Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Dios

Gastos militares versus gastos sociais

13:28 26/05/2010

Estamos inmersos nun debate de enorme interese sobre as formas de reducir o déficit público, en España e en toda Europa, algo sobre o que parece existir un acordo unánime, con independencia de que teñamos valoracións diferentes sobre as causas da crise e as responsabilidades atribuíbles a cada quen, desde logo, non no mesmo grao, como é obvio.

Cando un goberno, que se define a si mesmo como progresista e socialdemócrata, toma medidas drásticas para recortar o gasto público, o fai priorizando unhas accións sobre outras, escolle e descarta, decide..., e iso, chámase gobernar, aínda que acerte ou erre nos seus obxectivos.

O primeiro que chama a atención, o que sorprende e indigna, ten que ver cos destinatarios escollidos para pagar a factura dunhas políticas económicas, nacionais e internacionais, guiadas pola cobiza e o despilfarro, pola especulación financieira. Os mesmos que tiveron que ser rescatados con cuantiosas cantidades de diñeiro público, son os que agora ditan as normas para rebaixar os déficits, moi incrementados precisamente pola sangría provocada por semellante “rescate”. E os paganos desta tolemia non van ser eles, senón os sufridos pensionistas, o funcionariado, as inversións públicas previstas,  ou o gasto social. O desequilibrio no pago da factura resulta especialmente significativo. Calquera pode aceptar apertarse o cinto nunha situación de emerxencia, si tódolos sectores sociais, empezando polos que máis ganan e teñen, deciden sacrificarse, en maior ou menor grao, segundo as súas ganancias. Non parece que vaia ser o caso no aforro proposto por Zapatero de aproximadamente 15.000 millóns de euros.

A desregulamentación do sistema financieiro internacional responde a un modelo económico baseado no descontrol que interesa, particularmente, a uns poucos actores económicos que se benefician a mans cheas, que incrementan as súas riquezas por medio da especulación, ata o punto que teñen o poder suficiente como para plantarlle un pulso á democracia representativa.

En calquera caso, a redución do déficit público, nacional e internacional, parece imprescindible. Sen embargo, á hora de escoller onde usar o bisturí, existen outras posibilidades.

Alguén poderá acusarnos de utópicos, no mellor dos casos, ou de demagóxicos, no peor, pero cando insistimos na idea de reducir os intolerables gastos militares, a nivel mundial e nacional, o facemos desde o convencemento de que unha pequena diminución porcentual, aliviaría notablemente o gasto público e liberaría cuantiosos fondos para afrontar os grandes desafíos da humanidade no seu conxunto e en cada país.

Pensemos por un momento que en España, desde o ano 2.000, é dicir, dez anos continuados, o gasto militar non baixou nunca de 10.000 millóns por ano e desde o 2005 ven superando os 15.000 millóns de euros, a cifra máxica proposta por Zapatero. Para o presente ano, a cifra presupostada ascende por riba dos 17.000 millóns de euros.

A compra de novas armas, a modernización e o seu mantemento, supón, en 2010, nada menos que 1.223 millóns de euros. E sinceramente, unha fragata, un helicóptero Tigre, un avión de combate de menos, non creo que nos deixara indefensos diante dun hipotético “inimigo”. Non falemos do pozo sen fondo que significa a nosa participación no proxecto interminable do eurofigther.

Alguén poderá chamarnos ilusos ou irresponsables por facer estas reflexións pero son moitas as persoas de ben que as comparten. Entre avións, carros de combate ou fragatas, e pensionistas, xubilados, dependentes, enfermos, ou funcionarios, non temos dúbidas, preferimos saír ó rescate da xente do común. Son opcións, efectivamente...

2,9/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Dios

Manuel Dios (Santiago, 1953) está licenciado en Maxisterio e Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. »



Anteriores...