Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Cendán

Ceferino Díaz e a Autonomía Galega

11:37 12/05/2008

Ramón Piñeiro tiña razón. A Autonomía foi a apertura dun camiño novo cara ao futuro. Consolidou Galicia como nacionalidade histórica e dounos o instrumento de autogoberno que xamais antes tiveramos os galegos. De feito, hoxe toda forza política representativa ou que o pretenda ser, recoñéceo.

Todo este tempo, nunha democracia española aínda non consolidada (por exemplo: dimisión de Felipe González en maio de 1979 ou a data do 23F...); que vai desde a preautonomía até a aprobación do Estatuto galego de 1980, está reflectido por Ceferino Díaz - un dos actores fundamentais desde as súas responsabilidades na dirección dos socialistas galegos - no seu libro editado por Galaxia: “A esforzada conquista da Autonomía, 1979 – 1981”, e que leva como subtítulo “Unha ollada desde o socialismo galego”; e prólogos do Presidente Touriño e de Alfonso Guerra.

Este é un libro chamado a ocupar un lugar destacado na memoria recente do País. Reflicte desde dentro o tortuoso camiño, que finalmente, dou lugar ao actual sistema político galego. Faino sen sectarismos, aportando actas, documentos e, tamén, dando entrada a outras voces do conxunto do espectro político de entón. Fronte a quen pretenden que se esqueza de onde viñan, que defendían ou pretenden reescribila para darse un protagonismo que non tiñan.

Tras a aprobación dos estatutos catalán e vasco, a dereita pretende usar Galicia como freo na construción do incipiente Estado das Autonomías. Coa axuda obxectiva de aqueles sectores contrarios, que coa súa proposta de “Bases Constitucionais” debilitaban á Galicia autonómica; Ceferino Díaz reclama como patrimonio político do país, o papel decisivo dos socialistas, pero tamén do conxunto da esquerda, tanto do PCG, como das achegas parciais e dubitativas do POG de Camilo Nogueira (que miraba de reollo aos seus competidores no campo nacionalista), así como de outras forzas menores como o PG.

E a estas alturas, tamén, convén lembrar o papel negativo, de asociación coa UCD anti estatutaria, do PNV e CiU no Congreso dos Deputados. Evidentemente, resolto o papel que ían xogar Euskadi e Catalunya, Galicia merecía ser sacrificada para as dereitas nacionalistas, para remarcar o diferencial entre eles e o resto do Estado.

Como dicía é un percorrido por unha etapa da historia galega que recolle a preautonomía, o Grupo dos 16, o primeiro estatuto aprobado en solitario pola UCD, as mobilizacións contra a “Aldraxe”, os desacordos das forzas galegas, a longa espera, os Pactos do Hostal e o estatuto reformado e plebiscitado. Pero, tamén é un repaso polas posicións políticas dos diversos partidos, e obviamente, do PSOE federal e as súas contradicións, e as propias do incipiente PSdeG.

Non deixa de ter interese os apartados dedicados ao trasvase de militantes do PSG, o papel de Ramón Piñeiro, Realidade Galega, e a transformación da Federación Galega do PSOE en PSdeG. Así, Ceferino Díaz reivindica unha cultura socialista claramente galeguista, de defensa da identidade nacional de Galicia e do idioma galego, non só como dereito senón tamén como obriga.

Finalmente, ao abeiro do pasado histórico inmediato o proxecta como semente e base dun novo Estatuto para a Galicia do século XXI e fai unha aposta por chegar a un acordo de mínimos, que sexan asumidos por todos, e que permitan facer política de país.

Ceferino Díaz é un referente fundamental na política galega desde a Transición. As súas análises e opinións resultan de interese para o conxunto dos galegos. Estes días está a presentalo seu libro por todo o país. Recoméndolles achegarse a Ferrol o 22 de maio; aquí estará invitado pola Asociación Fuco Buxán.

2,08/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »



Anteriores...