globo. Do mesmo, téntase o alonxamento dos centros de decisión imposibilitando que as diversas cidadanías poidan ter un control sobre resolucións fundamentais para a súa vida e un control sobre os recursos do seu territorio.

Todos estes aspectos poden facernos reflexionar sobre a radicalidade democrática, entre outros, do dereito de autodeterminación así como do papel inequivocamente antiimperialista que adoitan ter os movementos nacionalistas no mundo. Defender hoxe a diversidade cultural é tan necesario como defender a diversidade biolóxica. A humanidade respostou ao entorno creando unha riqueza de identidades diversas que están sendo seriamente ameazadas. A capacidade dos pobos para elexir modelos de desenvolvemento sen inxerencias alleas está plasmado en múltiples textos internacionais malia ser poucos os Estados que a recoñecen. Romper ataduras co sistema de dominación, seica a “desconexión” da que fala Samir Amín, tal vez sexa imposíbel hoxendía se non se defende abertamente o dereito dos pobos e das nacións á súa autodeterminación. A autodeterminación, independentemente do modo en que un pobo opte para o seu exercicio, constitúe unha garantía de sobrevivencia para esa comunidade. E andando o século XXI son internacionalista porque teño Patria.

4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



henrique del bosque

Henrique Xesús del Bosque Zapata naceu en Ourense en 1959. Profesor de ensino secundario, tamén é licenciado en Dereito. É autor de “Lexislación para o profesorado. Toda a normativa do sistema educativo galego non universitario” Edicións Xerais.  “Guía dos dereitos do profesorado” CIG-Ensino. Cadernos de lexislación. »



Anteriores...