O problema do voto emigrante é como un Guadiana que aflora cada vez que unha campaña electoral chama ó timbre. As augas deste río van e veñen arrastrando toros de opinión, flotando ou mergullados, segundo sexan os intereses dos opinadores. Intereses, as máis das veces, de oportunidade política. Máis política de ocasión que social ou histórica, aínda que o disfrace teña esas roupas.
A consecución do voto universal e libre custou anos de empeño, traballo, sufrimento e, incluso, sangue á humanidade. Mentres non se lexisle o contrario, o voto é o único instrumento de poder do que dispoñemos os cidadáns para facer valer a nosa voz na sociedade. O resto das accións: manifestacións, manifestos, dereitos de reunión, de folga, liberdade para exercer cargos públicos, etc. no son máis que pasos que non sempre acadan o poder decisorio desexado. O voto, polo tanto, é o símbolo máis sagrado da democracia real.
Isto parecen esquecelo os nosos dirixentes, tanto progresistas como conservadores. Dun tempo a esta parte temos a impresión de que o voto está de rebaixas, de que ninguén reivindica o seu verdadeiro estatus, o seu verdadeiro valor social, a súa auténtica capacidade de decisión. Digo isto fronte á irresponsabilidade coa que se decide que persoas alleas á realidade de Galicia poidan votar no estranxeiro polo simple feito de ser descendentes de galegos. Fillos e netos de emigrantes que merecen todo tipo de consideración e axuda solidaria pero cuxa realidade social, na meirande parte dos casos, non se corresponde coa nosa. Estamos, creo, diante da perversión da máis elemental das regras democráticas: a igualdade entre si de todos os cidadáns dun país, dunha comunidade, dunha cidade.
Debémonos ós nosos emigrantes e, incluso, ós seus descendentes. Debémonos no terreo da solidariedade, da axuda sanitaria, da prestación de servizos sociais, da educación, da cultura e da posibilidade de retorno en igualdade de dereitos, pero non é xusto ni democrático que o seu voto teña o mesmo valor que o dos residentes na península. Como non é equitativo que un voto en Ourense teña máis alta cotización que un en Vigo, asunto para ampliar o debate. O voto do emigrante (e dos seus descendentes) adquiriu dobre valor, cotiza no país de nacemento ou orixe e no de residencia. Esgrimindo as mesmas razóns que hoxe pululan nos ambientes políticos, aqueles que somos emigrantes no interior do Estado tamén deberíamos poder votar na nosa comunidade autónoma de orixe e naquela na que vivimos e estamos censados.
-¿Sería disparatado pedir o dobre censo do mesmo modo que existe a dobre nacionalidade?
Polo camiño que imos, coido que non. É posible que moitos cidadáns que vivimos esta situación de desarraigamento teñamos máis intereses na nosa cidade ou comunidade de orixe que moitos descendentes de galegos que xamais pisaron Galicia nin o pensan facer.
Se non estamos diante dunha situación de pura oportunidade electoral, seméllao. Polo tanto é necesario que se estableza un debate serio, sereno e equilibrado sobre un fenómeno que cada vez alporiza máis os ánimos dos que ven como a súa capacidade de decisión á hora de votar está minguada fronte a outros individuos. Os espectáculos vividos nos recontos tras as eleccións non só non resultan edificantes senón que cada vez, co crecemento do voto exterior, enervan máis as cóleras e aumentan o rexeitamento solidario cara ós nosos irmáns da diáspora.
Certo que o problema non é só noso. Trátase dun debate que afecta a outras moitas comunidades e países pero alguén debe tomar a iniciativa de poñer freo a esta polémica con valentía.
Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006. »