Manuel Fraga e o PPdeG crearon o problema localizando a planta de gas en Mugardos. Determinados grupos de presión internos do PSdeG e do BNG pretenderon consolidar unha situación ilegal e non legalizable. Así, polo tanto os tres partidos galegos teñen que dar unha solución política á veciñanza de Ferrolterra. Isto só pasa pola saída de Reganosa fóra da nosa ría.
A inseguridade xurídica que pesa sobre Reganosa, reforzada ademais coa recente sentenza do TSXG que anula a modificación do PXOM de Mugardos, ao carecer a regasificadora da obrigada Declaración de Impacto Ambiental favorable, imposible dentro da ría ferrolá; o risco dun posible accidente que afecte á poboación (lembremos que o pasado 2 de xullo o LNG Rivers tivo que virar en redondo dada a súa proximidade á costa, e iniciar unha nova manobra de entrada á ría de Ferrol); xunto co rexeitamento social que xera polos seus efectos sobre a seguridade e o medioambiente; supón unha instalación que sempre estará en precario.
Mais, o apoio político á actual Reganosa atranca outros proxectos alternativos, viables e de interese para o país. Desde o Comité Cidadán seguen a propoñer que volva ao seu emprazamento orixinal, no Porto Exterior de Ferrol, que para iso foi construído, ou ben que se opte por unha plataforma OffShore. Recentemente, a Ministra de Fomento visitaba a construción dunha Terminal LNG, encargada en Cádiz para ser situada a nada menos ca dezasete quilómetros da costa adriática, ante a negativa da cidade italiana de Brindisi a tela a carón.
Tamén teño coñecemento de que o proxecto do “Superporto e Refuxio Ártabros”, continúa a súa tramitación ante os correspondentes Ministerios, apoiado por diversos grupos empresariais, incluso internacionais (véxase páxina web www.artabros.es). Este proxecto, de concretarse, non só daría resposta aos problemas da seguridade marítima galega pola súa proposta de Porto Refuxio e Base de Salvamento e Loita Contra a Contaminación Marítima, senón que tamén ofrece alternativas e/ou solucións aos problemas medioambientais e de seguridade de Reganosa.
O Superporto e Refuxio Ártabros merece ser estudado en serio, dado que este proxecto cumpre co requisitos medioambientais; Cumpre co RAMINP, ao estar situada a máis de 2 Km. de calquera núcleo de poboación e ademais dispón da barreira natural de A Bailadora; Cumpre a Directiva Europea Seveso II; Ten vía libre e directa ao mar aberto, para que o buque poida ser evacuado por si mesmo en caso de accidente; Propón un sistema de vaporización en circuíto cerrado a diferencia de Reganosa, polo que non dana a vida mariña e marisqueira; Achegaría catro veces máis gas ao sistema ao propoñer unha planta de gas de 10 bcm; e finalmente, tería un almacenamento de gas licuado somerxido de hasta 50 bcm que posibilitará rebaixar o custe do gas.
Ártabros de ser aprobada como una ampliación do Porto de Ferrol sería unha aposta polo País. Situaríanos na vangarda portuaria mundial, aportaría ese porto refuxio tan necesario para as nosas costas. Sería o pulo necesario para a reindustrialización da comarca ferrolá e que o Plan Ferrol non acaba de concretar; e aportaría a regasificadora que os nosos gobernantes din que Galicia necesita, sen problemas de seguridade nin ambientais.
É dicir, as Administracións Públicas e os partidos galegos teñen varias alternativas. A Xunta de Galicia e o Goberno Central deberan proceder a propoñer o seu traslado. Non teñen outra alternativa, e non poden seguir a frear outras iniciativas empresariais. Por iso non se entenden que estean entrampados nun indecoroso apoio á permanencia en Mugardos da regasificadora. As empresas socias de Reganosa (Endesa e Fenosa, fundamentalmente) deberan iniciar negociacións para construír a planta de gas fóra da ría de Ferrol.
Hai alternativas para o desenvolvemento sostible. Pero, en todo caso, todas pasan pola planta de gas fóra da ría de Ferrol.
Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »