Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Dios

Educación e sociedade

20:12 12/11/2007

Seguimos aínda conmocionados pola matanza que o mozo de 18 anos, Pekka Auvinen, provocou en Finlandia co resultado, terrible, de nove persoas mortas no instituto de Tuusula, perto de Helsinki, incluído o propio asasino que ademais de matar á directora, á enfermeira, e a seis estudiantes do centro, tentou prender lume ó edificio escolar con máis de 500 alumnos e alumnas dentro.

Outro aspecto relevante desta traxedia é que o autor anunciou previamente as súas macabras intencións en YouTube, con frialdade e premeditación. Como un vengador solitario, cheo de ira e de resentimento, ameazaba en Internet con eliminar a tódolos "...incapacitados e vergoñas da raza humana, fracasos da selección natural...".

Para maior alarma social este tráxico suceso coincide no tempo coa proliferación de gravacións de móbiles nalgúns centros educativos de Galicia, reais ou de ficción, con imaxes violentas, de diferente tipo, que son divulgadas entre rapaces e rapazas e tamén colgados na rede.

Todos estos acontecementos teñen provocado regueiros de tinta, titulares de trazo groso e aperturas de telediarios nalgunhas televisións, reabrindo, desta maneira, varios debates, algúns deles, xa reiterados. Tantos que resulta ás veces imposible abordalos coa suficiente serenidade e rigor.

A fugacidade
Miestúranse ademais temas e opinións. Aparecen estudos, expertos, sesudas análises, informes, propostas, ás veces contraditorias, que coa mesma fugacidade coa que aparecen, esquécense, ata a seguinte ocasión.

Non faltan voces que se escandalizan sobre o que din que está pasando nos institutos e coa nosa xuventude, case que sempre, desde o descoñecemento da realidade ou desde certos prexuizos morais moi arraigados entre os adultos e que tenden a criminalizar ou a descualificar comportamentos que atribúen, con lixeireza, a toda a mocidade. Xa Sócrates afirmaba no seu tempo que “os mozos de hoxe en día son uns tiranos. Contradín ós seus pais, devoran a súa comida, e fáltanlle ó respeto ós seus mestres...”.

O debate sobre a violencia tamén é recorrente. Se hai máis ou menos que antes, se hai a mesma, se está máis difundida, se é innata ou aprendida, se é culpa da televisión, dos pais, da escola, dos videoxogos, do cine, da sociedade, da perda de valores, da superprotección ou da educación permisiva, armarios cheos e corazóns baldeiros...

Tamén aproveitamos para preguntarnos publicamente sobre os propios móbiles e a súa utilización nos centros de ensino, ou sobre os límites do dereito á información e a probable colisión con outros dereitos como poden ser os da necesaria protección dos menores, honra, intimidade persoal, imaxe, etc. e sobre se a mellor forma de abordar esta problemática é premiar ós agresores, reais ou fiticios, proporcionándolles cartos ou minutos de gloria, incentivando, desta maneira, as peores condutas.

Con frecuencia escoitamos a quen aproveita para proclamar, unha vez máis, o fracaso da educación e do sistema escolar, para cargar contra algunhas leis educativas, contra do profesorado, sobre a excesiva permisividade, a perda de autoridade, ou para mesmo deslexitimar novas materias como a de educación para a cidadanía e os dereitos humanos, como di o Gran Wyoming, “La que está liando Zapatero”..

A comunidade educativa, lonxe de unificar criterios, de cooperar entre os distintos sectores (profesorado, pais e nais, alumnado), con excesiva frecuencia, tende a responsabilizar ós demáis do que acontece, ingnorando o vello proverbio africano de que “para educar a un neno fai falla a tribu enteira”...

E as autoridades, en non poucos casos, calan, e esperan a que amaine...


Moito ten cambiado a escola, como a sociedade, nos últimos anos, tanto que algúns nin a recoñecerían se voltaran a ela. Tan rápido e con tal intensidade que as facultades de Educación ou as antigas Escolas de Maxisterio non son quen de adaptarse a esta nova realidade tan cambiante, e seguen a preparar ós futuros mestres para unha escola, para un instituto, que xa non existen.

Cando as persoas da miña idade, arredor dos 50 , estudiaban, iamos ó Instituto, o mellor de cada casa, de cada barrio, de cada vila... mentres que a grande maioría, a inmensa maioría, remataba a súa escolaridade na primaria, no mellor dos casos. Hoxe, polo contrario (e por sorte), están na Secundaria todos e cada un dos alumnos e alumnas, sen excepción, os que queren estudar, os que lles gusta, os que están por obrigación, os que obxectan, os que teñen un ambiente familiar favorable, os que veñen coa mochila cargada de carencias e de déficits (emocionais, afectivos, socioeconómicos...), os que arrastran graves problemas de conducta, enfermidades psicolóxicas, psiquiátricas... e ista nova realidade, en si mesma, significa un cambio absoluto, escolar e social, que está aquí para quedarse, co que temos que convivir, e entendelo como un desafío, como un reto, non como unha desgraza.

Contamos cos mellores recursos, humanos e materiais, coa mellor xuventude, e os conflitos, maioritariamente, resolvémolos razoablemente ben nos centros escolares. Témonos dotado, neste mesmo ano, do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar e do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, que debemos desenvolver e aplicar, sobre todo, elaborar e aprobar os respectivos Plans de Convivencia de Centro, para intervir, preventivamente, educativamente, na mellora do clima escolar e na resolución pacífica dos conflitos. A iso, desde hai xa 22 anos, adicámonos algunhas entidades, cooperativamente, en equipo, organizacións como a que teño a honra en presidir, informando, sensibilizando, formando, compartindo experiencias e boas práticas entre a comunidade educativa, con ilusión, con entusiasmo, pero sobre todo, con paciencia, moita paciencia...

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Dios

Manuel Dios (Santiago, 1953) está licenciado en Maxisterio e Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. »



Anteriores...