Hai aproximadamente dous anos que, con discreción, sen dar sentenza, como dicía a miña difunta aboa Ermitas, iniciamos un traballo de persuasión sobre a necesidade de elaborar e aprobar, por unanimidade, unha lei propia, no Parlamento de Galicia, de Fomento da Cultura da Paz, seguindo os precedentes da catalá de 2003 e a española de 2005, leis que para a maioría da poboación, mesmo para as persoas informadas e do mundo académico son absolutamente descoñecidas.
Como consecuencia das conversas mantidas cos portavoces parlamentarios dos tres grupos, cos respectivos de educación, co propio goberno, co anterior e co actual, pedíusenos que fixeramos nos un borrador que puidera servir como documento de referencia, e así o fixemos. A Ponencia Conxunta, finalmente, xa está en marcha en sede parlamentaria, co que empeza o procedemento lexislativo propiamente dito.
O borrador consta dun Preámbulo no que xustificamos a necesidade dunha lei destas características, explicamos polo miúdo o que a comunidade internacional entende por Cultura de Paz, á luz da Declaración e o Programa de Acción aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999, a proposta da UNESCO e do seu, daquela, Director Xeral, Federico Mayor Zaragoza, de acordo co Manifesto 2000 dos Premios Nobel da Paz e os documentos que a desenvolveron durante o Decenio 2001-2010, da Cultura da Paz e a nonviolencia para todos os nenos e nenas do mundo.
Facemos mención, como non podía ser doutro xeito, á tradición pacífica do galeguismo ou ó Congreso Internacional da Paz celebrado no Ferrol en 1915, como algúns referentes históricos, ou máis recentemente, ó Congreso Europeo de Educación para a Paz de 1994, celebrado en Santiago de Compostela, o primeiro continental do movemento coñecido internacionalmente como Teachers for Peace. E ás dúas referencias lexislativas citadas con anterioridade e que están vixentes no Estado, e tamén ó vixente Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia.
Como temos reiterado tantas veces, a Cultura da Paz é un conxunto de valores, actitudes, tradicións, comportamentos e estilos de vida baseados na convivencia democrática e no diálogo, no respecto pola vida e os dereitos humanos, na confianza de que a erradicación da violencia virá da man da educación, da xustiza e a cooperación, e da igualdade plena entre homes e mulleres, así como da interculturalidade.
Por iso, cando falamos de Cultura de Paz, non nos limitamos a demandar a educación para a paz, os dereitos humanos e a democracia nas escolas, senón que insistimos no diálogo intercultural e interrelixioso (Alianza de Civilizacións), na superación da exclusión e a pobreza (Obxectivos do Milenio), na resolución pacífica dos conflitos ou na prevención e consolidación da paz.
O articulado aborda o obxecto da lei, delimita os ámbitos de aplicación, Xunta e entes locais, e prioriza actuacións en relación cos dereitos humanos e as liberdades individuais e colectivas, a convivencia cidadá, a educación, os medios de comunicación social e o fomento do desarmamento global.
Quero resaltar as aportacións que desde a diversidade funcional se incorporaron ó texto base. Tamén a que, por primeira vez, se propoñen axudas anuais específicas para a realización de actividades, estudios e investigacións en materia de paz, así como a posibilidade de crear un Instituto Internacional pola Paz en Galicia, con funcións moi detalladas como poden ser a promoción da investigación, a formación, e a difusión da cultura da paz, actuar de observatorio sobre paz e conflitos, apoiar e asesorar á sociedade civil, ó propio Parlamento, ó Goberno e ás administracións públicas, establecer redes con institutos similares como o de Cataluña e no ámbito internacional.
En definitiva, un proxecto que con toda probabilidade será aprobado, por unanimidade, só así terá sentido e o noso apoio, neste ano emblemático, por tantas razóns, do 2010, no que o Seminario Galego de Educación para a Paz celebra o seu XXV Aniversario.
Que así sexa...
Manuel Dios (Santiago, 1953) está licenciado en Maxisterio e Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. »