O escritor, non merecedor do título de historiador, Luís Pío Moa Rodríguez, publicaba o pasado 24 de agosto dende o seu blogue aloxado no diario electrónico Libertad Digital, dirixido por Jiménez Losantos, un artigo titulado "En Galicia".
Pío Moa, vigués de nacemento pero españolista converso de profisión, ofrecía nese texto pobre no conceptual, apenas unha apelación reiterativa ás consignas habituais dos que apropiandose da "defensa da liberdade" para sí, tentan impor a súa visión minimalista, curta e uniformadora da realidade, obviamente baixo a marca desa "España Una" coa que quen fora un dos fundadores do GRAPO parece aliñarse desde hai moito tempo, en contra de calquer recoñecemento da realidade plurinacional do estado, e inda con maior ira contra todo avanzo na normalización de todo idioma que non sexa o sacro español.
Moa, gurú do revisionismo histórico neocon que segundo Paul Preston serve para "(...) repetir dunha forma un poco máis suave a propaganda franquista da Guerra Civil e da inmediata posguerra.", carga con vehemencia contra a iniciativa d'A Mesa pola Normalización Lingüística coa presentación do manifesto "Ensino en Galego" no que se reclama o cumprimento do decreto 124/07, que sustuiu ao inoperante e nunca executado 247/95, polo que se establece a docencia en galego das materias troncais e doutras asignaturas, e que representa o paso máis sinificativo na dignificación do noso idioma como o noso principal valor cultural e un dos alicerces da nosa identidade como povo.
O controvertido escritor, referencia habitual da ultradereita máis belixerante, atrevese mesmo a criticar que se financie con recursos públicos, xestionados pola administración autonómica, o proceso de normalización ao que chega a calificar de "proxecto de enxeñería social totalitario, sen fundamento lóxico, ético ou xurídico algún".
"A normalización é cara -incalculablemente-, pero como a pagamos todos, soportamola os que non estamos á Mesa, e disfrutana e a usufructúan os seus comensais, non se repara en gastos" afirma sen rubor este pseudo-intelectual das cavernas.
As súas palabras calificanse por sí soas, e de paso demostran cal é a verdadeira natureza de quen se autoproclama adalide da defensa da liberdade (individual por suposto), empregando esta como escudo tralo que agochar a súa percepción marxinal dunha realidade plural, na que a diversidade é dende logo un activo capital, sobor de todo cando estamos inseridas e inseridos nunha realidade global homoxeneizadora no ideolóxico e criminalizadora de calquer disidencia.
Pío Moa remata o seu artigo facendo un chamamento, cunha intencionalidade intoxicadora, para que a sociedade "resista á imposición lingüística". Semella que nalgo estamos dacordo, e coincido con el nese chamamento á resistencia, pero contra o único código imposto con metodos colonialistas no noso país que non é outro que o español.
É cuestión de indagar e coñecer algo de historia, pero diso Moa non sabe: él adicase a reinventala ao gosto da dereita española.
Ligazón ao artigo de Pío Moa
Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 07/08/1984) é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi Responsábel Nacional de Ensino Meio da Dirección Nacional de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG). Foi membro do Consello Escolar de Galiza e representou aos CAE no Consello da Xuventude de Galiza. Pertenceu ao Consello Local e Comarcal do BNG de Vigo. »