Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Antonio Perozo

Xenofobia en Italia

12:43 21/05/2008

O xermolo de xenofobia institucional que está a vivir Italia tras o triunfo de Berlusconi é preocupante. Moito máis que as mesmas circunstancias en Centroeuropa porque a península italiana é, como España, unha mestura de etnias, unha terra diversa e plural que só a sementeira do fascismo a pode converter en xenófoba.

Por desgraza non todos os italianos e italianas leron a Norberto Bobio, unha figura senlleira da socioloxía e da filosofía do seu país no século XX. Bobio preveu as veleidades fascistas de Silvio Berlusconi. Foi un dos seus detractores máis dinámicos e irrefutables pero o empresario político venceu o pensador, non hai dúbida, tirando de elementos propios dos populistas, tras dos que se agocha unha filosofía totalitaria, excluínte e, naturalmente, xenófoba. Se a meirande parte dos cidadáns de Italia escoitasen e comprendesen a Bobio, Berlusconi estaría hoxe en calquera cadea cumprindo penas por corrupción ou prevaricación ou apropiación indebida ou calquera outra acusación das que se fai acredor.

Esta terceira volta do cavalieri á presidencia de Italia esperta moitos temores nun momento no que a febleza das economías internacionais fai tremer os cidadáns dos países democráticos. Semella que é o momento dos oportunistas e dos prestidixitadores. O momento dos personaxes mediáticos dispostos a vender fume, como é o caso de Sarkozy en Francia. Personaxes con aparente escaso calado político, con certo carisma, pero cunha dobre faciana. A da hipocrisía mediática dun lado e a da dureza dunha dereita ditatorial do outro. Individuos que utilizan sen pudor os mecanismos democráticos para establecer normas antidemocráticas e, se cadra, inhumanas.

O que está a acontecer en Italia cos xitanos e os polacos inmigrantes ergue sons e ecos dun tempo pasado que xa criamos reducidos ás páxinas de Historia. Lembra aquela xenofobia europea contra os xudeus marcados como reses cunha estrela amarela. Os ventos e as teorías contra os inmigrantes que escoitamos acotío, a nova normativa comunitaria da que moito se fala e pouco coñece a cidadanía en xeral, o sentimento crecente de que en Europa non cabemos todos, é moi preocupante pola proxección que está a acadar na cidadanía en xeral. Pero non o é menos pola falla de voces de pensadores, intelectuais, escritores, científicos, articulistas e demais que semellan xordos e mudos. A eles cómpre lembrarlles que, en circunstancias como estas, o silencio sempre é cómplice. E, a moitos deles, ó mellor é necesario recomendarlles algúns dos ensaios de Norberto Bobio, para espertarlles a conciencia que, por desgraza, non enchoupou ese pobo italiano plural e multirracial que un día aclamou a Mussolini e que outro o arrastrou polas rúas antes de penduralo boca abaixo para sempre.

3,83/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Perozo

Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006. »



Anteriores...