A exhortación inapropiada ao silencio por parte dun xefe de estado (El-Rey) a outro (Chávez) que interrompía , de xeito inadecuado, a intervención do presidente do Goberno español nunha sesión oficial do Cumio de Chile, traspasou a categoría do anécdota para situarse no campo dos conflitos internacionais.
Nesta batalla das formas, agromou unha longa e tormentosa relación política e persoal entre Aznar e Chávez.
O desencadeante foron tres declaracións recentes. Dúas do Ex-presidente Aznar en EEUU e unha do presidente da CEOE Gerardo Díaz en Chile.
O 23 de outubro de 2007, en Miami, o ex-mandatario español afirmaba que Latinoamérica estaba ameazada por unha "nova especie totalitaria" que o presidente venezolano, Hugo Chávez, quere impoñer na rexión. O Novo Socialismo do Siglo XXI que preconiza Chávez, só pode conducir a un retroceso aos países que a apliquen. A segunda foi tivo lugar na Universidade de Georgetown, onde cualificou a Chávez de "novo dictador". Ambas declaracións están en coherencia co anuncio de Aznar feito no ano 2006, de situar entre os obxectivos prioritarios da Fundación FAES combater a Chávez, Morales e Castro.
O ronsel dos desencontros, remóntase á maio de 2001, cando Comando Estado Maior do Exército, deseña un meticuloso plano estratéxico teórico, denominado “Plan Balboa”, no que a OTAN e EEUU, invadían a rexión occidental de Venezuela.
Sintonía entre Aznar e EEUU, que un ano máis tarde exhibirían, ao unísono no Golpe de Estado de abril de 2002. No comunicado conxunto hispanonorteamericano, apoiábase ao efémero ditador Pedro Carmona. Xuntos foron tamén os embaixadores de España en Caracas (Viturro de la Torre) e EEUU (Charles Shapiro) a visitar ao Presidente de patronal Venezolana convertido en Presidente, por vía Golpista. Apoio e disponibilidade expresada persoalmente por José María Aznar, nunha nota da axencia efe.
Se quedaba algunha dúbida, foi disipada polo comunicado do Ministro de Asuntos Exteriores en exercicio, Josep Piqué: “ Todos víamos como a situación se facíase insostíbel. A propia posición do presidente Chávez, cada vez con menos apoios institucionais, populares e cun rexeitamento crecente da poboación".
En novembro ano 2004, chegaría a confirmación definitiva. O actual Ministro de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, sinalaba directamente a Aznar como cómplice activo do golpe. Aseveración confirmada dende a outra beira do Atlántico, polo daquela, Ministro de asuntos exteriores de México, Jorge Castañeda. Nunha entrevista ao xornal “Reforma” atribuía a México e a Chile, ter impedido que prosperasen as iniciativas de Estados Unidos, España, Colombia e El Salvador para que tivese éxito o golpe de Estado contra el presidente venezolano. Neutralizando a intensa actividade progolpista do Embaixador de España en Venezuela, o galego Viturro de la Torre.
Na ausencia de condena ,mesmo na xustificación, non estivo só o goberno de Aznar. Repasar nas hemerotecas a xornais, como El País,ou artigos de CNN+ como “El golpe que nunca exístió” é un exercicio rigor necesario.
O terceiro desencadeante, foron as preocupacións, as queixas pola inseguridade xurídica empresarial ou as cualificacións de países pouco atractivos coas que Gerardo Díaz se expresou. no Cumio Iberoamericano de empresarios, paralelo ao oficial.
Na verdade, Chávez non precisa excesivos pretextos para mergullarse en litixios internacionais. Nos últimos anos lémbranse crises diplomáticas con Tabaré Vázquez por mor do acordo de Libre Comercio con EEUU, que Uruguai está a valorar. Con Uribe temas relacionados con guerrillas e paramilitares. Con Vicente Fox por consideralo lacaio dos EEUU. Con Lula por ter optado polos biocombustibeis ou polo Mercosur. Con Alán García por ter apoiado nas eleccións a Ollanta Humala. Con Felique Calderón por defender as teses do Consenso de Washington no foro de Davos…. Todas estas crises, encontraron unha saída diplomática.
Nada máis pisar terra no aeroporto satiaguino “Comodoro Arturo Merino Benítez”, o presidente venzuelano, xa estaba criticando o modelo social de Chile por non acabar coa desigualdade e pedindo unha saída ao mar para Bolivia, polas actuais fronteiras chilenas. Todo un exercicio de fina diplomacia internacional dirixida aos anfitrións do Cumio Iberoamericano.
Pero o conflito entre un presidente que non sabe gardar as formas e un xefe de estado que perdeu as formas, non se circunscribe a un diferendo de protocolo.
Con certeza, ambos El-Rey e Hugo Chávez, faltaron ao respecto da moderadora, á Presidenta do Cumio Michelle Bachelet, que infrutuosamente pedía que non se interrompesen no uso da palabra.
Mais no fondo do virulento estoupido desta crise das formas, está unha profunda fenda de modelos económicos, de intereses comerciais, de control de recursos enerxéticos, de alianzas internacionais, de proxectos políticos, de conceptos de democracia.
Por tanto, a crise debe pasar da anécdota das formas ao debate argumentado e rigoroso dos modelos que cada un representa. Aquí, si hai debate!
Naceu no ano 1958. É analista internacional. Experto en América Latina, onde ten coordenado múltiples encontros internacionais. Coautor de diferentes libros coma: O Conflito dos Balcáns, Cuba: independencia e Revolución, Rusia: das orixes á crise dun modelo, Homenaxes á Lois Tobío... Colabora tamén con A Nosa Terra, A Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Tempos Novos. Foi Coordenador Editorial de Tempo Exterior. Na actualidade dirixe o Instituto para a Proxección e a Análise Exterior (IPAEX). »