Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Pérez Igrexas

Discursos

12:31 02/01/2008

O nadal e o cambio de ano, acostuman ser boas oportunidades para lanzar proclamas e discursos políticos.

Inda que existe a idea instalada de que este tipo de intervencións televisadas non teñen demasiado efecto na cidadanía, o certo é que se corresponden co prime time en termos de oportunidade política. Existe, pola habitualidade, una predisposición social de atender o que teñan que dicer os dirixentes gobernamentais. As/os galegas/os fumos espectadoras/es das intervencións do monarca español, en noiteboa, e máis do Presidente da Xunta en fin de ano. O certo é que ambas foron pouco susbtanciosas. En noiteboa xa son habituais as intervencións asépticas no político e valeiras no conceptual, dun monarca que recurrentemente cae no oficialismo buenista de falar sen dicir nada. Touriño pola súa banda mimetizou co seu antecesor e fixo da súa declaración de fin de ano un brindis ao sol no que vanagloriarse, sen escatimar en autobombo, do seus supostos méritos presidenciais. Nen unha soa autocrítica, inda que a súa axenda lexislativa para o 2007 non se cumprise.

Na outra beira
Na outra beira do Miño, o primeiro ministro portugués, o socialista José Socrates, facía o mesmo en noiteboa cunhas verbas afastadas da dura realidade que sofren as clases populares e operarias do país irmán, e que as súas políticas de corte neoliberal están a recrudecer. A nota disonante marcouna o Presidente da República, o conservador Cavaco Silva, no seu discurso de fin de ano, retransmitido pola RTP e do que se fan eco todos os meios portugueses, sobor de todo pola súa alusión aos excesivos salarios dos grandes directivos empresariais en comparación cos soldos medios dos seus traballadores. Cavaco, ao que non profeso a máis mínima simpatía, pode que sexa un demagogo oportunista, pero o certo é que a súa descrición da situación do Portugal, onde a desesperanza entre as clases populares comeza a facerse visíbel despois de constatar unha vez máis a traizón do PS aos principios da esquerda (que Mario Soares denunciaba recentemente), é infinitamente máis críbel, verosímil e obxectivábel que o triunfalismo do seu primeiro ministro. Estos feitos recentes e concretos poden server de exemplo ad hoc para denunciar a permanente ausencia de autocrítica, e unha obsesión por parte dalgunhas formacións políticas de invisibilizar os problemas, como se xirando a cara se superasen, seguindo a máxima de "obvia aquelo que non poidas retrucar".

A macroeconomía
En Madrid ZP tira da macroeconomía para ocultar unha situación nas economías familiares ben distinta da que debuxa o seu vicepresidente, que no canto de sinalar os baixos salarios como causa da perda de poder adquisitivo, sermoneanos insinuando que somos uns inconscientes que non entendemos o valor dun euro. O que entende calquera é que cun euro non se pode mercar en ninguna parte o podía adquirise co seu equivalente en pesetas só uns anos atrás. A cidadanía merece dirixentes políticos no governo ou na oposición que os respecten. E o respecto exixe deixar de botar balóns fora, abandoar os malabarismos dialécticos, asumir responsabilidades, recoñecer as deficiencias e os erros e falar co povo con honestidade. O contrario non é política, é o lamentábel espectáculo que en nadal nos televisan.

3,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pérez Igrexas

Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 07/08/1984) é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi Responsábel Nacional de Ensino Meio da Dirección Nacional de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG). Foi membro do Consello Escolar de Galiza e representou aos CAE no Consello da Xuventude de Galiza. Pertenceu ao Consello Local e Comarcal do BNG de Vigo. »



Anteriores...