Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Henrique del Bosque

O asalto contra as identidades

10:08 30/03/2009

Si, contra as identidades que amosan o colectivo, o comunitario, o diverso, que arelan ser, as que dificultan a voráxine globalizadora e homoxeneizadora. E eliminar a conciencia nacional dos pobos subxugados fai parte deste obxectivo. A belixerancia españolista, a teimudez en destruir a cultura dun pobo, en destruir  este pobo, presenta un ensañamento tal que de se producir contra outra cultura estáriamos acusándoos de xenocidas. Eis o emprego da técnica do acoso como estratexia de constante e permanente anulación da vítima, de culpabilizala da agresión, de naturalizar a infamia.

Calquera decátase de que non foi o tema lingüístico o factor decisivo nos resultados electorais porén, desde o xornalismo á política, semella que hai que penitenciar e, onde non había imposición - senón submisión, calumnia e manipulación – aconséllasenos agora, aos acosados, meditar sobre a defensa da nosa identidade. Prefero meditar sobre a enxeñería da dominación, sobre a fabricación do consentemento e as argalladas do poder.
E como o acoso é unha técnica de continuidade, agora van de que hai que vixiar o adoutrinamento das inocentes mentes da mocidade galega que está a ser abducida por perversos enfoques de fasquía nacionalista (galega). Adoutrinamento! Os da España forxada desde a prehistoria, os de Viriato caudillo, os da Reconquista, os dos reis católicos, os da misión colonizadora, Agustina de Aragón, o 2 de Maio…, a lingua cervantina, o pasado imperial, “la riqueza regional”, a proxección e excelencia de España…, a fronte nacional-constitucional, os que reclaman rematar coas cativas competencias autonómicas… Adoutrinamento, ouvean!
Diante da desfachatez e o delirio téndese á perplexidade. Que gandalla de xente! Comentaba Antón Dobao o aspecto de clase que percorre estes movementos. Totalmente! Delimitar a diferencia, marcar territorio. O seu estatus pode perigar se teñen que competir cunha lingua e cultura á que desprezan e na que malamente se desenvolven. A chave do éxito debe pasar polo recoñecemento social de utilidade do seu universo e dos seus referentes españois. A liberdade reclamada é a do privilexio.

Non se pode ser coitado, mais cómpre ser listos. Hai que os deslexitimar sen complexos. Volto a concordar con Antón Dobao en que non poden ser interlocutores válidos. Non debemos sentar con eles. Un xenófobo non pode estar acougado nun debate defendendo a inferioridade cultural, a segregación e a marxinación e lavar a imaxe porque “dialoga”. Se nos fixamos a súa mensaxe vai dirixida nidiamente á cidadanía, como guerra de valores, que diría Thomas Frank, ignorando aos atacados para, a seguir, lograr que unha boa parte do esforzo nacionalista se dirixa a entablar directamente con eles, mais non a cuestionalos perante o pobo. Eles naturalizan a españolización e nós ralentizamos a criazón de conciencia nacional.

As forzas, os movementos, as asociacións galegas, con toda a súa variedade, con todas as súas sensibilidades, teremos de procurar un mínimo de entendemento contra a ofensiva, contra a involución.  Ser apoucado é un agasallo para o soberbio. Criar opinión, normalizar a idea de nación, é unha tarefa urxente, nas aulas, na tenda, no traballo, na consulta do médico. O nacionalismo español non se corta. Pois “adoutrinemos” sen medos, roubémoslles o monopolio. Tentemos unha virada, debatamos de cómo lles sacar o disfraz, de que se vexa o seu fanatismo. Comenta o sociólogo norteamericano citado, Thomas Frank, que a reacción preséntanse a si mesma como inimiga da élite, como a voz dos inxustamente perseguidos, de que neles está a autenticidade popular fronte a  quen lles pretende gobernar a vida. Agachan o seu señoritismo requintado, o seu “pijismo” , a súa situación social de privilexio recorrendo ao pobo que desprezan. Son expertos en cinismo. Mais nós tamén temos recursos, moitos, entre todos.

4,55/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



henrique del bosque

Henrique Xesús del Bosque Zapata naceu en Ourense en 1959. Profesor de ensino secundario, tamén é licenciado en Dereito. É autor de “Lexislación para o profesorado. Toda a normativa do sistema educativo galego non universitario” Edicións Xerais.  “Guía dos dereitos do profesorado” CIG-Ensino. Cadernos de lexislación. »



Anteriores...