A virulencia coa que estoupou a crise das formas entre España e Venzuela, pouco ten que ver coa anécdota da incontinencia verbal do Presidente Bolivariano ou do Monarca Hispano.
No cerne da descualificacións grotescas que envolven a crise das formas hai unha mistura de: facturas históricas pendentes, prepotencia post-colonial, discurso emancipador, eurocentrismo recalcitrante, fracaso económico do neoliberalisno no continente durante a década dos 90, rebeldía filial e abundantes doses de despropósitos diplomático.
Pero, se existe unha verdadeira razón que poida explicar a desmedida repercusión dun incidente de formas, esa non é outra que a difícil dixestión internacional do xenuíno modelo social, económico e político que hoxe representa Venezuela.
No seu interior coexisten dúas venezuelas políticas, antagónicas, incomunicadas, con aparatos mediáticos propios ignoran aos rivais políticos. Dende a chegada de Chávez, representan socioloxicamente ao 60% e ao 40% da poboación.
Achegarse á realidade do país caribeño, para difundir a realidade venezonala dende o prisma exclusivo dunha das partes é un erro grave. Só así se poden explicar afirmacións gratuítas, terxiversacións grotescas ou análises desenfocadas como as aparecidas nos grandes medios de comunicación galegos, dende o estoupido da crise das formas.
Nin existe desabastecemento de produtos alimentarios básicos, nin o goberno exterminou a RadioCaracas TV, nin a inflación é superior ao 100%, nin a violencia existente é patrimonio dos oficialistas, nin a oposición utiliza canles exclusivamente democráticas, nin o goberno controla todos os medios de comunicación, nin todas as enquisas apuntan ao triunfo do non.
Os alimentos básicos poden atoparse nos circuítos de distribución paralelos a prezos máis acordes ao custe real. Dende que a RCTV lle caducou a concesión, emite por cabo e está presente de forma legal en máis do 30% dos fogares venezolanos, cun agresivo discurso antichavista. A inflación anual é do 17%, a máis alta de América, pero a anos luz dos tres díxitos. Violencia e mortos hai por ambos bandos, pero se houbese que facer balance final, as vítimas oficialistas superarían ás opositoras. Segundo unha pesquisa desta semana o 59% dos espazos aparecidos no medios impresos defendían o non a proposto constitucional. Existen enquisas de diverso signo, con resultados favorables e contrarios a reforma, pero algunhas que dan como maioritario ao non, e son rebotadas a Galicia, teñen erros mostrais gravísimos. Solo pesquisan no centro das grandes urbes, onde o electorado é maioritariamente opositor.
Na última semana, teñen acontecido varios feitos que invitan a unha preocupada reflexión:
1.- Estase creando unha matriz de opinión con enquisas de pouco rigor estatístico, e erros mostrais patentes que dan como gañador ao non. Empresas como Datanálisis que hai dez días daban como imposíbel o trunfo do non, teñen mudado en tres días as súas conclusións, para considerar que é maioritario o non. Un cambio de conclusións de imposible encaixe no rigor demoscópico.
2.-Partidos tradicionais como Acción Democrática, que propugnaban a abstención, a 4 días do referendo mudan a súa posición para pedir abertamente o non.
3.-Dende a oposición se teñen programado e protagonizado disturbios violentos con resultado de morte na semana mesma do referendo. A quen lle pode interesar máis a crispación e a violencia? Aos que acreditan nunha vitoria inminente nas urnas? ou aos que queren xerar un descreto no proceso electoral?.
4.-Os servizos de intelixencia oficiais teñen filtrado documentos nos que a CIA, da por seguro o triunfo do SI cunha diferencia entre 10 e 13 puntos, (57% a 43%) nos que se traza a “Operación Tenaza” para financiar e organizar disturbios que impidan o referendo ou que se descoñezan os resultados.
A popularidade da nova constitución é menor que a popularidade de Chávez que aínda rolda o 63%. Principalmente entres os sectores máis desfavorecidos, beneficiarios de grandes programas sociais.
Pero, moitos dos actores implicados no proceso de cambio dubidan na necesidade dunha nova constitución a menos dunha década do proceso constituínte bolivariano. A base política chavista sufriu unha fractura importante coa saída do partido Podemos. O posicionamento contrario do mítico Ex-xeneral en Xefe do Exército Bolivariano, Raul Isaías Baduel, ten causado desconcerto nas bases do chavismo. Moitos dos artigos na nova constitución son difíciles de dixerir para unha parte moderada do electorado que apoia o proceso de cambio, pero non modelos que acentúan o poder do estado. Un sector maioritario do país coñecido como os “ni-ni”, que no militan activamente en ningunha das dúas opcións, creen que nesta constitución non caben as dúas venezuelas.
Por tanto, é previsíbel, un resultado máis apertado que noutros procesos electorais a favor das teses oficialistas. Neste contexto, unha oposición que ten xogado sempre a boicotear os procesos electorais, pode encontrar o caldo de cultivo para tratar de promover desordes e deslixitimar os resultados.
Teñen fracasado na estratexia de disturbios (Guarimbas) noutras eleccións. Teñen fracasado nas guarimbas desta semana. Pero ogallá o domingo, gañe quen gañe, pola marxe que sexa, ninguén cuestione os resultados dun país cun dos mecanismos electorais máis transparentes do mundo.
Naceu no ano 1958. É analista internacional. Experto en América Latina, onde ten coordenado múltiples encontros internacionais. Coautor de diferentes libros coma: O Conflito dos Balcáns, Cuba: independencia e Revolución, Rusia: das orixes á crise dun modelo, Homenaxes á Lois Tobío... Colabora tamén con A Nosa Terra, A Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Tempos Novos. Foi Coordenador Editorial de Tempo Exterior. Na actualidade dirixe o Instituto para a Proxección e a Análise Exterior (IPAEX). »