Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Pérez Igrexas

Quérote, non te quero

11:52 23/03/2007

Nos últimos tempos temos asistido á posta en escena, unha vez máis, dunha hipotética aproximación por parte do Partido Popular de Galicia co BNG, na que mesmo Núñez Feijoo non descarta a posibilidade de pactos post-electorais co Bloque. A estratexia non é nova, pero segue a darlle resultados positivos aos populares.

O PP tense significado por manter, en relación ao nacionalismo, unha bipolaridade intermitente. Esa ciclotimia no táctico, concrétizase por exemplo na dura escalada de criminalización e ostracionismo contra do BNG desde que este conqueriu representación institucional no Parlamento Galego, e momentos de aparente "entendemento" co BNG como o protagonizado no tan controvertido encontro entre Manuel Fraga e Xose Manuel Beiras no 2001, no que Fraga por vez primeira non descartaba chegar a acordos coa forza política que demonizara desde sempre, mesmo meses atrás e con dureza no transcurso daquela campaña eleitoral.

Non foi casual ese xesto, e por parte dos populares supuxo todo un acerto táctico. Coa recén estreada cuarta maioría absoluta en Galiza e un ano despois de que Aznar conseguise a súa, xusto un día despois da súa elección por parte do Parlamento Galego como Presidente, Fraga consigue unha fotografía histórica: o apretón de mans co seu arqui-inimigo Xose Manuel Beiras Torrado, o do zapato. Para o PP supuxo un lavado de cara, e a resposta máis efectiva, a todas as acusacións, fundadas, a respeito do talante antidemocrático de Don Manuel e Cia. Dabase unha imaxe de falso aperturismo, moderación e modernidade.

O BNG pola contra apenas conseguiu enfatizar un pouco o seu perfil institucional, e de modulación do seu discurso, pero non obtivo ningún beneficio político, xa que este affaire supuxo o principio do fin do ciclo político de Beiras como cabeza de cartel e suscitou unha forte contradicción na base social e militante do Bloque,que historicamente e iconicamente se tiña identificado co anti-fraguismo, como expresión dunha xenuina alternativa política de futuro para Galiza.

O BNG con este xiro na súa estratexia non correxiu a súa traxectoria electoral que en 2001 pasou do salto histórico de 1997 (no que se colocara como segunda forza política), ao retroceso coa perda dun deputado, e que en 2005, pese a acceder por vez primeira ao Governo de Galiza, rematou tamén coa primeira ocasión na que o BNG retrocedía en número de votos.

A síntese é fácil. Ao Partido Popular convenlle e moito este tipo de artimañas por varias razóns. En primeiro lugar, consigue afortalar en Galiza a bipolaridade estatal PSOE-PP. En segundo lugar, dilue o perfil antágonico e de forza política diferenciada do BNG, extendendo aquilo do "todos son iguais". E en terceiro lugar porque forza un fluxo de votantes cara os dous focos da bipolaridade, que unicamente reforza ao PP ou ao PSOE. Así mesmo gaña as simpatías do galeguismo máis conservador, na liña do "galego coma ti" de Fraga.

O obxectivo desa táctica é duplo: deixar fora de xogo ao BNG, que é a única opción política xenuinamente antagónica ao proxecto rexionalista e antisocial do PP, e en parte tamén do PSOE, e disputar os vindeiros comicios autonómicos nun cenario mimético en relación ao do estado.

É evidente que unha forza política con vocación de governo, e con capacidade para asumir a dirección institucional do país, como o BNG, debe ser capaz de chegar a pontos de encontro con todas as opcións, poñendo como única condición que a defensa dos intereses de Galiza sexa o que conte. Xa que logo o nacionalismo galego, debe estar disposto a chegar a acordos puntuais co Partido Popular, como co resto de forzas políticas en Galiza e no estado, naquelo que sexa positivo para os intereses do país, e que se traduza en beneficios concretos e obxectivabeis que visibilicen ao BNG como o verdadeiro aparello de estado da nación galega.

Mais esos posíbeis e necesarios pontos de encontro en chave de país, non son óbice para deixar claro que os proxectos políticos que representan PP e BNG son diametralmente opostos, o que imposibilita de feito calquer tipo de pacto, e dese xeito rachar desde xa coa farsa do "quérote, non te quero", que non é máis que un abrazo de oso por parte do PP que pretende asfixiar o proxecto de transformación que representa o nacionalismo.

3,36/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pérez Igrexas

Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 07/08/1984) é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi Responsábel Nacional de Ensino Meio da Dirección Nacional de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG). Foi membro do Consello Escolar de Galiza e representou aos CAE no Consello da Xuventude de Galiza. Pertenceu ao Consello Local e Comarcal do BNG de Vigo. »



Anteriores...