Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Pérez Igrexas

Diáspora, eleccións e hixiene democrática

14:30 17/04/2007

A pouco máis dun mes da celebración dos comicios municipais, o debate arredor do voto da emigración galega acrecentase en intensidade e mesmo en profundidade. Non é casual, xa que estamos a falar dun voto, o da diáspora, con peso específico no cenario político e electoral do país, con máis de 300.000 electoras/es, o que representa arredor do 12% do censo electoral total de Galiza. A relevancia do voto emigrante significase inda con máis forza se cabe, en concellos onde representa o 30% do eleitorado.

A falta de garantías no exercicio democrático do voto, denunciadas sistemáticamente polo BNG, e intermitentemente (segundo quen ocupe o governo central, é dicer, segundo quen controle toda a maquinaria diplomática e consular) por PSdG-PSOE e PP, define esta cuesitón como un asunto crucial.

O "paradoxo" electoral ao que con atino referiuse recentemente nunha entrevista neste medo Carlos Aymerich, voceiro do Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza, produce disfuncións inasumíbeis: mentras que máis de 15.000 mariñeiros da pesca de altura, ou da mariña mercante, vense impedidos, de facto, para executar o seu direito ao voto, e mentras calquer galega/o da emigración intraestatal (onde hai relevantes colonias galegas afincadas en Canarias, Madrid ou Barcelona) perde non só o seu direito como elector/a senon que ademáis perde calquer vinculazón administrativa con Galiza no momento mesmo de empadroarse noutro concello (requisito sine qua non para cuestións tan fundamentais como a escolarización de fillas/os, o uso de servizos municipais...), os 312.000 galegas/os residentes no exterior, segundo o CERA, teñen garantido o seu direito ao voto.

Fique claro, que non estou a cuestionar o dereito a voto da diáspora. No caso da comunidade emigrante galega,pola súa estreita e intensa relación coa terra nai, e inda máis,pola súa demostrada intención proactiva de participaren da vida política do país, negarlle ese direito, ao meu ver sería un exercicio de grave irresponsabilidade. Se por algo se distingue á emigración galega é polo seu firme mantemento no relativo á identidade, e na súa afirmación constante da galeguidade.Obviamente non se trata de darlles de lado, nen moito menos, porén é necesario regulamentar a súa participación electoral en base a un duplo obxectivo básico.

En primeiro lugar, o voto do exterior debe ter as mesmas garantías que o voto interior, iso é garantir que o voto sexa persoal, libre e segredo e en urna, cuestión que actualmente non só non fica garantida senon que ofrece fundadas dúbidas arredor da limpeza dun proceso claramente manipulábel.

E en segundo lugar, debemos ponderar, dandolle unha proporción máis equilibrada ao voto da emigración. Non é razoábel que un 30% de electores nun concello no que hai moito tempo que non viven, detemrine o resultado da elección dun governo municipal que xestionará a vida municipal do restante 70% os 365 días do ano.

Existen fórmulas no presente que noutros países compatibilizan a necesaria participación da comunidade nacional residente no exterior cun sistema de estrictas garantías democráticas e de proporcionalidade. Como apuntaba Aymerich no Portugal por exemplo non poden participar nas Autarquicas, mais sí nas lexislativas. En Italia, cunha importante emigración, establecen unha especie de circunscrición específica para o voto exterior, asignandolle 6 senadoras/es e 12 deputadas/os. Son fórmulas a ter en conta, non para importalas miméticamente, pero si para coñecermos outros cenarios e respostas a situacións semellantes, de cara a atopar unha solución de noso.

Os grupos parlamentares do BNG e do PSdG, a inicitativa dos nacionalistas, acaban de manifestar publicamente a súa intención de acometer a reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX).É un primeiro paso en positivo, pero o que debe ficar claro, inda que ao PSOE lle doa ter que renunciar á vantaxe que supón controlar o governo central, é que non podemos permitirnos nen un só retraso máis neste asunto, que xa é unha cuestión de hixiene e garantía democráctica. Non é asumíbel en termos democráticos que se celebre nen unha soa convocatoria electoral máis, após das municipais, nesta situación.

3,19/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pérez Igrexas

Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 07/08/1984) é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi Responsábel Nacional de Ensino Meio da Dirección Nacional de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG). Foi membro do Consello Escolar de Galiza e representou aos CAE no Consello da Xuventude de Galiza. Pertenceu ao Consello Local e Comarcal do BNG de Vigo. »



Anteriores...