Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Dios

'Habemus' Cidadanía

12:24 15/09/2008

Sei que existen varios centos de obxeccións presentadas no Rexistro da Xunta de Galicia contra da nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos. A maioría son de pais e nais de centros privados ou dalgúns concertados relixiosos. Ningunha ou moi excepcionais nos institutos públicos. Mesmo parece que unha das obxeccións presentadas está feita en nome dun bebé de 10 meses !!!, isto chámase previsión, adiantarse 12 anos, nada menos, porque, como todo o mundo sabe, a nova materia, implántase en Galicia, neste curso, tan só en 2º e 4º da ESO e, o ano que ven, en 6º de Primaria. Nada máis. Os bebés e todo o alumnado de educación infantil e primaria, por agora, están a salvo de semellante “pecado”...

A gran maioría dos pais e das nais son favorables a Cidadanía. Algúns, é verdade, acátana, por imperativo legal, incluídos aqueles que mandan ós seus fillos ós centros da FERE, a patronal relixiosa que decidiu, con intelixencia e sensatez (a perda do subsidio pesa moito), aplicar a lei, (en contra da opinión dos bispos), iso si, evitando as contradicións co seu propio ideario, si as houber...

Algúns pais e nais teñen confesado certa envexa por non ter a oportunidade de cursar Cidadanía e Dereitos Humanos na súa mocidade, daquela si, adoutrinados en tódolos niveis, na única relixión verdadeira, no nacional catolicismo, e na formación do espírito nacional, obrigatoriamente, contra das liberdades, os dereitos humanos e a democracia, no medo e na represión, pois ese foi o sentido último daquelas ensinanzas para varias xeracións de españois...

Sei tamén que algúns pais e nais actúan de boa fe. Consideran que os valores cívicos e democráticos, a formación moral, as virtudes cidadás... son da súa única e exclusiva competencia, ou da Conferencia Episcopal, tal e como os bispos recordan a diario. Que o Estado non pode nin debe inmiscuírse nas conciencias dos seus fillos. Nin sequera para ensinar e practicar as virtudes cívicas, o mínimo común denominador compartido por toda a sociedade, o necesario para convivir (compartir vivencias xuntos), todo aquilo que proclamamos no frontispicio da Constitución, do Estatuto de Autonomía, ou na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e que tódolos organismos internacionais, nos que estamos, recomendan, a ONU e a UNESCO, ou o Consello de Europa, desde hai varios anos. Baste lembrar a Declaración do Ano Internacional da Cidadanía a traveso da Educación en 2005 ou, moito antes, o Informe Delors en 1989, convertido despois en libro imprescindible e de referencia “A educación acocha un tesouro”, onde o ex- presidente da Comisión Europea destacaba, entre as aprendizaxes básicas necesarias para a educación do século XXI, dúas directamente relacionadas, como son: aprender a ser e aprender a vivir xuntos, porque iso é, precisamente, convivir, sobre todo, co distinto, co diferente...

Non coñezo reacción similar doutros bispos europeos contra dista materia a pesares de que, con denominacións diversas, está presente na maioría dos sistemas educativos da Unión. Como tampouco sei doutra confesión relixiosa que goce de tantos privilexios en Europa como a católica en España, tanto na educación como noutros ámbitos da vida social.

Tampouco podo crer que existan pais e nais informados, que leran e coñezan os contidos dos libros de texto publicados, calquera deles, incluídos os nosos, que poidan temer porque na citada clase (dúas sesións de 50 minutos á semana, no mellor dos casos)  os mozos e mozas vaian ser adoutrinados no relativismo moral, na apoloxía do progresismo, e en comportamentos e condutas que reproban: matrimonios homosexuais, novos modelos de familia, aborto, divorcio, eutanasia, laicismo, anticonceptivos ou educación sexual... todo aquilo que consideran libertinaxe ou pecado... ¡ qué confianza no noso profesorado de filosofía ou de historia, os encargados de impartir Cidadanía...!

Tamén sei que algúns actúan de acordo con entidades vinculadas, directa ou indirectamente, coa xerarquía eclesiástica, que gozan do amparo e a comprensión de sectores da dereita política, relixiosa ou xudicial, moi centristas e liberais eles, que son animados por aqueles que propician toda clase de fórmulas para esquivar e boicotear a aplicación da nova materia, incumprindo manifestamente unha lei aprobada maioritariamente no Parlamento, mesmo en contra de sentenzas desfavorables respecto das súas pintorescas maneiras de favorecer a obxección, como a de Valencia ou Madrid, á espera de que o Tribunal Supremo unifique, dunha santa vez, doutrina. ¿Cómo é posible obxectar contra da democracia, os dereitos humanos, os valores cívicos?. Por que non á filosofía, á historia, ós impostos militares, ó código da circulación...

Ser un bo cidadán, unha boa cidadá, pertence ó ámbito público, non depende das crenzas ou non crenzas particulares e privadas de cada quén. A cidadanía apréndese e practícase no contexto da necesaria convivencia democrática, tamén na escola. Creamos ou non, temos dereito a ser formados nos valores cívicos e democráticos, na solución pacífica dos conflitos, na prevención da violencia de xénero, na interculturalidade, na xustiza e na cultura da paz. , por lei, esa competencia corresponde ó Estado.

Habemus xa cidadanía...

2,88/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Dios

Manuel Dios (Santiago, 1953) está licenciado en Maxisterio e Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. »



Anteriores...