Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Laudelino Pellitero

Campañas duras e agresivas

13:00 20/03/2009

Vostede é o candidato do grande capital, da banca, dos especuladores financeiros, das privatizacións....” espetáballe Geraldo Alckimin, candidato á presidencia de Brasil polo PSDB ao Presidente Lula, durante o segundo debate televisado, coincidindo coas teses dos sectores máis esquerdistas do partido e cos disidentes do PT.

“agora que o di vostede, é posible que eu sexa o candidato que máis ten favorecido aos grupos económicos, que sexa quen máis teña feito polo grande capital...mais, que ingratos son eles! Que desagradecidos! Todos eles o votan a vostede e ao seu partido”. Debatían, na segunda volta das presidenciais do 2006, unha das máis duras e agresivas que se tiñan coñecido no Brasil.

As campañas electorais deixaron de ser o escaparate onde se contrastan programas e accións de goberno. As campañas son estratexias de conquista do poder onde todo vale, onde todo se xustifica se finalmente se consegue o goberno e o control dos instrumentos de poder, especialmente económicos.

O partido responsable da privatización xigantesca empresa mineira Vale do Río Doce (PSDB), feita no 1997, durante o goberno de Fernando Henrique Cardoso, pode acusar, en campaña electoral, ao PT, partido que defende a xestión pública de ser o maior privatizador despois de por en mans privadas a segunda empresa do país, tras da Petrobrás. Cando o patrimonio da empresa estatal, era de 30.000 millóns de euros, fíxose a maior privatización dunha empresa da historia do Brasil por un prezo que dividía por 28 o su valor,. Calcúlase que entre 1998 o primeiro semestre de 2007, os beneficios obtidos foron de 13.000 millóns de euros, cos que o Estado podería dispor de recursos suficientes como para construír 167 hospitais, 202.000 vivendas ou68 universidades.
Se incoherencias ou mentiras mentiras están permitidas en política, tamén o están a difamación,  a calumnia e a infamia.

No ano 2004 o xornalista do Larry Rohter publicaba no dominical do New York Times un famoso artigo onde se afirmaba que o presidente Lula tiña unha adicción alcoholica, recollendo noticias publicadas polos grandes xornais do Brasil como a Folha de Sao Paulo. A campaña de desacreditación persoal dos grandes medios brasileiros, recollían supostas anécdotas da biografía de Lula en estado ebrio. Amosaban a grande preocupación nacional por un presidente que tiña desatendidas as responsabilidades propias dun Xefe de Estado, ao ser adicto á cachaza ou a cervexa.

Que nos medios de comunicación xogan un papel determinante na información e nas transmisión de mensaxes é unha obviedade. Que son grupos económicos relacionados con proxectos económicos tamén. Que o beneficio empresarial é unha prioridade nos medios modernos, outrosí.
Quizais por iso o  presidente Lula sa Silva pensou que inxectando diñeiro nos balances dos medios de comunicación podería frear ataques sistemáticos contra o seu goberno e a súa persoa. Sendo novato no  Palacio do Planalto, estableceu contactos co Grupo de Comunicación O Globo (Premio Príncipe de Asturias 1986), o maior entramado mediático de Brasil e de América Latina, en mans da familia Mariño, que atravesaba un delicado momento financeiro.

O novo presidente coidaba que salvando ao grupo Globo da creba, mediante convenios de difusión da acción de goberno e de información á cidadanía podería neutralizar un poder tradicionalmente hostil. Non tanto para que falase ben do  goberno, senón para que acabase cosa cacería.

Grave erro o cometido polo presidente, no que teñen reincidido noutras latitudes. Unha vez superada a crise económica o grupo de comunicación O Globo, retornou ao antigo rumbo converténdose no mascarón de proa co que embestir á acción de goberno do PT, especialmente nos períodos electorais, acentuando os titulares con temáticas de corrupción, luxos, despilfarro, dando ampla cobertura aos grupos disidentes nas loitas intestinas no goberno e no partido que sustenta ao goberno, etc.

Conceptos como campañas electorais duras, agresivas ou sucia son validos para calquera punto do planeta, pero en América Latina acadan o pleno significado.
Brasil, Venezuela, Perú, México, Nicaragua ou Salvador son algúns do exemplos máis paradigmáticos. O flamante  presidente do Salvador Mauricio Funes, foi acusado en campaña de: defraudador, delator do seu irmán asasinado, pai de drogadictos, maltratador familiar, corrupto receptor de subornos,  esquizofrénico en tratamento mental, exterminador do exército...

Se un equipo de campaña descoida esta fronte, pode regalar unhas eleccións en quince días, despois de levar vantaxes nas pesquisas aparentemente insuperableis. A historia récente ilústrase con múltiples casos: Brasil, Perú, Nicaragua, México..

Partidos que padeceron campañas duras, agresivas ou sucias e deron analizado os procesos vividos en primeira persoa, insisten nun factor fundamental para contrarrestar estes fenómenos.
 É imprescindible articular a construción de sólidas redes áxiles de apoio social á acción de goberno. Exercer o goberno lonxe das bases de apoio social, inconexa  cos seus electores, aséntase sobre alicerces fráxiles que calquera campaña electoral  dura e agresiva pode volatilizar en quince días.

4,59/5 (29 votos)



Naceu no ano 1958. É analista internacional. Experto en América Latina, onde ten coordenado múltiples encontros internacionais. Coautor de diferentes libros coma: O Conflito dos Balcáns, Cuba: independencia e Revolución, Rusia: das orixes á crise dun modelo, Homenaxes á Lois Tobío... Colabora tamén con A Nosa Terra, A Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Tempos Novos. Foi Coordenador Editorial de Tempo Exterior. Na actualidade dirixe o Instituto para a Proxección e a Análise Exterior (IPAEX). »



Anteriores...