Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Cendán

¡Paremos a Israel!

11:30 31/01/2008

Estes días tivemos ocasión de ver como centos de miles de palestinos que viven en Gaza, territorio convertido por Israel no maior campo de concentración da Historia da Humanidade, pasaban a Exipto na procura de víveres e outras mercadorías, tras o derrube dunha parte do Muro sionista construído ilegalmente.

Ademais, agora está claro que George Bush non foi, días atrás, a apostar por unha solución definitiva que lles permita aos palestinos ter un futuro con dignidade, senón simplemente, a dar o visto bo ás operacións militares de Israel.

O que está a acontecer é a consecuencia inmediata de que desde Israel, os EE.UU. e a Unión Europea non aceptaron as eleccións democráticas de Palestina, celebradas pese á ocupación militar dos seus territorios, e que lle deu a vitoria a Hamás. É a consecuencia da aposta por provocar unha ruptura entre os palestinos e castigar á poboación civil por non votar por aquilo que as potencias occidentais mandan a unha poboación humillada, cansa de perder sempre.

Baixo o eufemismo da “guerra contra o terrorismo” que pretenden nos presentar a Israel como un “estado democrático” e “ameazado” e á poboación palestina ocupada como “terroristas”, estamos a asistir a unha nova etapa da política colonialista occidental, para así manter o control sobre as reservas de gas e petróleo e evitar que esa gran nación árabe que vai desde o Atlántico marroquí até Iraq e desde a fronteira con Turquía até o Índico, poda ter a voz propia dunha potencia emerxente similar a China ou a India. Esta é a verdadeira orixe do nacemento do estado israelí, e non os campos de concentración nazis.

Israel practica a limpeza étnica cun pobo semita como o palestino e instala colonias integristas co obxectivo de romper a continuidade dos territorios ocupados; ten miles de presos políticos sen garantías xudiciais, incluídos anciáns e nenos menores de idade; discrimina e vixía aos seus propios nacionais en función da súa orixe, e especialmente se non son afectos ao réxime militar - relixioso que avoga pola construción do Gran Israel ideado pola ultradereita norteamericana.

Apartheid

Pero, o derrube parcial do Muro do apartheid amosa o fracaso desta política, que ademais, reforza as posicións políticas de Hamás. Non hai solución se Israel non respecta as resolucións das Nacións Unidas e as fronteiras recoñecidas de 1967; senón respecta o dereito dos exiliados a volver a Palestina. Non hai solución sen unha Palestina libre e viable. Se dentro de Israel non inician definitivamente a transición a unha verdadeira democracia; máis a súa poboación está adormecida igual que a alemana dos anos trinta e coarenta.

Hoxe calquera apoio a Israel, directo ou indirecto, é avogar polo xenocidio do pobo palestino, por afondar na división entre o mundo occidental e as nacións árabes. Calquera apoio á política israelí en Palestina, e tamén á americana no Iraq, é darlle munición ideolóxica aos grupos terroristas integristas.

Fronte á política colonialista hai que desenvolver con moito máis pulo a Alianza de Civilizacións proposta por J.L. Rodríguez Zapatero; e esta debe dar paso xa a realidades tanxibles. Aceptar a igualdade entre os pobos e o seu dereito a decidir libremente o futuro dos seus cidadáns e das súas riquezas, a configurar unha nova orde mundial como único xeito de parar esta barbarie que acabará asolando as nosas vidas senón deixamos de mirar para outro lado.

O que pasa en Palestina e á súa poboación vainos, xa non só por solidariedade, senón porque é a única forma de deixar na cuneta aos portadores da guerra, que pretenden provocar unha involución nas nosas sociedades para manter os seus privilexios e o seu dominio clasista.

Por iso hai que parar a Israel. En defensa dos dereitos humanos, da democracia, da solidariedade, da liberdade, do Estado de dereito, da loita contra terrorista, da nosa propia seguridade... da nosa dignidade; si, ¡Liberdade e dignidade para o pobo palestino!

3,67/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »



Anteriores...