Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Cendán

A manifesta incapacidade de Fernández Ordóñez

18:00 13/10/2009

Acaba o Gobernador do Banco de España de pasar pola Comisión de Orzamentos do Congreso dos Deputados, e segue a pedir reformas laborais, baixada de salarios e máis subempregos para os traballadores, desregulamentos e traspaso de rendas do traballo a rendas do capital. Defende que a crise a paguemos, en exclusiva, as clases populares.

Mágoa que o Sr. Fernández Ordóñez non afirmara que a crise das Caixas de Aforros vén dada precisamente polos métodos privados de xestión. Que non afirmara a necesidade dunha forte banca pública ao servizo de políticas expansivas, que reparen as feridas económicas produto da voracidade dunha clase empresarial especuladora.

O Gobernador tamén esqueceu falar da necesidade que ten a nosa economía dun forte sector enerxético, que só sería posible coa re - nacionalización das grandes corporacións, e que están formando un oligopolio, deixando indefensos aos consumidores fronte aos seus abusos.

Por non falar da necesaria reforma nas estruturas das empresas. Acaso non é unha medida de eficiencia económica, de antídoto contra a deslocalización, de saúde democrática, a participación dos traballadores na propia xestión nas medias e grandes empresas?

Que medidas contra a fraude fiscal das grandes empresas e fortunas propón? Acaso non é, tamén, necesaria unha reforma dos obxectivos do propio Banco de España, que lle permita implementar medidas de dinamización económica? Acaso os propios tratados europeos non son un freo para a recuperación económica?

O Sr. Fernández Ordóñez parece descoñecer que as políticas neoliberais iniciadas por Solbes en 1993, e implementadas posteriormente por Rodrigo Rato pecharon a etapa do maior desenvolvemento económico e cohesión social de España, a do Partido Socialista de 1982 a 1993. Co Goberno do Sr. Aznar – 1996 a 2004 - os traballadores perderon poder económico, reducindo a súa capacidade de consumo e por outra banda, o aumento desmedido das rendas do capital (produto da sobre explotación laboral e dunha política fiscal regresiva), fixo que estas para manter a súa rendibilidade pasaran de ser investidas da economía real á especulación bursátil e do cemento; sendo un dos aportes fundamentais para a actual crise económica en España.

O propio Gobernador alimenta ás posicións máis reaccionarias da dereita económica. Como exemplo, desde a patronal galega, o Sr. Fontela pide o desmantelamento dos servizos sociais, da sanidade e ensino públicos; e o día a día galego indica que o Presidente Feijóo vaille facendo caso.

É evidente a manifesta incapacidade do Sr. Fernández Ordóñez para xestionar nesta fase da crise económica o Banco de España, e incluso para aconsellar ao Goberno do Presidente Zapatero. O Gobernador foi incapaz de cambiar os comportamentos bancarios, e incapaz de forzar aos grupos financeiros para achegar o crédito  aos cidadáns e ás empresas.

España é un dos países máis desiguais da UE. Isto débese a un escaso desenvolvemento do sector público e das necesarias infraestruturas físicas e de comunicacións, dun escaso apoio ao desenvolvemento de capital humano e social. As políticas expansivas, a fiscalidade progresiva, o emprego de calidade público e privado, o desenvolvemento dos novos sectores que amplíen o Estado de Benestar (pensións, sanidade e ensino públicos, escolas infantís, dependencia, servizos sociais, vivenda social, a loita contra a exclusión social); achegándonos ao norte de Europa, son imprescindibles. O déficit público, produto do aumento do gasto social, débese entender como un investimento para garantir unha saída máis rápida da crise e aseguralo futuro. O contrario é afondar na crise económica e aumentar o desemprego.

Os próximos Orzamentos Xerais do Estado deben ser un instrumento para unha saída progresista da crise, fronte a un PP ávido de aplicarlle o Modelo Fontela e Díaz Ferrán aos cidadáns. É imprescindible unha alianza do conxunto das forzas da esquerda política e sindical, así como a mobilización da sociedade contra esa dereita que pon en cuestión a cohesión social e a propia democracia.

4/5 (4 votos)



Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »



Anteriores...