No remate de ano, case que ó tempo que Xosé Cuíña marchaba para sempre, o presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, pedía un “consenso global” para ordenar o territorio de Galicia. Semella unha ironía do destino pero a realidade ten estes xogos de azar para que esoteristas e politólogos teñan de que falar.
Xosé Cuíña foi o político galego que tivo máis tempo e máis poder sobre o territorio de Galicia desde o nacemento da autonomía. Tivo a oportunidade e os recursos axeitados para vertebrar o país dun xeito moderno e racional co fin de enfrontar o futuro. Non o fixo. Aínda que el sabía que era necesario abordar esta cuestión, porque foi capaz de entender e compartir a teima do que fora o seu fiel amigo, Xosé Luís Barreiro Rivas, perdeu o tempo noutras políticas máis inmediatas, máis rendibles electoralmente, máis clientelistas. O resultado é que, abertas as portas do século XXI, territorialmente Galicia permanece ancorada no pasado e o reclamo do presidente da Xunta xorde coma un SOS para recuperar o tempo perdido.
Non se trata de botar todas as culpas enriba do todopoderoso Conselleiro, pero, ante a petición de Pérez Touriño, non podemos esquecer as políticas territoriais que durante dezaseis anos levou adiante o PP. Un tempo no que o retroceso da Galicia interior fronte á costeira foi galopante; no que a potenciación do papel das Deputacións, como redutos de repartición caciquil, foi contra a realidade dunha comunidade na que tanto o Goberno como os concellos terían que ter asumido moitas das súas competencias cara á desaparición dunha institución decimonónica sen futuro; o mantemento dunha clara aposta pola existencia das provincias fronte á necesidade de articular o país dun xeito unitario; a propagación do “feísmo” na construción especulativa; a proliferación de espazos residenciais ao pé de costa ou das estradas, etc. Todo un sumario das políticas, chamadas conservadoras, que son todo menos conservacionistas, que falan do xeito de entender Galicia por parte do PP. Cuíña foi o seu brazo executor, pero tamén o foi Núñez Feijóo no curto espazo de tempo que lle correspondeu manexar a cabezalla da Consellería de Ordenación do Territorio. ¡Que ironía de nome nas mans do PP!
Infraestruturas e comunicacións
A realidade é que vivimos nunha comunidade na que a ordenación do territorio non se abordou de xeito global, unitario e racional. Na que a organización social do territorio segue marcada polas necesidades dun pasado remoto no que a orografía determinaba o hábitat e este as relacións humanas. Parece normal que nese pasado remoto, sen posibilidades de infraestruturas e comunicacións, a distribución minifundista fose a que foi, pero hoxe non ten sentido nin a parroquia como núcleo básico, nin a aldea como espazo urbano de identidade, nin a provincia como división política.
No pasado as relacións humanas definían a ordenación do territorio. É evidente que, no presente e máis no futuro, a organización do territorio é a que determinará a convivencia. Con esta clave debemos establecer a ordenación que marque o futuro de Galicia. Unha ordenación na que é necesario ese consenso político que pedía Emilio Pérez Touriño, pero tamén necesitaremos unha directriz clara, unha idea de país, territorio e urbanismo avanzada, unha liña de traballo non só política senón tamén técnica e sociolóxica, cunha visión a máis longo prazo de tres ou catro lexislaturas, porque o territorio non é posible ordenalo nunha década nin en dúas. Pode que necesitemos xeracións para cambiar o hábitat galego e con el os desequilibrios herdados. Esa visión clara da Galicia do porvir debe servir para establecer o diálogo e logo o consenso. Nada de tormenta de ideas nin de asembleísmo estériles. Porén, nunca como agora foi tan urxente poñer os alicerces. O cambio social así o demanda, máis aló da oportunidade política ou electoral do momento. Se non entendemos isto, una vez máis, perderemos o futuro.
Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006. »