O españolismo recorre periodicamente a catalogar de étnico todo aquel nacionalismo que cuestiona o seu andamiaxe. Xa faltaba tempo para que algún partícipe no desfile "rojigualda" de Compostela airease o termo ao xeito dos evanxelizadores que exhiben cruces e reliquias fronte aos perplexos indíxenas. Unha posuidora de esencias, lideresa de marca española, chegada cos desfilantes foráneos e conversa á España Una –xa que non grande-, espetou o aqueloutrado tópico de nos alcumar de etnicistas para presentarse, non podería ser doutro xeito, como portadora dos valores cívicos do seu nacionalismo. Mais os indíxenas desta terra milenaria aprendemos a ser ao menos cando eles e, se mercamos quincalladas foi a golpe de imposicións.
Entrados nestes tempos do século, somos sabidos de que a dicotomía nacionalismo étnico-nacionalismo cívico só serve para agochar a posición de dominio que o Estado-nación ou o nacionalismo opresor exerce sobre os nacionalismos periféricos que pretenden a emancipación. Non corresponde coa realidade que haxa un nacionalismo que porte coa exclusiva da democracia, da razón, da lei, da política, da modernidade, da sociedade, do cívico, nen outro que teña o monopolio da cultura, da tradición, do emotivo, do particular, do popular, do simbólico, do étnico. Todos os nacionalismos foron e son políticos referindo, sen exclusións, os sinais identitarios. Polo xeral un Estado que pretenda lexitimar unha acción imperialista ou manter pola forza a ficción da unidade nacional tenderá a amosar estes sinais cunha clara fasquía agresiva, namentres un pobo que aspira se converter nun suxeito político libre tenderá a empregalos como medio de defensa ou sobrevivencia. A pretendida diverxencia entre un nacionalismo de base política e outro de base cultural fai parte dun mito elaborado co gallo de diferenciar nacionalismos bós e respectábeis doutros maos e desprezábeis, onde os nacionalismos opresores e os Estados-nacións constituídos, algúns con vocación de destino no universal, farían parte do primeiro grupo. O Occidente
No caso do Estado español a aparente normalidade e impunidade coa que se presenta a imposición uninacional procura disimular a existencia dun nacionalismo español estatalista, de marcado carácter agresivo e etnicista. Esta é unha realidade tan evidente que se fai incuestionábel. Non é o lugar para alongarse na descrición e recomendo a lectura do libro coordinado por Carlos Taibo, Nacionalismo español. Esencias, Memorias e Instituciones, no que se desvelan maxistralmente os recursos ao máis definitorio nacionalismo de base étnica tanto na cultura, língua, historia, deporte, símbolos, militarismo, etc. Tamén, para recoñecer a xénese e evolución deste nacionalismo español, son interesantes traballos como o Nacionalismo español contemporáneo, de Borja de Riquer i Permanyer ou Sobre o nacionalismo español, de Adrés de Blas Guerrero.
Mais gostaría de subliñar como a norma fundamental do Estado, a Constitución española de 1978, á que tanto se remiten como marco exemplar de convivencia, como modelo de construción cívica, define e contempla un modelo de nación única, eterna e ahistórica, primordial e esencial, conformadora dun modelo excluínte da formación de vontades dos pobos do Estado, impedindo a expresion e a decisión libre sobre o xeito de relación co mesmo. Para a Constitución só existe un pobo, o español. A norma fundaméntase na indisolúbel unidade da nación, patria común e indivisíbel; nación que se considera previa á vontade dos cidadáns. Un único idioma imponse co deber do seu coñecemento. O exército constitúese en garante da defensa desta nación primordial fronte á posibilidade da reclamación democrática doutro modelo. Obrígase a exhibir a bandeira de xeito preferente. Precísase autorización estatal para consultar a vontade popular. Poden suspenderse as Autonomías. O Estado resérvase as competencias fundamentais que permiten o desenvolvemento dun pobo.
A Constitución está fundamentada nunha concepción étnica de nación, previa á mesma, que impide a manifestación de vontade cidadá sobre o modelo territorial e de convivencia, sacralizando a unidade e a indivisibilidade. Isto na norma suprema, porque acender a televisión ou ler un xornal, destilando a cachón nacionalismo español, fainos ruborizar a calquera dos que somos celebrados como nacionalistas etnicistas.
Henrique Xesús del Bosque Zapata naceu en Ourense en 1959. Profesor de ensino secundario, tamén é licenciado en Dereito. É autor de “Lexislación para o profesorado. Toda a normativa do sistema educativo galego non universitario” Edicións Xerais. “Guía dos dereitos do profesorado” CIG-Ensino. Cadernos de lexislación. »