Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Antonio Perozo

Canon dixital, si

17:40 29/01/2008

O canon dixital é un novo imposto indirecto co que a Administración do Estado grava o uso de soportes magnéticos en defensa dos dereitos dos autores. Unha controvertida imposición que levantou paixóns e manipulacións políticas e informativas que, de non existir, priva ós creadores de beneficios que, legal e moralmente, lles corresponden.

Ía camiñando cara ó Hostal dos Reis Católicos e sorprendeume o balbordo dunhas ducias de manifestantes protestando contra o canon dixital. A Sociedad General de Autores y Editores decidira celebrar en Compostela a súa cena anual dos autores coincidindo co anuncio da presentación da súa sede na capital de Galicia. A SGAE escolleu entre Asturias e a nosa Comunidade e teremos en Santiago un magnífico e singular edificio cultural. Pero a SGAE non foi ben recibida por un pequeno colectivo que, seguramente, represente un colectivo máis amplo e silencioso.

Todo imposto nunca é ben acollido pola cidadanía pero a verdade é que existen centos deles dos que nin sequera temos constancia, que poden ser tan inxustos ou xustificables como o canon dixital e polos que ninguén sae á rúa a protestar. Mal de moitos pode ser conforto de parvos, pero non deixa de ser un elemento comparativo. ¿Alguén montou unha manifestación contra o canon que pagamos ás eléctricas ou nos carburantes ou no tabaco ou...? ¿Que defenden ou fornecen eses impostos ós que consomen o produto? É moi variada a argumentación. Dende a sanidade pública ata o déficit do abandono da produción de carbón son, en teoría, os beneficiarios. Semella normal que a industria produtiva e especulativa teña ese dereito. A sanidade pública tamén. Mais, pola contra a quen beneficia o canon dixital? Beneficia os creadores. ¡Pobre xente, ilusos, crer que son propietarios das súas obras e pretender cobrar por elas!

Transmisións patrimoniais.
A protesta está na rúa e na praza do Obradoiro a pancarta dos manifestantes rezaba “O canon é un roubo”. Poderíamos contrapoñer que non pagar nada pola copia e utilización das obras dos creadores si que é un verdadeiro roubo do que a meirande parte da cidadanía non é consciente. Pero existe a errónea crenza de que a “cultura é de todos”, porque todos temos dereito a cultura, porén a cultura sen creadores non sería de ninguén. O único propietario da obra cultural é o seu creador. Propietario intelectual e material. Unha propiedade, ademais, que logo de setenta anos do seu pasamento nin sequera pode seguir sendo dos seus herdeiros do mesmo xeito que o é un piso, unha xoia, unha fábrica ou un terreo. Ós descendentes dos creadores se lles arrebata a propiedade por lei neste tempo no que o imposto de transmisións patrimoniais para as propiedades materiais está a ser cuestionado, reducido ou derrogado.

Dise que o canon dixital remunera a propiedade allea en abstracto e mesmo que debe pagalo quen non fai copias. Dalgún xeito é certo pero, de momento, non existe una sistema máis xusto e, co avance das novas tecnoloxías da comunicación e a universalización das copias, semella que non vai ser posible crear mellores mecanismos. Así o aceptan a meirande parte de países do noso contorno, sobre todo onde a propiedade intelectual ten unha mellor consideración pola cidadanía en xeral do que acontece no noso país.

Outra das razóns da protesta é que sexan as sociedades de profesionais da creación, como a SGAE, as que recaden e distribúan o canon entre os seus asociados. É probable que estas competencias debesen estar nas mans do Estado pero, polo de agora, a realidade e a práctica amosan que os mecanismos existentes son os menos inxustos e máis eficaces. Podo preguntar por que as eléctricas ou as empresas de carburantes poden recadar os seus canons e os creadores non? Volvemos ó mesmo círculo.

Esquerra e PP xuntos.
Con todo, o máis sorprendente, politicamente falando, desta polémica é a aliñación de partidos chamados de esquerda, como Iniciativa per Cataluña Verds, Esquerra Republicana de Cataluña ou Entesa Catalana de Progrés, co elitista Partido Popular, que chegaron a considerar o gravame de 0,60 € na compra dun CD como un “lastre inadmisible” cando eles apoian, por exemplo, as subvencións millonarias da Generalitat ó cine feito en catalán, que non o verán todos os cataláns pero si que o pagarán. Do mesmo xeito que a industria cinematográfica, a editorial, os museos, as asociacións culturais, etc. necesitan do apoio e da subvención solidaria, os creadores merecen consideración e respecto polo seu traballo. E, por suposto, cobrar por el como calquera outro traballador.

1,76/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Perozo

Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006. »



Anteriores...