Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Laudelino Pellitero

Venezuela... Todo igual?

14:20 28/11/2008

Por favor! di a verdade..., se te deixan! Así se dirixía o Presidente de Venezuela á xornalista da CNN, a colombiana Patricia Janiot, na rolda de prensa internacional, posterior ás eleccións rexionais de Venezuela do 23-N do 2008.

Referíase Hugo Chávez, ao titular que foi cabeceira de múltiples, televisións, radios e xornais de todo o mundo, nos que se lle atribuía ao presidente a frase, distribuída pola CNN en español: “ Se gaña a oposición...vou sacar os tanques”.

Nun ton paternal confesando que coidaba que a xornalista era unha muller, boa profesional e honesta... “pero eu sei que ti o dixeches, porque eu escoiteite e deume tristura...porque o que eu dixen é que no caso de que a oposición gañase gobernacións e tratase de converter os estados en bases para o golpismo, a violencia e o separatismo, tería que sacar os tanques á rúa”. Endexamais ameacei con sacar os tanques se perdíamos”...”Pídoche e o digas así en honor á verdade e á moral...”

Este foi o momento máis intenso da rolda na que Chávez, na que o Presidente se amosaba satisfeito por retornar a cifras similares ás conseguidas durante o referendo revogatorio do 15 de agosto de 2004, onde conseguira o 58% contra do 42% da oposición

A consecuencias daquel referendo foran devastadoras para a oposición, aglutinada daquela ao redor da Coordinadora Democrática, presidida polo Copeiano  Enrique Mendoza, quen non aceptou os resultados, nin as auditorías do Centro Cárter e da OEA. Crebou, esnaquizouse, perdeu a capacidade mobilizadora, o apoio incondicional de medios de comunicación como Televen ou Venevisión.

As eleccións rexionais de outubro 2004, tan só dous meses despois do revogatorio colleu a oposición en plena catarse, en acedos debates internos sobre a estratexia a seguir, sobre si participar ou non, tendo como árbitro un Consello Nacional Electoral (CNE) considerado como parcial e ilexítimo. Non houbo postura coordinada, algúns candidatos retiráronse de xeito formal, outros mantivéronse, sobre todo aqueles que tiñan posibilidades conseguir o respaldo popular para ser electos. O resultado foi unha esmagadora vitoria oficialista en 20 das 22 gobernacións.

Catro anos máis tarde o oficialismo volve gañar en gañar en 17 dos 22 estados, na cidade máis  populosa de Venezuela e no 80% dos municipios do pais, (máis de 265 alcaldías), mesmo mellorando o seu resultado de 2004.

Superada a fochanca da perda do referendo constitucional de decembro de 2007, o primeiro e único revés en nove anos de mandato, todo semella retornar as posicións de 2004, un Chávez sólido e unha oposición enquistada ao redor do 40%.

Mais, existen novidades significativas. A vitoria cualitativa máis importante da oposición deuse no municipio capitalino de Sucre, onde un novo líder de 36 anos, do partido conservador Primero Justicia, gañou unha importante alcaldía, no corazón dos “ranchitos”.  O oposición ten a grande oportunidade de demostrar que ten programa para os menos favorecidos, que se implica na redistribución da riqueza, na erradicación da pobreza e da violencia nos barrios, que ten  programa para xestión nun electorado que ata o de agora, era patrimonio exclusivo do Chavismo.

Chávez sigue a ter un grave problema de comunicación coas clases urbanas e as clases medias, onde non consegue progreso algún. Conta coa vantaxe de ter unha oposición dividida, aínda que se presente xunta. As eleccións rexionais non contribuíron a clarificar liderados. Cada un dos cinco Estados gañados pola oposición terá gobernador dun partido diferente (Primero Justicia, Accion Democrática, Un Nuevo tiempo, Copei e Proyecto Venezuela.

Pola contra o PSUV, partido oficialista está agora unido. As eleccións cortaron a cabeza de todos os gobernadores disidentes, e laminaron a cota de poder interna de aliados como o PPT (Patria para Todos) ou do PCV(Partido Comunista de Venezuela), que aportaban unha nómina cualificada de cadros con bagaxe política, formación e eficiencia. As feridas internas aínda non cicatrizaron.

O goberno enfróntase a novos retos: administrar con menores ingresos por petróleo, mellorara  eficiencia na xestión,  profesionalización  dos executivos, transparencia na administración,  separación entre partido e estado, combate de violencia ou  persecución da corrupción son algúns dos temas que marcarán o futuro de Venezuela.

Os resultados das rexionais de novembro de 2004, onde os partidos do Goberno obtiveron o 57,33% dos votos e a oposición o 42,67, poder ser case idénticos aos do revogatorio do 2004, pero Venezuela non é a mesma, as demandas sociais tampouco e o contexto radicalmente diferente.

4,35/5 (17 votos)



Naceu no ano 1958. É analista internacional. Experto en América Latina, onde ten coordenado múltiples encontros internacionais. Coautor de diferentes libros coma: O Conflito dos Balcáns, Cuba: independencia e Revolución, Rusia: das orixes á crise dun modelo, Homenaxes á Lois Tobío... Colabora tamén con A Nosa Terra, A Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Tempos Novos. Foi Coordenador Editorial de Tempo Exterior. Na actualidade dirixe o Instituto para a Proxección e a Análise Exterior (IPAEX). »



Anteriores...