Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Cendán

Electores confusos

14:01 07/01/2008

A dous meses das xerais do 2008 os fundamentalistas católicos encheron Madrid con máis de cento cincuenta mil manifestantes, contra o Goberno de Zapatero. Esta manifestación, que pretende acosar á España democrática, non é máis que unha mostra de que a dereita radical tomou as nosas rúas, que non están dispostos a perder a hexemonía e o control político, aínda que perdan as eleccións como así aconteceu hai catro anos co triunfo socialista.

A isto súmase a confusión que desde a esquerda estase a vivir con esta fin de lexislatura, onde tras unha boa xestión progresista, produto do acordo básico dos socialistas con IU e as esquerdas dos nacionalismos, vense a evidenciar, outra vez, que a dereita logra marcarlle a axenda ao Goberno, cando este último está a facer propostas electorais, especialmente nunha redución insolidaria de impostos, xunto co anuncio dun xiro ao “centro político”. ¿Anúnciase a implementación dunha política económico – social neoliberal, onde os traballadores e as capas máis modestas paguen, aínda máis, o tan cacarexado déficit cero e o axuste económico derivado deste modelo de integración europea, que de xeito ostensible está a reducir o noso nivel de vida, visible sobre todo, tras a entrada do euro?

Ademais, parece ser que determinados socialistas como Solbes, Bono, Vázquez e algún outro, non saben que España é un país situado á esquerda. De feito, hai máis de millón e medio de votantes, que discorformes con políticas económicas neoliberais e considerando que Esquerda Unida non é unha alternativa, tende a optar pola abstención. Máis, o 14 de marzo de 2004 foron votar contra Aznar. O triunfo da dereita sempre estivo en que a esquerda quedara na casa.

Tamén, hai asentado un discurso que esconde a realidade social de España. É o famoso discurso das clases medias; que serve para ocultar que temos conflitos, produto dos diferentes e encontrados intereses de cada clase social.

Xogan, ademais, nesa nomenclatura con conceptos despectivos como “clase baixa”; incluso o concepto de “clase media” é traducido erroneamente por “xente corrente”. Pero, por se alguén ten dúbidas, para ser clase media hai que cumprir tres premisas: ter estudos universitarios, unha profesión liberal ou similar, e medios económicos para facer fronte ás inclemencias da vida. Senón se cumpren, utilizando esa mesma nomenclatura es “clase baixa”. Persoalmente, prefiro a tradicional de “clases traballadoras”, que realmente é o que se pretende ocultar. Aínda que sexamos moi maioritarios na sociedade española, non formamos parte do discurso dominante... máis existimos.

Base social

Sendo así, todo xiro ao centro político e non tendo asegurada a túa base social - xa que esta tende a castigarte coa abstención, ou cambiar en menor medida a outras opcións cercanas – o único que estás a conseguir é a facer confuso o teu propio discurso, cando non directamente a enfadar a unha boa parte do teu electorado. Resoan aquelas palabras de Indalecio Prieto que preguntado pola derrota da esquerda, respondía que era por imitar as políticas da dereita.

Se a isto lle sumamos que en Galicia, aínda que si é certo que os novos orzamentos da Xunta parecen querer abrir unha nova etapa máis social, choca cun discurso desde o bipartito bastante plano, asumindo acriticamente o submodelo clientelar do fraguismo, que fai que as súas herdanzas envelenadas (Reganosa, Monte Gaiás...) parezan ser intocables; e onde os representantes políticos do PSdeG – PSOE e do BNG, parecen se conformar con compartir fotos con empresarios do vello réxime de dubidosa traxectoria, que o único que fixeron foi manter a debilidade do noso tecido industrial. Todo apunta a que realmente, desde a esquerda gobernante, xogan a que lles votemos porque son menos malos ca dereita.

Pobre argumento. A estas alturas só fomenta o desencanto do electorado progresista. Abrindo así a posibilidade de que no Parlamento español poida haber un retroceso das diversas esquerdas, e facilitar un acordo das dereitas nacionalistas con Rajoy, aínda que o PSOE fose a lista maioritaria. Dito en prata, hai que mobilizar ao electorado de esquerdas para relanzar un goberno socialista en España con apoios de IU e do nacionalismo progresista.

4,43/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »



Anteriores...