A sentenza do 11-M vén de conmover os cimentos da dereita cavernícola deste país, vén de poñer de manifesto as erráticas prácticas de políticos, avogados, politólogos e xornalistas metidos a conspiradores anacrónicos, vén de poñer de manifesto que segue a haber dúas Españas: a España real e a España dos felóns.
A verdade é que non sei por que estes días me lembrei de Cola di Rienzo, aquel excelente tribuno romano do século IV, a quen perseguiran os nobres do decadente Imperio Romano ata o seu asasinato, por crer na posibilidade de redención do pobo, por loitar polas clases menos favorecidas, por desexar que Roma fose un lugar para a convivencia pacífica. É posible que outros moitos tribunos e senadores romanos, mesmo emperadores e republicanos, tivesen o mesmo poder de evocación á hora de contemplar o panorama destes aprendices de conspiradores, que están a marear a vida pública do país, sen máis fundamentos que a mentira e a calumnia impunes co gallo dos sucesos e da sentencia do 11-M.
Digo que podería evocar calquera outro personaxe da Roma Imperial porque o PP segue idéntica estratexia á dos conspiradores romanos. Primeiro sementaban o desconcerto e o descontento entre a poboación con acusacións contra o mandatario que desexaban derrocar e finalmente procedían á súa eliminación física e histórica para liberar o pobo do presunto tirano. Lembreime, se cadra, de Cola porque logo da súa execución, nas sombras mentres fuxía disfrazado de monxe, a súa historia deixou una longa “cola”. Un ronsel que os historiadores limparon das impurezas dos conspiradores ata colocar a súa biografía entre as dos políticos exemplares.
Imos necesitar moito tempo para limpar de impurezas a historia recente, tan emporcallada por ese grupo mediático que fai de inspirador do PP en asuntos como o 11-M. Un grupo de xente que segue ancorada no século XIX, porque considera que o Estado moderno aínda pode ser un elemento manexable ás costas dos poderes establecidos, ás costas do poder popular. A súa falla de respecto á xustiza, á monarquía, á Constitución, ós dereitos máis elementais debería ser motivo punible. Por que non o é? Esa é a pregunta que hoxe fan moitos cidadáns cansos do amarelismo pernicioso que padecemos.
Eses mesmos cidadáns non dan creto á debilidade dun importante sector do PP fronte a ese poder mediático, que eles mesmos alimentaron. Moitos votantes de dereita senten unha terrible orfandade de sentido común ante estas situacións. Pode ser explicable a debilidade de Mariano Rajoy baixo do peso do triunvirato Aznar-Zaplana-Acebes, pero non é explicable que toda unha organización, que aspira a gobernar o Estado, consinta na súa destrución precisamente para chegar ó poder. É unha actitude suicida e irresponsable que só ten unha saída histórica e anacrónica, do mesmo xeito que a conspiración, a da volta á ditadura militar. Por fortuna, hoxe o exército español xa non está mandado por xenerais de salón e sabres dispostos a prestar oídos a camarillas de taberna e rebotica. A España real vai por outros vieiros, aínda que estean cheos de farallóns.
Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006. »