"Primeiro foi ferido nunha perna por retallos dunha bomba. Non podía fuxir. Catro guerrilleiras tentaron levalo en brazos ata o pobo de Santa Rosa, pero foron alcanzados por disparos. R. Reyes morreu por unha bala no peito." Así describía Augusto Rojas para Clarín, o xornal de maior difusión de América Latina, as circunstancias nas que era ultimado Luis Edgar Devia Silva (Raul Reyes).
Trátase do mesmo xornalista que, en agosto de 2007, lle fixera a última entrevista coñecida ao número dous dás FARC. Reyes, afirmaba que no futuro poderían colaborar nun eventual goberno progresista en Colombia, como nun goberno que podería encabezar o Polo Democrático, ou nos de Ecuador, Bolivia ou Arxentina.
O responsable de internacional do grupo armado, o contacto directo para a liberación de secuestrados, o interlocutor de Sarkocy e de Hugo Chávez, o líder que fora recibido no Vaticano por monseñor Giorgio Lingua en febreiro do 2000; o negociador necesario de todos os intentos de procesos de Paz, era aniquilado, nunha operación que violaba as fronteiras de Ecuador, vulnerando a legalidade internacional.
¿Por que se quería a Reyes morto? ¿Por que abatelo agora cando estaban en marcha liberacións unilaterais?. Se como afirma o ministro de Exteriores francés, Bernard Kouchner, o xefe guerrilleiro colombiano Raúl Reyes era o contacto de París nas negociacións para a liberación de Ingrid Betancourt...¿por que abortar bruscamente o proceso? Se coñecían a localización de Reyes en Ecuador...¿porque non se activou a Comisión Binacional de Fronteira (Combifron), que establece os protocolos de actuación bilaterais nestes casos?. Se a violación das fronteiras é de extrema gravidade...¿non se preveu a desestabilación política da zona andina?. Se politicamente Colombia está illada en Sudamérica.. ¿Por que só procurou o previo apoio externo de Washington.? O respaldo da acción militar en territorio Ecuatoriano de Tom Casey, voceiro do departamento de Estado?
Non vai ter fácil o goberno colombiano convencer aos observadores internacionais de que se tratou dun casual enfrontamento entre a guerrilla e forzas do exército e da policía colombiana. De que se defenderon dun ataque proveniente desde territorio ecuatoriano. De que estaban a exercer o principio de autodefensa.
A análise balística demostra que o campamento das FARC foi bombardeado de sur a norte, dende o interior de Ecuador cara a fronteira colombiana, antes de que tropas transportadas en helicópteros acabasen con insurxentes, algúns deles con tiros nas costas.
A extrema gravidade do crise non radica a desaparición Luis Edgar Devia Silv, nin na habitual sobreactuación de Hugo Chávez que só distorsiona a percepción do conflito, na que torpemente teiman a maioría dos medios españois... senón, na alteración dos equilibrios políticos rexionais e continentais.
Solo así se pode entender a unanimidade de América Latina na rotunda condena a incursión militar en territorio ecuatoriano.
Bachellet de Chile, Tabaré de Uruguai, Duarte de Paraguai, Cristina Kirchner de Arxentina, Lula de Brasil, Evo Morales de Bolivia, Hugo Chávez de Venezuela ou Eduardo Correa teñen pronunciado duras declaracións, nunca coñecidas neste século. No caso de Brasil aludindo ao perigo que supón o poderío militar Colombiano, asesorado polos EEUU.
Presidentes tan pouco próximos a Chávez, como Alán García de Perú, país no que tamén se refuxian as FARC, teñen condenalo a agresión ás fronteiras e ao dereito internacional. O outro fiel aliado de EEUU no continente, México, non se atreveu a manifestar o seu apoio incondicional a Colombia.
Probablemente Uribe debe a súa popularidade interna e a Presidencia de Colombia, á existencia dun grupo armado que é abrumadoramente rexeitado pola poboación.
Pero en Colombia conviven as mesmas fracturas sociais, as mesmas desigualdades que deron lugar a cambios de ciclo político de progreso no resto do continente.
Hai tempo que, no taboleiro andino, os peóns se axitan a marxe das normas establecidas polos marcos legais vixentes. Todo indica que a precaria e imperfecta normalidade democrática, se precipita cara a grandes sobresaltos, na rexión máis indíxena e pobre do continente.
O mapa político que se deu América Latina na última década, non goza de simpatías ao norte do Río Grande. Hai que quere sacudilo, removelo ou mesmo rachalo.
As próximas eleccións de Paraguai e Salvador, transitan cara a procesos de cambio en sintonía co resto do continente, no que Colombia é unha illa.
Nada do acontecido estes días na fronteira de Ecuador é un erro, unha casualidade, unha improvisación ou unha actuación desautorizada.
Nada disto foi un erro!.
Naceu no ano 1958. É analista internacional. Experto en América Latina, onde ten coordenado múltiples encontros internacionais. Coautor de diferentes libros coma: O Conflito dos Balcáns, Cuba: independencia e Revolución, Rusia: das orixes á crise dun modelo, Homenaxes á Lois Tobío... Colabora tamén con A Nosa Terra, A Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Tempos Novos. Foi Coordenador Editorial de Tempo Exterior. Na actualidade dirixe o Instituto para a Proxección e a Análise Exterior (IPAEX). »