O certo é que o interrogante que serve de cabeceira deste artigo é unha cuestión de absoluta actualidade, tralas sorprendentes declaracións de Benigno López González, que é o recentemente nomeado, por acordo unánime do Parlamento de Galiza, novo Valedor do Povo.
En dúas entrevistas o Valedor despachabase a gusto en relación a cuestión idomática, afirmando a idiotez de que "Se a un neno se lle suspende polo galego, logramos que lle colla odio", en referencia ao decreto do galego no ensino, ou que "usar o galego na Xustiza, se non se domina, pode resultar perigoso".
Obviamente o perigoso é que sexa a persoa que ocupa unha institución tan relevante como é o Valedor do Povo quen diga tal fato de insensateces que non só indican a máis absoluta insensibilidade co idioma, como soporte identitario do povo do que é valedor, senón que van na dirección contraria do que establece o actual marco xurídico e lexislativo en relación á normalización do galego, e contra todo sentido común.
Se cadra o máis grave é que esas desnortadas reflexións de Benigno López González, entran en directa colisión coas funcións que a institución que representa ten establecidas como alto comisionado do Parlamento de Galiza encargado de vixíar o exercicio dos dereitos e liberdades e en xeral co obxecto de coñecer o pleno respecto á lei e o dereito. Máxime cando o actual Valedor foi maxistrado da máis alta instancia xudicial galega. Como é natural as declaracións do Valedor desataron unha intensa polémica institucional, política e social.
Colectivos como A Mesa pola Normalización Lingüística ou o Movemento polos Direitos Civís, e tamén o Grupo Parlamentar do BNG, xa lle exixiron a Benigno López a súa rectificación formal, que a día de hoxe non se produxo. Pola súa banda a CIG reclama a súa demisión, mentras Pérez Touriño limitouse a dar un suave toque de atención.
Volvamos á cuestión inicial. Perante estas declaracións e a situación xerada, apenas semanas despois do seu nomeamento, ¿debe demitir o Valedor do Povo? Non existiría ningunha dúbida de que a súa renuncia é indispensábel se no canto de verquer esas afirmacións sobre a cuestión idiomática, soltase tonterías semellantes arredor doutros asuntos.
Por exemplo: se o Valedor do Povo insinuase que o principio de igualdade debe aplicarse con moderación xa que implica riscos de discriminación cara os homes, ou se dixese que hai momentos nos que se debe flexibilizar o exercicio dos dereitos civís para posibilitar unha maior seguridade en referencia ás brutais cargas policiais en Ferrol, nesos casos ¿alguén dubidaría que Benigno López non pode ocupar o posto de Valedor do Povo?
A diferenza radica en que López métese na cuestión idiomática, que inda hoxe cos avanzos conquistados no marco lexislativo, segue a entenderse por algúns como un asunto ideolóxico, de opinión, e non de dereito.
A resposta ao meu ver fica clara: se as afirmacións feitas nas citadas entrevistas forman parte das conviccións de Benigno López, ao marxe, e independentemente de que faga ou non unha rectificación pública e formal, desacreditan a este para exercer a responsabilidade institucional para o que foi designado pola sede da soberanía popular galega, e debería apresentar de inmediato a súa renuncia.
Pero se non o fai debe ser o Parlamento quen lle retire a súa confianza e proceda ao seu cese.
Do contrario parecerá a todas luces que cando falamos do idioma, da súa normalización e dos dereitos que a ese respecto temos todas/os as/os galegos, estamos a falar dun asunto menor, intrascendente ou baladí. E non o é.
Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 07/08/1984) é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi Responsábel Nacional de Ensino Meio da Dirección Nacional de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG). Foi membro do Consello Escolar de Galiza e representou aos CAE no Consello da Xuventude de Galiza. Pertenceu ao Consello Local e Comarcal do BNG de Vigo. »