Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Pérez Igrexas

De soldos e ética na política

09:30 14/08/2007

Loli Rodríguez, secretaria xeral de Xuventudes Socialistas, isto é a organización xuvenil do PSdG-PSOE, é a autora dun extenso, pero pouco edificante, artigo de opinión que viu a luz recentemente en Vieiros, baixo o título de "De política, soldos e ética".

O texto podía sintetizarse do seguinte xeito:

Primeiro, os cargos públicos por asumiren a responsabilidade de decidir en que se gastan os cartos de todos deben estar ben remunerados, ao igual que os traballadores deben optar a salarios "xustos" (a diferenza semántica non é nen moito menos casual).

Se se fala das retribucións dos cargos institucionais non debemos comparar estas cos salarios doutros postos (non vaia ser que comparando, inda coa xusta ponderación, o escándalo sexa a resposta máis suave).

Aos que afirman que na política só se entra para "chupar cartos" Loli Rodríguez anímaos a entrar nela… ocurrente solución. Eu pola contra teríalles argumentado, con sólidos exemplos, que esa xeneralización é inxusta e falsa.

A moza socialista aponta tamén unha posíbel fórmula para determinar os salarios dos Alcaldes: proporcionalidade en función da povoación, do orzamento… (sen comentarios).

E tras esta pequena introducción a lider da XSG entra a fondo no tema que era en realidade a causa que fundamentaba o seu artigo: atacar á nacionalista Encarna Otero por ter manifestado esta a súa oposición á disposición adicional 17ª da recén aprobada Lei da Función Pública, pola que se establece un complemento retributivo para os altos cargos da Administración de 14.721 euros até a súa xubilación, a través dun artigo de opinión no que a Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Xunta de Galiza, chamaba á insubmisión política e económica a esa medida, por conciencia e ética.

O chamado á insubmisión ao aguinaldo de case quince mil euros anuais molestou nas filas socialistas. Ricardo Varela, ironizaba co posíbel carácter delictivo desa desobediencia, ao tempo que o incombustíbel Méndez Romeu cargaba as tintas contra Otero. E tras comprobar que os misís mediáticos dos pesos pesados non solventaron a polémica social criada, Loli Rodríguez serve de avanzadilla da guerra de guerrillas contra o sentido común.

Quero aplaudir a valentía política de Encarna Otero por poñer luz pública nun asunto que probabelmente non tería trascendido das paredes do Parlamento, e por atreverse desde a súa posición a denuncialo.

Afirmar obviedades é do xénero bobo, por iso tentarei non facelo. É obvio que todas e todos comprendemos que os responsábeis políticos/institucionais deben percibir polo seu traballo unha retribución xusta. Ese non é o debate, pese ás intencionadas piruetas de Rodríguez, que tiñan como obxectivo confundir.

Pero o que non é defendíbel de ningunha das maneiras, en ningunha circunstancia e sen excepción é que se fixe un complemento salarial que supera o dobre do que un traballador percibirá ao longo dun ano completo co salario mínimo interprofesional de 600€, e que se sumará ao soldo do posto que ocupe o ex alto cargo, criando ademáis unha discriminación fronte ao resto de persoas que inda desenvolvendo ese mesmo posto non cobrarán ese complemento.

A Presidenta do Consello da Xuventude de Galiza, que o é grazas a un oscuro pacto coas Novas Xeracións do Partido Popular, afirma que non admite "leccións de ética". A humildade en política ás veces consiste en sinxelamente estar disposto a receber leccións, e coido que a humildade é requisito sine qua non para adicarse ao servizo público, que non profisión, que debe ser a política.

Deixemonos de demagoxia e bravatas, e sexamos honestos. E con honestidade ¿alguén me pode explicar,como mozo traballador que non chega nen a mil eurista, porque un ex director xeral debe cobrar un complemento case vitalicio que é máis do que eu cobro ao ano? ¿alguén llo pode explicar ás persoas que sobreviven cun RISGA ridiculo que os situa ao borde da exclusión social? ¿e aos nosos maiores con pensións non contributivas? ¿e ás familias que malviven coa axuda familiar ou o subsidio de desemprego? ¿cal é o concepto, a razón ou a xustificación dese sobresoldo que pagamos todas e todos? Iso Loli Rodríguez non o contesta, cecais porque a resposta non é aceptábel socialmente: sinxelamente non hai ningunha razón.

Non estamos a criticar o salario que cobre un alto cargo no exercicio das súas responsabilidade, inda que pode exisistir esa crítica. O que algúns sostemos é que non é aceptábel que unha vez que deixe de ostentar esa responsabilidade se lle asigne unha "paga" extra anual de quince mil euros.

¿Alguén dúbida de que se se ten un mínimo de ética política a disposición adicional 17ª é algo inasumíbel? Eu, como a maioría social, non o dúbido.

3,79/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pérez Igrexas

Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 07/08/1984) é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi Responsábel Nacional de Ensino Meio da Dirección Nacional de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG). Foi membro do Consello Escolar de Galiza e representou aos CAE no Consello da Xuventude de Galiza. Pertenceu ao Consello Local e Comarcal do BNG de Vigo. »



Anteriores...