Eu non entendo por que o PSdeG-PSOE e o BNG perden o tempo nesa cousa da investigación da Cidade da Cultura. Se movesen a memoria lembrarían aquela famosa comparecencia de Nicolás Franco, o irmán do ditador, naquel xuízo do caso REACE.
Declarou que non lembraba nada, que non sabía onde fora parar o aceite desaparecido, nin quen levara os cartos, nin que facía el no asunto daquela corruptela franquista... A dereita adoita non ter memoria do pasado, non sabe historia e repítea por iso século tras século, para a nosa desgraza. A esquerda si ten memoria histórica de aí que eu non entenda que xente tan lúcida como Leiceaga e Aymerich perden tempo e enerxías en preguntar cuestións obvias a señores como Alfredo Díaz Grande.
Como vai o señor marido de Pilar Rojo lembrar canto cobrou polo seu traballo hai oito anos, como vai lembrar que tipo de contrato asinou co goberno de Fraga para coordinar o concurso internacional que decidiu encargar a Peter Eisenman o proxecto alucinante de Pérez Varela, do que Díaz era asesor. Esas cousas non son para lembrar, son segredos de familia. Ó mellor é que o arquitecto Díaz Grande nin estaba alí. Ou a súa conta corrente é tan abondosa que millón máis ou millón menos non dá mostras de cambio. Ó mellor é que este arquitecto é da escola de Nicolás Franco. O defunto era arquitecto o simplemente “hermanísimo”? Díaz Grande é “marido de” e “amigo de”, e os maridos e os amigos do PP non teñen por que ter memoria, chégalles con cantar o himno con letra de Pemán e xurar bandeira. Deberían sabelo no goberno de Pérez Touriño.
Tamén deberían saber que as esquerdas padecen gaiasfobia, neoloxismo inventado polo voceiro da oposición na comisión, o señor Ignacio López-Chaves. A gaiasfobia é unha enfermidade proveniente da Coruña que no lugar de producir gases no estómago produce desmemoria xornalística. Polo tanto, erra o señor López ó atribuír o padecemento ó goberno e faino pola mesma circunstancia que Díaz Grande padece amnesia transitoria, están pisando un terreo tan pantanoso que temen perder o tino en calquera momento. Se sabemos todo isto, para que gastar o tempo preguntando a desmemoriados? Porque van vir máis. Ou acaso non é certo que todo o proceso da Cidade da Cultura foi un asunto totalmente transparente, que non necesitaba reter na memoria datos, datas, nomes, orzamentos, propósitos e despropósitos? Está claro que nestes casos a memoria non é rendible, para que andar a recuperala?
Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006. »