Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Laudelino Pellitero

A hora de Telesur

10:35 10/07/2009

Moitos venezonalos acordaron o día 28 de xuño, co son dunha mensaxe sms no seu móbil: “ Secuestraron na súa casa ao Presidente Zelaya e anda desaparecido...segue a noticia por Telesur”.

A esa hora o Presidente Chavez dirixíase a nación para facer responsábeis da vida do Presidente de Honduras aos militares que o detiveran na súa casa”. A partir dese momento tanto a CNN, como Telesur fixeron un seguimento puntual exhaustivo e continúo do golpe de estado en Honduras. Mais, loxicamente dende ópticas situadas nas antípodas, pero que deron un punto de equilibrio para poder xulgar o que estaba acontecendo en Honduras e no continente.

A rancia canle continental de Telesur, con sede en Caracas, que non conseguira até agora índices de audiencia representativos. Perdíase nunha foresta de programas culturais etnicistas, de documentais anacrónicos, de películas propias do realismo social, de programas de producción propia pouco atractivos, de encargos de pouca cualidade técnica e dubidoso rigor argumental. Pero o 28 de xuño, tivo o seu gran día, facendo o seguimento do golpe de estado en Honduras.

Por entrevistas a Telesur, en directo, soubemos da tremente voz da Ministra de Asuntos Exteriores de Honduras Patricia Rodas que anunciaba que o presidente estaba desaparecido. Na mesma canle a primeira dama de Honduras, Xiomara Castro de Zelaya, confirmaba o secuestro do seu marido, agachada nas montañas do Oriente, a onde acudira para acompañar o proceso da consulta popular prevista para ese día.

Por Telesur sóubose que os embaixadores de Cuba, Venezuela e Nicaragua estaban retidos. Asistimos en directo a rolda de prensa diante de 150 xornalistas internacionais do deposto presidente de Honduras dende Costa Rica. No medio da rolda foi informado dos termos da súa suposta carta de renuncia lida no parlamento polos golpistas, carta que endexamais redactou, nin asinou, tal como puidemos comprobar na rolda transmitida por Telesur.

O canal con sede en Caracas, ofreceu en vivo o discurso de Zelaya na sede das Nacións Unidas. Na disertación contou como na madrugada do día 28-X, douscentos homes armados entraron na súa casa rebentando a pechadura con tiros, dando golpes, reducindo á garda persoal, disparando refagas indiscriminadas. Deu detalles de como lle arrincaron violentamente o móbil, no que estaba dando conta da situación a un xornalista. Impresionante testemuña que enmudeceu pola emoción cando a voz quebrou ata apagarse sen chegar a relatar o que os militares lle fixeran a súa filla de vintedous anos que durmía na casa.

Mais o día no que acadou maior impacto mediático foi o do 5 de xullo, cando unha cámara de Telesur estaba en posición adecuada para transmitir a chegada do avión presidencial ao aeroporto de Toncontín. Nas imaxes de plano xeral podíase observar quen eran os armados, quen os que disparaban, quen eran os violentos, quen eran os reprimidos, de onde proviñan os tiros, quen foron as víctimas… propia cronista de Telesur apostada nun lugar reservado e identificado para os xornalistas tivo que fuxir desaborida entre as refagas erráticas do exército. Por Telesur seguíronse os cambios do discurso dos golpistas: primeiro abrindo ás portas ao presidente Zelaya, para que regresase cando quixese. Logo para ameazalo con detelo e xulgalo por 18 causas abertas se poñía un pé en Tegucigalpa. Despois como impediron que aterrase a misión internacional que levaba a Zelaya colocando camións no medio da pista. Ameazando con interceptar militarmente a avioneta se continuaba sobrevoando o aeroporto.

As imaxes falaban por si soas. As palabras dos cronistas sobraban, eran superfluas. A gran hora de Telesur chegara, Por fin!. Non era pola calidade das imaxes, nin polo atinados comentarios xornalísticos, nin pola obxectividade dos cronistas. A gran hora de Telesur chegara porque, a maioría dos medios de comunicación latinoamericanos eran socios dos grupos mediaticos que anunciaron, acompañaron e sosteñen aos golpistas.

Relevancia decisiva de Telesur porque na Sociedade Interamericana de Prensa, á que pertencen as grandes cabeceiras de prensa Centroamericana, incluída Honduras, nos grandes xornais de Latinoamérica, se lexitima o golpe, se considera necesaria a transición cara ao goberno de facto, se acusa a Zelaya de ser o causante da violencia e non aos que detentan as armas e disparan contra a multitude indefensa, se alcuma de inconstitucional e golpista a Zelaya, se defende o dereito de soberanía nacional, se condena a inxerencia internacional nos problemas internos.

A importancia do traballo de Telesur que se iniciou o 28 de xuño, non foi so o feito de acompañar informativamente o atraco á democracia hondureña ou achegar probas sobre quen eran os violentos. Dar voz aos medios silenciados pola dictadura de Roberto Micheletti.

A verdadeira relevancia de Telesur adquirida a partir do 28-x, foi deixar espidos a gran cantidade de poderosos medios vinculados a grandes grupos económicos que se colocaron de parte da dictadura, que fracturaron os consensos básicos sobre o respecto á democracia. Hoxe a democracia no continente é máis fráxil que hai unha semana e Telesur deixou á vista os novos perigos para a convivencia en liberdade en moitos países de Latinoamérica. As voces que defenden a democracia como valor supremo para o respecto as diferencias son hoxe menos numerosas que hai unha semana. Se hoxe sabemos que as democracias están máis ameazadas do que imaxinabamos, é grazas a Telesur.

4,2/5 (25 votos)



Naceu no ano 1958. É analista internacional. Experto en América Latina, onde ten coordenado múltiples encontros internacionais. Coautor de diferentes libros coma: O Conflito dos Balcáns, Cuba: independencia e Revolución, Rusia: das orixes á crise dun modelo, Homenaxes á Lois Tobío... Colabora tamén con A Nosa Terra, A Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Tempos Novos. Foi Coordenador Editorial de Tempo Exterior. Na actualidade dirixe o Instituto para a Proxección e a Análise Exterior (IPAEX). »



Anteriores...